Seguidores e seguidoras

sábado, 3 de septiembre de 2011

Ortigueira, primeira entrada.

Un dos lugares que seguramente vai ter moitas entradas neste blogue é a ría de Ortigueira. Ésta será pois a primeira toma de contacto, logo dunha visita esta mañá.
  Localizada nos concellos de Cariño e Ortigueira, é un coñecido lugar de referencia para todas as ornitólogas e ornitólogos da zona. Tanto para os que gostan das rarezas norteñas, bastante habituais durante o inverno, como para os que desfrutan contabilizando os grandes bandos de anátidas e larolimícolas. Igualmente resulta moi agradecida esta ría para os que se decantan pola fotografía da Natureza, caso dos amigos de "Calidris", un grupo ornitolóxico local.
 A área pertencente ao termo municipal de Cariño (sector W-NW) ten especial interese para a observación de aves mergulladoras (Gavia sp, Podiceps spp,  melanitta spp ou Mergus spp), limícolas de costa rochosa (coma o escaso Calidiris maritima), Gaivotas de todas as especies habidas e por haber, e aves mariñas en xeral. A zona correspondente ao concello de Ortigueira (a maior parte) posúe as maiores áreas de marisma, como Mera ou Ladrido e, lóxicamente tamén, as maiores poboacións de anátidas e limícolas.


 Hoxe a marea estaba alta, moito máis do que anunciaba a previsión. Foi ún dos motivos de que decidira voltar a Ferrol antes do previsto (o outro foi que os tres accesos que emprego habitualmente para ir ao muíño de mareas de Cuíña estaban curtados por obras).
  En San Claudio un grupiño de Pilros comúns (Calidris alpina) e Píllaras reais (Charadrius hiaticula) aproveitaban o pouco sitio que ficaba sen inundar pola marea.
  A luz do mencer, bastante escasa, complicou sacar boas imaxes. Isto, máis que unha foto, semella unha pintura...
Estas Píllaras estaban máis confiadas e me permitiron achegarme dabondo.

 A esa hora o "ambiente" no Cavalar estaba a tope. Así se chama a unha pequena ponta no extremo occidental da praia de Morouzos, na bocana da ría central. Durante as preamares concéntranse aquí un bon número de limícolas de mediano e gran tamaño. Para algunhas especies é o principal ou único repousadoiro. Pero hai que aclarar que dependendo do tipo de marea ("viva" ou "morta") a cousa pode variar bastante. Con mareas fortes como a de hoxe, estaban case todos os Mazaricos no Cavalar. Pero axiña cambiaron de idea e se desprazaron á ría de Ladrido, o mellor repousadoiro nas preamares de  máis de 4 m (como era case a de hoxe). Por un momento cometín un pequeno erro de duplicidade e me saía unha cifra demasiado alta de Mazaricos.
    Aproveito para comentar que nos censos hai que ter especial coidado con estas cousas. Os bandos de acuáticas móvense!. Ás veces moito. Ben pola subida da auga, ben polo paso dunha embarcación, ben pola presenza humana/canina ou dunha rapaz, ou por mil causas máis. Cando se realiza un censo sen apoio de máis persoas nun humidal mediano-grande é extremadamente importante vixiar estas eventualidades imprevistas. Os ornitólogos veteranos que estean mirando este bloge saben de sobra do que falo. Isto vai dirixido máis ben para os que empezan. E para animalos tamén a que se animen a contar! Non hai mellor ocasión que unha entrada de Ortigueira para lembrar a importancia dos censos como bioindicador da saúde dos nosos escasos humidais..
     E pido perdón pola mala calidade das fotos. O de fotografar a grandes distancias con zoom a tope está aínda en fase de práctica e non controlo ben o tema do estabilizador de imaxe.


  Poño algunhas cifras de hoxe. Aclaro que son censos moi parciais. Primeiro, porque se queremos censar en serio non hai tempo para sacar fotos e viceversa. Ademáis non puiden visitar a enseada da Lagarea, lugar predilecto para moitas limícolas durante os pasos. Pero algunhas observacións indican que hai xa moito movimento migratorio, con entrada importante de limícolas:
- 60 Garzotas (Egretta garzetta)
- 1 Cullereiro (Platalea leucorodia)
- 34 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 1 Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) na enseada de Ladrido
- 420 Mazaricos reais (Numenius arquata)
- 120 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 14 Mazaricos rubios (Limosa lapponica)
- 128 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 10 Pilros ferruxentos (Calidris ferruginea)
- 36 Pilros grosos (Calidris canutus)
- 381 Gaivotas choronas (Larus ridibundus)
- 8 Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus)
 Descansando un pouco a vista no Cavalar atopei este fermoso Estripeiro ou Escambrón (Crataegus monogyma) na mesma ribeira. É un arbusto espiñento moi común no entorno da ría. Nesta época están cargados de bagas comestíbeis, aínda que a min me resultan amargas e insípidas (seguro que ás papuxas de Marcos lles saben a gloria). Parece ser que teñen máis utilidade no campo da medicina natural, coma cardiotónico e sedante do sistema nervioso (qué sería de min sen a guía de plantas de Xosé Ramón García!)

 Ben, déixovos, ata a próxima.

6 comentarios:

  1. Unha entrada moi chula e completa!

    A ver cando coincidimos de novo no campo.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Olá, Cosme. A verdade é que esquecín poñer algunhas cousiñas. Ando con présas, que me teño que ler entre hoxe e mañá un tocho sobre o proxecto de actuacións no litoral de Valdoviño (vamos presentar alegacións desde a SGHN, se correspón..).
    Un abrazo!

    ResponderEliminar
  3. Coincido con Damian e polas fotos non te preocupes, xa irán mellorando. Unha aperta Xabi.

    ResponderEliminar
  4. Xa retoquei o que me dicías do texto, Pepe. A verdade é que non o teño claro. Eu estou tan afeito ao dos renglóns irregulares ao final que non sei se cambiar...
    E falta fai que melloren un pouco as fotos, je, je (polo menos as lonxanas, buff!). Pero non sei eu ata qué ponto iso pode ser. Espero bastante máis da Fuji, e que isto se deba simplemente á miña pouca experiencia. Xa se verá.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  5. Hola Xabi.

    Después de aterrizar de las vacaciones, he podido recalar en tu blog y disfrutarlo un rato. Enhorabuena por la iniciativa; tendrás en mí un seguro seguidor.

    Estupenda la introducción de la Ría; estaré atento a lo que nos cuentes de por allí.

    Un saludo,
    Jesús Risueño

    ResponderEliminar
  6. Grazas e benvido, Jesús. Como imaxinarás vai haber moitas entradas de Ortigueira. Espero que as desfrutes.
    Unha aperta

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos