Seguidores e seguidoras

sábado, 27 de agosto de 2011

Forcadas

Hoxe fun con Pepe Vidal ao encoro das Forcadas, no concello de Valdoviño. Esta presa, dunhas 150 hectáreas de superficie e menos de 15 m. de profundidade máxima,  está situada a 5 Km da lagoa litoral da Frouxeira, coa que forma un interesante conxunto húmido. A súa tranquilidade e vexetación palustre fai que as aves acuáticas atopen aqui un bon lugar para a nidificación. Nesta época do ano, ademáis, cando o nivel hídrico esta máis baixo, podemos observar algunhas especies pouco frecuentes que paran nos pasos migratorios a descansar.

  Cando chegamos, a néboa e a escasa luz da mañá proporcionaban un ambiente fantasmagórico. A estampa do illote lembraba bastante a un lago escocés.

 Fun con ganas de fotografar acuáticas para esta primeira entrada, pero non tiven ocasión. Estaban lonxe e non cadrou. Os que non faltaron á cita foron os Picafollas comúns (Phylloscopus ibericus), omnipresentes nos salgueirais ribeireños. Observamos tamén algún Picafollas cantor (P.trochilus) pero non querían saír na foto.

 Mentras estábamos na "enseada do Pereiro", apareceu unha femia de Corzo (Capreolus capreolus) coa súa cría detrás. Paseaban pola ribeira pantanosa desfrutando do sol da mañá. Hai vinte anos isto sería noticiábel, pero actualmente o corzo volveuse tan común na comarca de Ferrol-Ortegal que o raro é case non velos.

 Pepe, "dándolo todo" (o que sostén na mán dereita non é unha lata de Heineken, que conste, senón o adaptador para o digiscoping)

 Como máis destacado, únicamente unha Becacina (Gallinago gallinago). A primeira da temporada. Poño unha foto testemuñal.

En Loiravella baixamos polos prados ata a mesma ribeira. Había que ter cuidado, ¿este pastor terá corriente ou non? Uns minutos antes Pepe comprobou que había algún que sí tiña...

 Camiñando ao pé dun cinturón de Juncus e Typha puidemos observar varias especies de odonatos. Aproveito para comentar que a miña biblioteca natural é bastante limitada e, sobre todo en invertebrados, teño guías de carácter xeral. Como non dispoño de guías específicas de Libélulas, Bolboretas ou Coleópteros, por exemplo, as miñas identificacións moitas veces quedaranse en determinar simplemente o xénero do bicho, ou un grupo de parientes próximos. A partir daí os expertos poderán axudarme cando gosten.
  Grazas a Martiño Cabana podemos saber que este cabalo de demo é, probablemente, un Enallagma cyathigerum. A segunda foto corresponde a unha Ischnura sp (para distinguir a graelsii da elegans necesitaríase unha vista lateral do tórax).


Ambos insectos estaban na localización UTM 0575 4827, a  uns 170 m. snm. Hai xente traballando nos atlas de insectos e por ese motivo vou aportar as coordenadas en todas as observacións. Todo persoa que queira aproveitar as miñas citas publicadas neste blogue é libre de facelo.
 Nunha pista forestal (0573  4828) apareceu unha vistosa bolboreta Euplagia quadripunctaria, coñecida en español  por Calimorfa ou Mariposa tigre. As alas posteriores, dunha chamativa cor laranxa fican ocultas cando está pousada. Había moitos anos que non vía esta bolboreta por Ferrolterra.

 Mentras afotaba a bolboreta o cabrón de Pepe me afotou a min. Na foto parece que estou facendo unha "forma" de Tai-Chi, pero realmente estaba paralizado polo terror. Unha perigosa mosca doméstica ameazaba a miña integridade desde o meu ombro esquerdo...

 No mesmo camiño, apareceu un "bicho" que non sabía se era un polbo terrestre, un alien ou unha estrela de mar.. Afortunadamente Pepe, que pertence a unha asociación micolóxica, aclaraoume o misterio. Trátase dunha seta! a Clathus archeri. Ao parecer introducida na Franza na primeira guerra mundial, probablemente por soldados australianos que translocarían as esporas deste fungo desde o hemisferio austral. Detectado nos anos sesenta nos Pirineos, agora xa o temos por Ferrolterra.

 Ben, ao mellor mañá visito os prados de Taraza. Polo visto xa comeza a entrada de paseriformes outonais.
Ata a próxima!

2 comentarios:

  1. O primeiro odonato paréceme unha Enallagma cyathigerum (non é do xénero Coenagrion) e a segunda parece unha Ischnura, probablemente elegans que é máis abundante na costa. A especie que citas non existe na Península Ibérica. Para distinguir unha I. graellsii dunha elegans, tes que facer unha foto lateral do tórax. A elegans ten un "pincho" no tórax e o graellsii, non o ten. Pero tamén hai exemplares híbridos.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, Martiño. Xa o corrixín. Decía o outro día que probablemente había ser eu o que máis aprendera con isto do bloge, a través dos vosos comentarios e correccións. Aquí temos o primeiro exemplo.

    ResponderEliminar