Seguidores e seguidoras

domingo, 30 de octubre de 2011

A Lagoa da Frouxeira en Outono

 Este ano a lagoa da Frouxeira (situada no concello coruñés de Valdoviño) mantén un alto nivel hídrico, cousa habitual na temporada outonal. Probablemente, se non se intervén, vai subir moito máis nos próximos meses, ata provocar un asolagamento case total da xunqueira-canaveira. Pero agora mesmo está, desde meu ponto de vista, nun estado óptimo para as aves acuáticas nadadoras e mergulladoras. Ou quizá un pouco alto demáis, xa. Ogallá non subise nunca do nivel actual. Seguramente, de manterse este nivel constante durante o inverno e primavera, baixando logo 50 ou 100 cm a finais de verán, suporía un incremento exponencial da riqueza de aves na lagoa.

 Cando a lagoa está aberta ao mar e con nivel baixo, as acuáticas tenden a se concentrar nas augas abertas, sendo entón máis doada a súa observación. Sen embargo, cando está chea, coma hoxe, a maioría das aves permanecen nas inmediacións da canaveira, agora inundada, penetrando moitas delas na mesma polas  enseadas e canles da marisma.

 Para censar nestes casos, non hai como buscar un lugar elevado ao Sur da lagoa. As aves quedan daquela bastante lonxe, e fará falta unha boa óptica para distinguilas, pero polo menos dispoñemos así dunha boa panorámica da lagoa e xunqueira.


 Os claros, entre a masa de Phragmites, Juncus e Scirpus, presentan arestora unha lámina de auga. É doado avistar neles  Galiñas de río (G.chloropus), Patos de superficie (Anas spp) ou Mergullóns pequenos (T.ruficollis).



  Había tempo que non pegaba un repaso á lagoa, así que decidín facer un pequeno censo do máis importante. Estas foron as observacións máis destacadas de hoxe:

- 6+ Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis). Unha cifra enganosa. Coa lagoa chea os mergullóns están tremendamente espallados entra a lagoa e a canaveira, e son moi, pero que moi difíciles de estimar cunha mínima precisión. Teño feito censos moi intensivos que, logo da apertura da canle e o posterior descenso das augas, resultaban nunha terceira parte do seu número real.

 - 1 Abetouro (Botaurus stellaris). Primeira observación propia este Outono do que xa é todo un "clásico" da Frouxeira. A presenza regular de exemplares invernantes na lagoa é, sen dúbida, un dos maiores valores ornitolóxicos da localidade. Saqueille unha foto demasiado mala para publicar (non quero perder amigos..)

- 4 Patos asubions (Anas penelope)

- 64 Patos frisados (Anas strepera). Anátida emblemática da Frouxeira, onde hai décadas que se reproduce.  A tendencia da especie nos últimos anos é de incremento poboacional, especialmente no inverno, con máximos de case 200 exemplares, que non está nada mal tratándose deste pato, pouco común en xeral.  

Ao igual que outras anátidas "de superficie" é unha especie básicamente vexetariana, como se pode apreciar. Un macho aliméntase de algo que pode ser "Ruppia maritima" ou "Potamogeton pectinatus", quizá...(a botánica non é o meu forte)

- 4 Cercetas reais (Anas crecca). Nas próximas semanas a entrada de invernantes irá a máis.

- 10 Patos chupóns (Aythya ferina)

- 2 Patos cristados (Aythya fuligula)

- 1 Pentumeiro común (Melanitta nigra). Ao seren unha lagoa litoral, ocasionalmente aparecen especies de carácter mariño, coma o Pentumeiro, Mergos, Mobellas,.. normalmente nos pasos. Non deixa de ser unha observación pouco frecuente.

- 150 Galiñolas negras (Fulica atra). Outra acuática característica da localidade.

 Nuns días moi difíciles no aspecto persoal, sempre resulta relaxante e terapéutica a visita a este lugar tan querido para min.  Antes de voltar a Ferrol botei unha última ollada á "Baía da Lontra" (a que non sabedes porqué lle chamo así?)

  Unha aperta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos