Seguidores e seguidoras

sábado, 15 de octubre de 2011

Lontra (Lutra lutra) en Forcadas

   A fascinante Lontra, ou Londra (Lutra lutra) é una mamífero carnívoro pertencente á familia dos mustélidos que resulta moi común nos ríos e lagoas do Norte galego. Probablemente estas poboacións estean entre as mellores da Península. A súa abondancia e relativa facilidade de observación fan dela un dos grandes mamíferos máis familiares para os que frecuentamos as zonas húmidas.  Aínda que tamén ocupa a maioría dos nosos ríos, é nas lagoas, encoros e rías do norte da provincia da Coruña onde é máis doada a súa detección e observación. De feito ten aquí uns hábitos prácticamente diurnos, algo pouco frecuente na maioría dos carnívoros.
   Probablemente as poboacións de Lontra aumentaron moito logo da proibición da súa caza, finalizado o período "alimañero" que tanto se fomentou durante o rexime fascista do xeneral Franco. Non obstante debeu ser especie común históricamentte nas rías e humidais ferroláns. Meu pai, que se criou nun esteiro da ría de Ferrol (no muíño das "Aceas") estaba moi familiarizado coa Londra, ou "Alondra", que era o nome vernáculo que tiña alí. Polo que me ten dito debía ser común na ría nos anos 30-40 do pasado século.

    Hai que comentar que actualmente a Lontra se monstra bastante tolerante coa presenza humana dentro do seu hábitat. En canto a especie non se persegue, amósase ás veces incríbelmente confiada e "pasota" cos seres humanos.  Hai localidades, como a ría de Ortigueira, onde mesmo resulta difícil non observala durante o inverno, a pouco que o intentemos. Penso que moitos de nós non somos conscientes da sorte que temos por desfrutar dunhas poboacións tan importantes deste animal tan extraordinario, e que xa desapareceu en amplas zonas do continente europeu.

 Hoxe, no encoro das Forcadas (Valdoviño) apareceu un exemplar nadando nunha enseada.




  O animal monstrábase moi activo. Na nosa zona é habitual velos pescando, alimentándose, xogando coas   crías ou marcando o territorio a plena luz do día. Qué afortunados somos en Ferrolterra!!

 Na foto anterior podemos apreciar varios rasgos que definen un cazador acuático, como os ollos e orificios nasais na parte alta da cabeza. Así pode nadar con todo o corpo baixo a auga sen perder visión en superficie.  Estes caracteres son adaptacións evolutivas comúns en moitos animais de costumes acuáticos, como a Cobra viperina (Natrix maura) ou a Rá verde común (Pelophylax perezi), e que os diferencian de outros parentes próximos de hábitos máis terrestres.


 A Lontra saíu da auga para comer unha presa. Penso que era un Caranguexo vermello (Procambarus clarkii). Podemos observar como a Lontra pecha os ollos mentras mastica.  Seguramente iso fixo que non se percatara da miña presenza (que, a todo isto, permanecía inmóbil coma unha estatua, lóxicamente)



 Porque a Lontra come Caranguexos. E moitos! Ben, realmente todos os habitantes do encoro consumen masivamente este crustáceo alóctono. Alavancos (Anas platyrhynchos), Mergullóns (Tachybaptus/ Podiceps), Galiñolas negras (Fulica atra), Garzas (Ardea cinerea),... Algo que non pode explicar tampouco o aparente declive da poboación desta auténtica peste que é o P.clarkii. Porque este ano aínda non vin nin un só exemplar nas augas da ribeira este ano. En Sabón e Cecebre o Caranguexo ten os mesmo predadores ca en Forcadas, pero a súa poboación é hoxe alarmante e, quizá, irreversíbel.
 De chegar a comprobarse este descenso poboacional no encoro das Forcadas sería algo insólito e sen precedentes, creo, digno de un estudo serio por parte da Xunta pola súa importancia (Pedro a ver se podes averiguar algo, ti que tés contactos).

 Mentras eu estaba todo concentrado, a Lontra subeu un pouco polas pedras e se me quedou mirando. Alí marcou o territorio, ao modo en que adoitan facer todos os carnívoros (defecando sobre unha pedra visíbel). Logo de sacudirse a pelaxe, tiña un aspecto moi simpático, con todo o "pelo pincho". As palmaduras interdixitais, típicas nun animal tan acuático, danlle un aspecto moi robusto aos pés.


 Logo desapareceu un momento e, cando menos o esperaba, atravesou a estrada cara a outra parte do encoro. Apenas me deu tempo a enfocar e disparar. Sorprende a velocidade que pode coller un animal así.

   Quedeime cunha boa remesa de fotos e un bonito recordo para o futuro. Eran as dez e media da mañá.

  Un saúdo desde Ferrol, a terra da Lontra.

16 comentarios:

  1. Qué boas fotos Xabi. Sempre é un pracer poder observar tan de cerca un animal tan carismático e fermoso como a Lontra. Ánimo coa farinxite. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, Quique.

    Apena foi que o bicho, apesar do sol que facía nese momento, estaba nunha zona de sombra. E tiven que empregar un ISO moi alto (400, creo), algo que penaliza bastante a calidade final da foto nunha cámara que non sexa reflex.

    E a farinxite vai no carallo (ou te pensas que había estar eu de paseo polas Forcadas estando de baixa?)

    Por certo, si que é un animal alucinante a Lontra. Algúns andan toleando coas rarezas por medio mundo e non sabemos apreciar o que temos aqui....

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  3. Agora que vexo que controlas das ISOs acojónasme un pouco Xabi.
    Non coincidimos, eu fun as Forcadas a iso das 12.30h, despois de ollar as gaivotas en Pantín.
    A Nutria "bailou" para mín debaixo da ponte un ratiño laaaargo. ¡Qué bonito!
    Houbera tomado contigo unha Estrela
    de boa gaña, que facía calor.
    Un saúdo
    Paco
    Dous motos do cross do carallo facendo o imbecil por todala beira do embalse.

    ResponderEliminar
  4. Olá, Paco!
    Eu ás 12,30 estaba de palique cun xubilado de Bazán que me encontrei en Vilaboa. Daquela xa recollín e voltei a Ferrol.
    Xa vin as motos. E as piraguas. Últimamente perdeu bastante tranquilidade o pantano, si. Pois en Ortigueira é pior aínda. Semella a romaría do Carme todos os días, das embarcacións que alí hai.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  5. Que bonita entrada Xabi, y que buenas fotos.Me gusta mucho en la que está mirando a la cámara "engominada"

    Felicidades!

    Pablo Gutierrez

    ResponderEliminar
  6. Graciñas, Pablo. Como lle contaba a Paco, foi unha mágoa que só saíse á parte soleada cando fuxiu pola estrada.
    A verdade é que tamén puiden retocar as fotos un pouco co "potochop". Polo menos filtrar un pouco ese ton azul tan forte. Pero se coa cámara son novato, co Photoshop xa nin te conto! Teño que poñerme un día a fozar en serio para aprender a retocar.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  7. Que fotos mais guapas, Xabi, e que sorte atoparse de esa maneira cun bicho tan especial. Unha aperta

    ResponderEliminar
  8. Grazas, Pepe.
    Por certo..qué Pepe ves sendo? Pepe Vizoso ou Pepe Vidal?
    Un abrazo!

    ResponderEliminar
  9. Olá Xabi!

    Como me gustan estas entradas! A ver se teño tempo e colgo no blogue uns videos de lontras.
    Hai un libro sobre a lontra publicado pola SECEM que quizás che poida interesar. Deixoche cuns enlaces. Se queres mercalo, avísame que son socio.
    Unha aperta!

    http://www.secem.es/Libros_3.htm

    http://www.secem.es/PDFs/M%C3%A1s%20informaci%C3%B3n%20libro%20nutria.pdf

    ResponderEliminar
  10. Ok, Rubén. Pero, como sabes, eu non son moito de mercar libros sobre Natureza. Se teño cartos disponíbeis prefiro invertir en equipamento ou viaxes.
    Graciñas de todas formas, e alégrome que che gosten as entradas. Xa vés que eu cumpro os desexos dos meus "lectores", je, je
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  11. Boas, Xabi,
    Acabo de ver o teu blogue e quedei engaiolado coa reportaxe que fas da lontra, tanto polo texto como polas fotos, que, a min, parécenme d'un experto. Por certo, as fixeche a pulso ou sobre o trípode?
    Debeu ser unha experiencia altamente gratificante.
    Recibe os meus parabéns.
    Apertas.
    Pepe Vidal.
    (o Pepe anterior debeu ser o Pepe Vizoso).

    ResponderEliminar
  12. Graciñas Pepe.
    Agora vou co trípode a todas partes. Por iso os resultados son mellores. Concretamente nas da Lontra a metade delas fóron con el, pero algunhas as tomei a pulso (todas son co máximo zoom, de 30X)
    Ao estar o bicho moi cerca podes utilizar unha velocidade moderada (1/320-1/500 seg) co cal non é necesario o trípode, pois o estabilizador da cámara xa é dabondo. Pero cando a distancia é moita, ou tes a luz dunha supernova, para poder meter 1/1500-1/2000 seg, ou hai poñelo no trípode. Non queda outra.
    O problema o sigo tendo en Ortigueira cos bandos de acuáticas a 500 m ou a 1 Km.
    Un abrazo.
    PD: qué, había xa nabizas pola túa terra?

    ResponderEliminar
  13. Impresionantes Xabi. Ese retrato é para enmarcar. Noráboa polas fotos, pero tamén polo momento tan bó que paxaches.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  14. Ola Xabi, veño de descubrir o teu blog, noraboa por el! está moi interesante, xa queda nos meus favoritos, a ver se vou aprendendo algo...

    (non sei se te lembrarás, pero coñecímonos hai 1 ano no cursiño de aves de Ortigueira con Damián)

    Saúdos!

    ResponderEliminar
  15. Graciñas, Marcos. A verdade é que tiven bastante sorte coa instantánea famosa (e que ten tanto éxito, polo que vexo). Pero teño que confesarche que a Lontra, alomenos por Ferrol, é relativamente fácil de afotar.
    A mín o que me deixa alucinado son as fotos de paseriformes que sacan Pablo, Pepe, Fernando e compañía. Paréceme imposíbel conseguir unha boa foto dos sílvidos ou páridos, co inquedos que son e sempre entre a follaxe. Esas fotos si que teñen mérito, macho.
    Un abrazo e graciñas pola visita.

    ResponderEliminar
  16. Lembro, Elisa, lembro (un local impresionante o que tíñades en Ortigueira, por certo).
    Pois non han faltar entradas da ría neste blogue, por suposto. Sobre todo agora que comeza a invernada.
    Espero que as desfrutes (eu xa desfruto "in situ" durante as miñas visitas aló)
    Graciñas polo comentario e benvida!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos