Seguidores e seguidoras

lunes, 14 de noviembre de 2011

O furtivismo que non cesa. Historia doutra denuncia.

Onte estiven na lagoa da Frouxeira na compaña de José Rivera (alias Pepín). O que semellaba de inicio unha visita tranquila, axiña tornouse en enfado e cabreo.

 Por enésima vez (xa non sei cantas van) foi descuberta unha rede furtiva instalada na Baía da Lontra. Non son moi experto na materia, pero logo de investigar en Internete, penso que era un pequeno "trasmallo" (ou sexa, unha serie de redes de distinta malla superpostas, con flotadores e pesos  para mantela en posición vertical, máis ou menos).




 A actividade da pesca con redes ou nasas está proibida desde hai moitos anos nesta lagoa (protexida?). Sen embargo supón unha eiva crónica, histórica, perpretada desde hai décadas neste humidal.

 Habitualmente os furtivos escollen épocas en que a lagoa presenta altos niveis de auga. Como agora. Por desgraza para eles, somos moitos os que día si e día tamén andamos de "voyeurs" por alí, controlando todo o que se move.




  Hai menos dun ano, comentara precisamente no foro de Galiciaves que acababa de cachar en plena faena a un destes personaxes, e fixera a correspondente denuncia ante o Seprona.

 Onte eu e máis Pepín dirixímonos ao cuartelillo da Garda Civil en Valdoviño, dado que o Seprona nos "desviou" cará eles (esa é outra...). O axente que nos atendeu tratounos bastante ben e pareceu realmente preocupado polo tema, dándonos repetidamente as grazas por avisalos.

 Como teño dito ata cansarme, estes pescadores furtivos son de sobra coñecidos por toda a parroquia... e tamén pola Garda Civil.  Pepín foi testemuña de cómo o axente reaccionou cando lle dei máis datos (como o modelo do vehículo do susodicho..). E soltou o xa recoñecido: "Ah, si, os de sempre, xa sabemos...". Palabras que me soan tristemente familiares, cada vez que lles fago unha "visita".

 Eles chamáronme logo para informarme de que atoparan tamén unha balsa hinchable, oculta na ribeira. Tardaron en dar coa rede, pois as boias eran pequeniñas e a lagoa estaba moi batida polo vento. De feito chegamos a pensar que o tipo xa recollera mentras nós estábamos facendo a denuncia. Pero por fín, á tarde, avisáronme de novo que xa deran con ela.

 Informáronme de que se dispoñían a realizar unha espera (cual Rubén Portas detrás do lobo). E me aseguraron que en canto tiveran novas volverían a chamarme.

 Aínda que, ao día seguinte, sigo esperando, quedei bastante contento da resolución dos axentes (que por outra banda non fixeron máis que cumprir co seu deber.)



  Realmente non sei eu se este problema terá solución. Cónstame, de boa tinta, que hai certa "permisibidade" entre a parroquia con estes furtivos (igual que ocorre, sen ir máis lonxe, cos que prenden os montes). Seguramente contan con máis simpatías que os "señoritos da cidade que vamos aló a grabar os patos".

 A maiores do dano causado entre a fauna piscícola, estes aparellos han provocar, moi probablemente, baixas entre algunhas especies mergulladoras (Mergullóns, Fochas, parruliños, Lontras xuvenís?). Non sei eu se haberá estudos feitos ao respecto, pero seguro que estes fulanos de cando en vez sacan algo máis ca peixe desas redes.

 Pero é que ademáis estou seguro que son os que están detrás das queimas dos tres observatorios ornitolóxicos. Non teño provas, pero tampouco dúbidas...

 Un saúdo, e nos vemos na próxima denuncia (que volverá, por suposto)

 E como prefiro acabar a entrada con algo máis alegre, comento unha cousa. Por mellorar un pouco a calidade do blogue, intentei varias veces instalar o "gadget" do tradutor de google, pero non fun capaz (cando intento descargalo infórmaseme de que "nestes momentos está fóra de servizo"). Síntoo.

  Pero como tiña ganas de meter algun elemento novo, dos moitos complementos que ofrece o programa, decidín instalar o contador de visitas. Supoño que os censadores patolóxicos o levamos nos xenes. O mesmo contamos Mazaricos na ría de Ortigueira, como traballadores nas manifestacións de Ferrol, ou anfibios esmagados por tramo asfaltado. Todo vale! E non podía deixar de "censar" os visitantes desta páxina, je, je,..(é defecto do animal).

 E acabo de ver que xa tiven case 4000 visitas. Non sei se iso é moito ou pouco, nin sei tampouco se inclúe as miñas propias de edición de entradas. Pero me dá unha media de case 50 visitas por día.

  Probablemente sexa unha cifra modesta en comparanza con outros blogues veteranos que hai por ahí, pero para mín non deixa de ser un dato moi valioso. A todos e todas elas quero agradecer moi sinceramente o interese por este blogue, que apenas acaba de nacer hai dous meses e medio, e que aínda está, como quen di, en pañais...(sobre todo no apartado fotográfico, que espero que vaia mellorando co tempo).


 Polo tanto, e de todo corazón, MOITAS GRAZAS A TODOS E TODAS VÓS!

8 comentarios:

  1. Moi boas Xabi...os meus parabéns máis sentidos por esta magnífica e valente entrada...eu tampouco teño dúbidas de que os que queiman os miradoiros son esta tropa de delincuentes...son os únicos interesados en que non haxa un observatorio elevado...son os únicos interesados na súa queima...eu penso que o sabe todo o mundo...se as autoridades non fan nada ao respecto e queiman de novo o que andan a instalar, deberán ser sinaladas coma cómplices do furtivismo e o vandalismo...a Garda Civil xa vai sendo hora de que faga algo diferente a recoller denuncias, neste tema xa é moito o que se ten soportado...seguiría pro mellor deixar a entrada para ti...de novo os meus parabéns pola valentía da denuncia.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Pois moitas grazas, Rafa. Como che dixen unha vez, probablemente é moito máis o que nos une que o que nos separa. Por exemplo, que non temos problemas en dar a cara e dicir as cousas tal como pensamos. Sen importarnos o que digan/opinen os demáis.

    Outros non poden.... ou non queren facelo. Ben por intereses estritamente laborais, ou por seren "galegos" ata a médula (na peor das acepcións, que diría a facha de Rosa Díez).

    Pero é o que nos toca vivir, amigo Rafa.

    O paradóxico é que non nos importa gastar depósitos de combustíbel no coche, para engordar o noso ego ornitolóxico cun novo bimbo, pero son poucos os que teñen un mínimo compromiso político.
    Persoas comprometidas coma Rubén ou Alberto son os menos no panorama blogueiro-naturalista galego.

    É moito máis cómodo quedarse na simple observación, distante, do medio. Como se a cousa non fose con nós...

    E de valentía nada. Valentía sería esperar ao fulano e partirlle os dentes cunha estaca. Que seguramente é o que se merece.

    Unha aperta, e grazas de novo.

    ResponderEliminar
  3. Parabens Xabi, boa iniciativa, ogalla fagamos todos o mesmo e a sociedade comence a concienciarse un pouco.
    Parabens tamén polo blog, por descubrirnos tanto Ferrolterra como outros sitios.

    Apertas,

    Juan

    ResponderEliminar
  4. Graciñas Juan. Aquí estaremos. Pégame un toque a próxima vez que veñas polo Inferniño.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Moi ben feito Xabi. A denuncia é a única ferramenta legal da que dispomos.
    En canto ó das visitas, se non indicas o contrario, Blogger tamén conta as que fas ti mesmo. Se queres desactivar esta opción tés que entrar no apartado "Estadísticas" e logo pinchar en "No realizar seguimiento de tus propias visitas a páginas".
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  6. Tampouco hai que darlle tanta importancia, que non é para tanto, Quique. O que me cabrea é a sumisión e , digamos, consentimento por omisión que ten o galego medio en todos os campos onde se deben cumprir normas e regras.
    Algún día contareivos unha historia lamentable, sobre o uso das bicicletas públicas (e de balde) que instalou a miña empresa para moverse libremente polo estaleiro, e como acabou o conto..(chorizando todo Dios as bicis e escondéndoas polos pañoles). E somos moi poucos os que denunciamos a estes "compañeiros", por chamarlles algo.
    E iso ocorre en todos os ámbetos da sociedade galega. Incluído, por desgraza, o dos afeizoados á Natureza.

    Non hai máis tela que a que arde. Somos uns túzaros!

    Sobre o do contador de visitas, xa o averiguei.

    Graciñas por comentar e un abrazo.

    ResponderEliminar
  7. Ánimo Xabi, co blog e paciencia coa sociedade na que vivimos e cos concidadáns cos que compartimos hábitat.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  8. Olá, Damián:
    Co blogue teño moito ánimo e estou bastante contento de como vai todo. Esperaba algunha dificultade técnica maior, dada a miña ineptitude para a informática/internete, pero grazas aos consellos recibidos voume apañando relativamente ben. Estou certamente contento.

    E outro día falaremos do que é a paciencia. Hai moitas formas de demostrala. Xa me coñeces e sei que ás veces boto algún improperio ou algo malsonante (que a min non mo parecen tanto). Pero o importante é cómo se reacciona na vida cotía, no noso hábitat, como ben dís. A rede só amosa imaxes das persoas.

    Neste caso, a dunha persoa sensibilizada e cabreada cos furtivos e a pasividade xeral. Pero non deixa de ser iso, unha simple imaxe.

    Un abrazo e parabéns por esas saídas mariñas tan exitosas.

    ResponderEliminar