Seguidores e seguidoras

lunes, 3 de octubre de 2011

Bicheando pola "Raia". Primeira parte.

Esta fin de semana eran as festas patronais no meu barrio, así que decidín emigrar cara a outra ponta do país. O destino foi a zona de Ourense fronteiriza con Portugal: a "raia". Concretamente as terras de Cualedro, a cavalo entre o val do Támega e a Serra do Larouco.
 Por recomendación do colega Martiño Cabana, visitei primeiro as veigas da Saceda. Un val que posúe varias brañas e conxuntos húmidos ben interesantes. Por desgraza este ano de seca excepcional o elemento líquido brillaba pola súa ausencia. Isto debería ser unha grande charca:
Baixo as pedras do leito lacustre, agora completamente seco, apiñábanse exemplares metamórficos, é dicir, recén feita a metamorfose, de Rá verde (Pelophylax perezi). O frío da mañá animaba ademáis á busca de paseriformes. E cando digo frío e que facía frío: 4 º C! Tendo en conta que estes días se rexistran en todo o país temperaturas case veraniegas, non imaxino cómo debe apretar por aquí nos días fríos do inverno. Aproveito para facer un pequeno "inciso".
 Ás veces tense unha imaxe de Galiza coma unha rexión uniforme moi verde, húmida e de temperaturas suaves. Nada máis lonxe da realidade. Aqui temos unha variedade climática e paisaxística pouco frecuente nun territorio tan pequeno. Para este ferrolán, as paisaxes destas terras de Baltar, Cualedro, A Limia teñen máis parecido coa dura meseta castelá que co norte húmido do que procedo. E hai momentos nos que me parece estar viaxando por Zamora ou por León.

 Volvendo ao bichos, neste tempo de paso migratorio, é doado ver algunhas especies de paseriformes por todos aqueles lugares onde a Natureza está medianamente conservada. Como este Papamoscas cincento (Muscicapa striata):
 
Ou o seu parente, o Papamoscas  preto (Ficedula hypoleuca)

 Os fermosos Picafollas cantores (Phylloscopus trochilus) son, para este mediocre fotógrafo, imposíbeis de capturar ben, debido á súa constante actividade. Qué pena de enfoque..

Non todos son migratorios. Había varios Picanzos reais meridionais (Lanius meridionalis) que probablemente sexan reprodutores na zona.
 
 

 
  Circulando pola pista, atopei un Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) que apenas reaccionou. Cando me acheguei comprendín o motivo. Unha vítima recente do tránsito rodado, que tantas mortes ocasiona anualmente entre as poboacións de anfibios, répteis e Ourizos, especialmente.

  Unha Lagartixa galega (Podarcis Bocagei) estaba ben viva, ao abrigo do mato nun muro lindeiro. Esta lagartixa móstrase máis "campestre" e forestal polo sur galego. Alí convive con outra parente cercana, a Lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica, dominante nas áreas de baixa altitude e climatoloxía máis mediterránea).

 O val da Saceda é predominantemente agrícola, pero aínda conserva manchas caducifolias, á beira dos ríos (case todos secos agora).
  En canto sobe algo o relevo, a Xesta (Cytisus scoparius) domina as ladeiras onde outrora había bosques. Os lumes crónicos deste país teñen moito que ver con isto.

 Estas zonas de mato degradado e abondosas pedras son o hábitat da Cobra lagarteira meridional (Coronella girondica). Atopei este exemplar xuvenil baixo unha pedra

Nunha pedra cercana había unha "camisa" de ofidio (unha muda completa). Aínda que pareza complicado, ás veces podemos determinar a especie da súa propietaria, xa que moitas cobras dispoñen dun tipo de escama característica (carenada, surcada, lisa) así coma dunhas placas e escamas cefálicas tamén diagnósticas. Esta da foto, tendo en conta o seu pequeno tamaño, probablemente fose dun xuvenil da mesma especie de Coronella, ou incluso do mesmo exemplar.

   Aínda que prefiro non manipular os animais (excepto que sexa absolutamente necesario para a identificación) ésta preferín collela un momento, para ver a coloración ventral. Como mecanismo de defensa o animal excretou as súas glándulas cloacais deixándome un "recordo" cheirento na mao (menos mal que era pequeniña..). tamén adoptou unha pose de víbora, esmagando a cabeza e ameazando con trabar, comportamento habitual nalgunhas cobras inofensivas.

 Coma curiosidade comentar que hai uns anos, nos montes de Vilariño de Conso, fun testemuña dun dos comportamentos defensivos máis alucinantes que xamáis vin. Unha Cobra lagarteira meridional (esta adulta), ao detectarnos, comezou a envolverse ata facerse completamente unha pelota. Unha vez capturada, mantiña a forma na nosa mao, sen desfacerse, durante moito tempo. Nunca lera nada antes sobre este comportamento en ofidios.

 Aproveito para recordar que a captura de anfibios e réptiles está proibida pola lei. É recomendábel dispoñer dos correspondentes permisos, como os que solicitamos á Xunta os colaboradores do Atlas da SGHN. En todo caso sempre é preferíbel chegar á identificación sen manipular a fauna. E por suposto, deixar o animal no mesmo lugar onde estaba.

 E, aproveitando, recomendo tamén facilitar todos os datos referidos a anfibios e réptiles aos distintos Atlas. O da SGHN está xa publicado, pero continúan recolléndose datos para ter actualizada a base de datos. Se alguén quere aportar algún dato podedes poñervos en contacto conmigo. Ademáis outros compañeiros están traballando tamén no ALVAR (Atlas e libro vermello dos anfibios e réptiles de Galiza). Seguro que calquera aportación será ben recibida. Se queredes colaborar co ALVAR eu podo facilitar o contacto tamén (Martiño, podes usar esta entrada, se queres)

 Polos camiños saltaban ortópteros de todo tipo. Puiden fotografar este Saltón de ás azuis (UTM 0613  4642  748). Non me parece Oedipoda caerulensis. A ver se alguén pode axudar. Pola zona había outra especie máis con ás azuis, con diferente coloración e semellante á que coñezo de Ferrol. A todo isto,  fabulosa a camuflaxe sobre o fondo areento. Impresionantes estes insectos..


Por aló (na mesma UTM) andaba tamén unha Libélula (Sympetrum sp.) Pola maneira de cazar as libeliñas verdadeiras divídense habitualmente en dúas clases: as tipo "frecha" e as tipo "peneireiro". As primeiras están case todo o tempo pousadas na vexetación vixiando e saen disparadas (como unha frecha) cando detectan unha presa. As tipo peneireiro botan o día voando e peneirando polo seu territorio de un lado a outro, pousando raramente. Ésta da foto pertence á primeira clase (que son, lóxicamente, moito máis doadas de fotografar)


     Por último...os de sempre volveron actuar, mentras eu andaba por Cualedro...Unha estampa desgrazadamente familiar para todos os galegos e galegas repetíuse perto da Saceda:

  Quero despedirme adicando esta entrada ao piloto da avioneta  accidentada onte domingo, mentras loitaba contra as lapas noutro incendio, en Laza. Íñigo Zobiga Padadogorría, de 54 anos, faleceu defendendo os nosos montes. Porque o persoal de extinción de incendios son os heroes do noso tempo (a pesar dalgún lamentábel caso illado que non representa ao colectivo). Mentras, outros criminais prosiguen a súa tolemia incendiaria, co consentimento de algúns e a impunidade total da administración, incapaz de atallar esta lacra medioambiental.


  Vémonos na segunda parte desta viaxe, que espero subir axiña.








6 comentarios:

  1. Para este lucense, Verín é unha terra á que lle teño moito aprezo. Estes lugares onde bicheaches, nesta fuxida patronal, son os mellores (para min) de Galicia xunto con Trevinca e os arredores da cidade de Ourense.

    Comentar que na zona do Támega, a lagartixa común (Podarcis bocagei) usa tamén os bordes de ríos e regatos como se fora un lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). E incluso usa os ameneiros para escapar dos depredadores (ou dos herpetólogos de ser o caso).

    O da Saceda é impactante. Nunca a vin tan baixa e case sen auga.

    Enhoraboa polo blog e quedo ansioso na espera da segunda parte.

    Unha aperta,

    Martiño

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo comentario, polas fotos e polos consellos, Martiño.
    A segunda parte hache gostar máis probablemente, je, je
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  3. Boas, e impresion miña ou a escama rostral da cobra penetra nas outras duas?

    ResponderEliminar
  4. Olá, César. Porque supoño que és César (nunca asinas os comentarios, coño).
    Pois certamente que esa rostral é algo "peculiar", entrando un pouco entre as internasais, ao estilo das C.austriaca. A bicha podes estar seguro que era unha girondica, pero quizá hai algunha diferencia de morfoloxía nesa zona de Ourense. ¿Coñeces algún rasgo así nas girondicas do norte de Portugal?
    De todas formas, pensa que falamos dun exemplar xuvenil, moi pequeno, que ao mellor está aínda en proceso de crescimento. Ti disto sabes moito máis ca min. Non sei que opinas.
    Unha aperta e graciñas por fixarte nese detalle.

    ResponderEliminar
  5. Boas Xabi, mea culpa, non asino. A verdade e que onte atopei unha austriaca "bipolar", dun lado tiña as 3 caracteristicas baixo o ollo, e polo outro lado 4-5...

    Cesar

    ResponderEliminar
  6. Pois a ver se non volves a "mear"..
    De bipolares coñezo uns cantos tamén que padecen ese transtorno..
    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos