Seguidores e seguidoras

domingo, 11 de septiembre de 2011

Praia da Frouxeira, 11 de Setembro

 Hoxe quero facer a primeira entrada propiamente da Frouxeira, un lugar moi especial e moi querido para o autor deste blogue. Xa non só polas horas de campo que lle teño adicado (moitas), senón máis ben polos recordos que me trae, e as vivencias que pasei alí cando me formaba coma naturalista.

  Antes, unha breve introdución, para comprendermos mellor este humidal.
  Como norma xeral, a maioría das lagoas e humidais manteñen un nivel hídrico máximo durante o inverno e primavera, logo das chuvias invernais, dominantes na nosa rexión xeográfica. Logo, debido á seca estival, vai baixando ata ficar baixo mínimos durante esta época na que estamos. Non son biólogo, pero entendo que iso é o normal, digamos.
 Sen embargo, a lagoa litoral da Frouxeira, en Valdoviño (A Coruña), non segue este padrón. Por unha serie de acontecimentos históricos (que necesitarían unha longa explicación) e as consecuencias da explotación humana, os seus "ritmos" foron xustamente ao contrario durante décadas.
  Así, viña mantendo un nivel de auga bastante baixo durante a Primavera, algo que, xunto coa oscilación do nivel (debido ás mareas) penalizaba bastante a potencialidade do humidal como lugar de reprodución de acuáticas. Nidifican bastantes parellas nalgúns casos, certo, pero posiblemente moitas menos das que o farían se os niveis da lagoa mantiveran un comportamento máis acorde co que se presupón nun hábitat lacustre.
 Pola contra, a finais do verán e no outono, a lagoa mantén habitualmente un nivel hídrico máximo, moi alto (esaxeradamente alto, diría eu). Un fenómeno pouco  frecuente nos humidais e.. case, case "contra natura". Algo que impide a presenza dos bandos de limícolas na lagoa, pero que sí sedimentan (por milleiros) durante o mes de Maio.
  Hai que anunciar que isto probablemente vai mudar nos próximos anos. Está en fase de estudo por expertos un traballo encargado pola Xunta, que serva para elaborar un plano de xestión futuro para esta lagoa. Desde aquí, espero que sexa beneficioso e que saia ben. O tempo diráo.

 Ben, hoxe a lagoa estaba chea.

  Un grupiño de 40 Galiñolas negras (Fulica atra) nadaban nas augas abertas. Se ven un ano normal, nas próximas semanas o seu número ira aumentando probablemente ata acadar o máximo aló polo mes de Decembro. Este rálido é bastante raro como nidificante actualmente, sendo máis abondoso durante o outono e inverno, cando A Frouxeira se converte na localidade de invernada máis importante de Galiza para esta especie.

 Daquela fun á praia. O paso de limícolas está no seu momento máis importante e hai que controlar as "novidades". Desgrazadamente nesta praia (igual que en moitas outras) temos un problema de invasión humana brutal, a pesar de tratarse dunha zona "protexida" e catalogada de interés natural (Zepa, Ramsar, LIC,..). Dá igual. As forzas de orde pública responsábeis de velar porque se respete a lexislación (como impedir que se leven os cans soltos, por exemplo) están ocupadas a esta hora da mañá. Lamentábelmente os problemas derivados da "marcha" nocturna teñen á policia municipal e á guardia civil bastante ocupada  nas mañás do fin de semana: liortas nas portas das discotecas, controles de alcolemia, accidentes de tránsito, .... Por suposto que entendo que vaian a solucionalos (non estou contra iso, que conste) pero hai determinados fenómenos sociolóxicos que din moito desta sociedade nosa, e explican cales son as prioridades da xente....a pesares da famosa crise.
 Eu xa me cansei de facer o seu traballo, enfrentándome ás persoas incívicas. Non importa que se lle diga de maneira educada e cordial. As respostas son habitualmente agresivas ou ameazantes por parte desta xente. A este xa non lle dixen nada por levar o can solto. Para qué?
   Tamén veu o séptimo de cavalaría. A verdade é que a presenza ocasional dun xenete a cavalo apenas ten incidencia ou molestias nas aves. Case penso que fai máis beneficio que dano (aínda que sexa só polo aporte que lle dará a algúns invertebrados o contido orgánico dos seus excrementos, en lugares pobres en elimento, como un sistema dunar aberto).
  E había limícolas!! A pesar da romaría de xente, as aves descansaban ou se alimentaban activamente.
 Estes Virapedras facían o primeiro (a este paso vamos ter que nomeala "limícola do mes"..)
  No intermareal, contei ata 36 Píllaras reais (Charadrius hiaticula) e 50 Pilros tridáctilos (Calidris alba). Éste era un bando de Píllaras:
   Cando voltaba apareceu un grupo de Pilros comúns (Calidris alpina) con varios Pilros cúbranco (Calidris ferruginea). Só puiden identificar claramente ún deles, que puiden afotar bastante ben. Podemos apreciar o seu aspecto de mazarico en miniatura (peteiro e patas longos), que lle dan o nome español ("Zarapitín"):

Ata outra! 

11 comentarios:

  1. No Grove e Sanxenxo temos os mesmos problemas cos cans. A verdade é que a agresividade que mostran os donos cando se lle suxire (sempre de xeito educado) que leven o can atado por se unha zona protexida, polas aves migratorias, etc. é algo difícil de entender e de dixerir. Tanto, que agora "paso" de dicirlles nada.

    E sobre o dos cabalos, estou dacordo en parte: hai flora dunar que se pode ver afectada polo pisoteo continuado das bestas e incluso os excrementos poden introducir sementes de especies ruderais en áreas sensibles das dunas. Con todo, en zonas de matogueira o pastoreo de cabalos, ben xestionado, sería positivo para crear unha variada gama de microhábitats.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Coma sempre, grazas por enriquecer este noso-blogue, Damián.
    Sobre o dos cavalos, especifico que na Frouxeira penso que son episodios moi esporádicos, de todos modos. E que afectaían habitualmente á parte máis aberta da praia, sen apenas vexetación. Non sei eu se terán incidencia na degradación da flora dunar. Non obstante é un tema interesante e ao que lle prestarei máis atención a partir de agora, por suposto.
    Graciñas polo comentario.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  3. Boas, pois a verdade e que eu lle diria que a normativa non permite levar o can (nin ceibe nin atado) pola praia, salvo que teñades lexislacion propia en contra. Outra cousa e que che faga caso, pero para iso (en teoria) estan os axentes medioambientais, seprona, garda civil, local, etc..

    ResponderEliminar
  4. Na teoría, César, na teoría... A última vez que chamei ao Seprona, contestáronme que, por ser na praia, era competencia da poli local. Daquela chamei á poli municipal. Pero estes, nin me contestaron sequera. Para min que xa me coñecen o número de teléfone, de tantas veces que protestei, e non queren mollarse. Nun concello turístico cma Valdoviño, os visitantes da praia teñen carta branca para facer todo o que queiran, que para iso deixan os cartos no concello. Esta parece ser a consigna na administración local.
    En fin, ou vas cun bate de béisbol para "convencer", ou non hai maneira...

    ResponderEliminar
  5. Boas, Xavi.
    O 29 de agosto pasado, na praia de Ortigueira, atopei este exemplar de chorlitejo patinegro (¿?).
    Comenteillo a Álvaro F. Polo e díxome que che enviara a foto para ver si polos aneis se podía sacar algún pista da procedencia do individuo en cuestión.
    Pásoche o enlace. Saúdos

    http://www.calidris.es/main.php?g2_view=dynamicalbum.UpdatesAlbum&g2_itemId=501

    ResponderEliminar
  6. Eu non che entendo moito de anelas, Hantonio, pero xa metín o asunto no foro de Galiciaves. Probablemente habemos ter novas axiña sobre este exemplar.
    Graciñas por comentar e benvido!

    ResponderEliminar
  7. Comenta Antonio Gutiérrez que a "bandeira" laranxa indica que probablemente sexa de procedencia francesa, de Moeze-Oleron. Non sei se isto último é o nome da rexión francesa da que procede ou o nome do anelador, sinceramente.
    Estas cousas é mellor preguntarllas directamente a Antonio, que sabe moito deste tema. O seu bloge "Gaivotas y anillas" está na miña lista de recomendados.
    Tamén podes atopar na lista o de "Anillamiento en Galicia y algo más" de Pablo Sanmartín e o grupo Anduriña.

    Unha aperta, e saúdos á tropa de Calidris.

    ResponderEliminar
  8. Moeze-Oleron es una reserva francesa. Para enviar los datos de la cita escribe a rn.moeze@lpo.fr y supongo que te enviará el historial, Antonio.

    ResponderEliminar
  9. Por cierto, soy Toño Salazar, que no sé qué pasa que no me deja entrar con mi login

    ResponderEliminar
  10. A ver, vaiamos por partes.
    Primeiro, parece ser que o pobre de Antonio Gutiérrez anda con problemas informáticos e de Internet últimamente. Un motivo para agradecer máis aínda a súa visita a este blogue! Benvido, Antonio.
    Amablemente pasoume (como puido) o historial de anelamento da reserva de Moeze-Oleron en PDF. Voullo pasar inmediatamente ao correo de Álvaro para que o vexas.

    Segundo. Toño, carallo!, ti de anónimo..... nunca máis!! "jamás de los jamases". Se teño que pechar o blogue péchoo. Pero iso non pode ser!! Xa me tardaba a túa visita, sempre sensata e amigábel.
    BENVIDO Á TÚA CASA.
    Un forte abrazo.

    ResponderEliminar
  11. Moitas grazas a todos pola axuda.
    Acabo de enviarlle un correo ao email que aportou Toño Salazar e xa porei por aquí a resposta do francés, por se vos interesa.
    Un saúdo

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos