Seguidores e seguidoras

lunes, 3 de octubre de 2011

Bicheando pola Raia, segunda parte

A Serra de Larouco levántase na mesma fronteira protuguesa. É unha serra de media altitude (1300 m.aproximadamente na parte galega) e, o mesmo que outros montes galegos, case sen cobertura forestal autóctona.  Mesmo as repoboacións de piñeiros son de tamaño moi cativo, aínda que había algunha pequena mancha con Piñeiros de mediano porte (Pinus sylvestris/pinaster).
  Pero en xeral, a serra é bastante pelada. Iso si, non falta a "especie" autóctona por excelencia, que xa "plantaron" por aqui...
  Polo menos as vistas son impresionantes. Este é o val da Saceda, aos pes do larouco mirando en dirección Leste.
  Na subida, acompañaba o canto melodioso da Cotovía pequena (Lullula arborea) omnipresente por toda a comarca.

 E non se pode visitar Ourense sen ter un avistamento de grandes rapaces. A media ladeira unha Águia cobreira (Circaetus gallicus) peneiraba contra o vento, buscando algúnha serpe que levarse ao pico.

   O obxectivo principal da miña visita era atopar a Víbora fuciñuda (Vipera latasti) nesta serra. Un réptil moi escaso en Galiza, con moi poucas citas recentes. Pero non houbo sorte. E como tampouco había moita cousa, baixei das alturas para visitar o Castro de San Millao. Non sen antes despedirme deste señor peruano, que me miraba ataviado co seu característico gorro andino (cousas da xeoloxía):

 O Castro de San Millao,  nas terras máis orientais do concello de Cualedro, está situado na cabeceira do río Búbal, tributario do Támega. Ten un aspecto imponente, sobre un outeiro pelado de vexetación.

  No río consérvase un interesante bosque galería.

   Para os herpetólogos, o máis importante neste caso son as pedras. E alí hainas por milleiros. Onde o ollo do arqueólogo ou historiador vé indicios da civilización ou modos arquitectónicos milenarios, o herpetólogo vé o refuxio e hábitat de moitos animais asociados a este entorno.
   Porque se hai unha actividade que caracteriza aos herpetólogos non é senón o levantemento de pedras!
  Para tal menester é aconsellábel aproveitar as primeiras horas da mañá, que é cando máis bichos se atopan. Ademáis cansa menos. Porque cando se levan dúas ou tres horas levantando pedras e pelouros sen parar acabas feito unha ruina humana.

  Ao igual que noutras actividades da Natureza, hai que ser respetuoso co medio cando se procede a buscar baixo das pedras. Aí van unha serie de recomendacións:
- Hai que volver a poñer a pedra no mesmo sitio tal e como estaba. SEMPRE. Baixo elas viven moitas especies de vertebrados e invertebrados, e xa bastante molestia teñen cando os descubrimos para que aínda encima lles quitemos un refuxio.
 -Os danos ás veces son inevitábeis. Así que hai que intentar minimizalos ao máximo. Se hai formigueiros cómpre baixar a pedra pouco a pouco.
 - É recomendábel sacar os animais que se movan moito (réptiles sobre todo) para fóra. Logo baixamos a pedra, sen eles debaixo, e permitimos que volvan entrar polo seu propio pé, axudándolles se fai falta.
 En certos casos, sobre substratos de terra branda e con algúns anfibios que apenas se moven , podemos baixar a pedra, moi amodiño, con eles debaixo. Pero como norma xeral é mellor quitalos primeiro para evitar posíbeis danos ao animal.
- Coidado coas pedras que están nun terreo inclinado. Ás veces poderemos levantalas, pero vai custar moito volver a poñelas no sitio orixinal, por culpa da inclinación.  Ollo con isto.

 Ben, eu, que son un "levantador compulsivo" metinme en faena. As xornadas tan calorosas destes días non presaxiaban un resultado demasiado bon. E así foi. Non obstante apareceron algunhas cousas que xustificaron o esforzo.

 O primeiro que atopei foi a camisa dun Cobregón (Malpolon mospessulanus) xuvenil.

  E xusto despois, tiven a inmensa fortuna de encontrar dúas camisas de Escáncer cego (Blanus cinereus). Probablemente o réptil máis dificil de ver en Galiza, debido á súa limitada área de distribución e aos seus hábitos completamente subterráneos.
 A forma rectangular das súas escamas, dispostas en aneis ao redor do corpo, non deixan lugar á dúbida sobre o propietario da camisa: un Blanus!


  Amablemente Martiño Cabana (que foi o que me falou daquel sitio e que descobreu a especie aló) pasoume algunha foto dun exemplar de B.cinereus, que el ten estudado moito por terras de Verín.
  Un réptil ápodo certamente estrano, que nos recorda a especies máis propias da selva amazónica. Coma curiosidade, dicir que se alimenta en gran parte a base de formigas de diferente tipo.

  Noutra pedra, outro personaxe, máis raro aínda: un artrópodo depredador pertencente á clase dos cempés (Chilopoda), probablemente un Necrophloeophagus longicornis.

  Na superficie tamén había cousas. Como esta Lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica). Polo aspecto relativamente "cabezón" podemos apreciar na fotografía que aínda era un subadulto.

 
   E como a cousa trataba sobre xuvenís, andaba por aló este futuro gran depredador, o Lagarto arnal (Timon lepidus). Futuro, claro, porque este exemplar xuvenil era máis pequeno que unha lagartixa. De maior será un enorme lagarto como o que encabeza este blogue.  Boteille "drogha no colacao" para que se me quedara quieto, e permitíu que me achegara até case bicarnos..

  Cando voltaba, un Cobregón (Malpolon monspessulanus) adulto intentaba cruzar a estrada. Parei para sacar unha foto, pero o bicho estaba xa en Verín. Martiño cedeume esta magnífica foto dun Cobregón macho para ilustrar a entrada (grazas de novo!)

  Na foto (marabillosa) podemos apreciar moitos rasgos diagnósticos da especie. Como esa especie de crista que forman as placas supraoculares e que lle dan esa mirada de "mala". Ou a fendidura loreal entre ollos e orificios nasais, e as escamas do corpo, cunha especie de surco en sentido lonxitudinal, moi característico. Tamén a parte anterior do corpo, case negra (coñecida como "silla de montar") que se conserva en moitos machos adultos.

   Por último parei nunha chaira coñecida co nome de "O Carqueixal". Un hábitat que incluía varias charcas e brañas perto, que potenciaban aínda máis o interese para a fauna daquel entorno. Estou pensando no Chasco norteño, na Becacina, nos anfibios,...Quedou gardado no cuaderno de campo para outra visita.


Nunca vin unha toponimia máis axustada á realidade. As bonitas Carqueixas (Calluna vulgaris) tinxían de cor malva a planicie.
 
  Con ganas de volver por aquelas terras o ano que ven, despídome de vós. Espero que vos gusten estas entradas sobre ese lugar tan fantástico que é a provincia de Ourense.
 Ata outra.

7 comentarios:

  1. Haberá que ir pensando en facer unha excursión, polo que contas vale a pena. Unha aperta Xabi.

    ResponderEliminar
  2. E unha cousa, Pepe. Levoume dúas horas chegar ata Ourense capital, indo pola estrada de Lugo-Chantada!! sen pagar peaxe nin hostias (xúroche que non fun facendo o louco e que respetei os sinais). En media hora máis estás por aló.
    A verdade é que as infraestruturas alteraron grandemente o noso medio pero hai que recoñecer que agora viaxes que antes levaban todo o día fanse nun plis-plas.
    Un abrazo e a ver se volvemos quedar. Ti dirás.

    ResponderEliminar
  3. Olá dende A Raia !!!
    Semella que foi boa a xornada !!!
    Ese penedo que dis que semella "un señor peruano" chámanlle "A Pena Muller" porque tamén se parece a unha muller vella con panoleta. Nese mesmo lugar faise unha romería pagana honrando ao Deus Larouco...
    Se callar cuadramos algún día
    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Interesantísimo post. Oe, esa chaira tan chula chamada O Carqueixal, por onde está? Debe ser cara Baltar non?

    No tema do Blanus, esta época é a máis rentable para citar a especie xa que están presentes as mudas dos últimos meses debaixo das pedras pero é das máis complicadas para ver adultos xa que ó estar o terreo seco e quente, os Blanus emigran cara o fondo na procura de humidade. Ademais, agora a terra está moi dura como para ser excavada con facilidade pola especie.

    Unha aperta,

    Martiño

    ResponderEliminar
  5. Benvido a este blogue, Xosé Ramón, e graciñas pola visita.
    Na terra dos Cigarróns e Piliqueiros había de aparecer tamén algunha Pantallla de pedra.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  6. Non, Martiño. O Carqueixal está 1 Km ao Leste da Saceda. Mira o mapa escaneado que subín na primeira parte. É a cuadrícula 1x1 inmediata cara o leste. A estrada que vai dirección á Madalena atravesa a chaira pola súa beira sur.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  7. Por certo, agora que o dís, as mudas estaban na parte máis húmida do castro, orientada na "ladeira norte", e máis abrigada da insolación. Polo crecemento dalgunas spp de fentos semellaba efectivamente unha parte con maior humidade no solo.

    ResponderEliminar