Seguidores e seguidoras

jueves, 17 de noviembre de 2011

Ría de Ferrol. 17 de Novembro

  Mediado o mes de Novembro, a entrada de aves acuáticas invernantes tórnase máis evidente cada día. Hoxe, na compaña de Pepe Vidal e Pedro Cruzado, estivemos pola ribeira sur da ría ferrolá.

Non atopamos Mobellas (Gavia spp), invernantes regulares nos últimos invernos. Pero si un grupo de 64 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis). Unha cifra moi elevada para estas datas (o groso dos nigricollis entra en Decembro). Polo tanto podemos aventurar que este ano vai haber de novo, moitos mergullóns, especie que posúe nesta ría un dos principais cuarteis de invernada de todo o noroeste ibérico. O ano pasado David Martínez Lago censou 138 exemplares, récord histórico na ría de Ferrol.



 Mentras desfrutábamos dos mergullóns, os Carráns cristados pasaban perto de nós. Milagrosamente puiden enfocar ben un par de veces (nestes casos abuso do zoom e claro, se me vai do encuadre).


 Mañá teño convocada unha rolda de prensa na que explicarei os detalles deste inusual acontecimento fotográfico.

 Un Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo) andaba a velas vir


 Varios centos de Corvos mariños reais pasan a estación fría na ría de Ferrol. As torres de alta tensión son un pousadeiro como calquera outro....


 No Seixo, a terra de Pedro, o Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos) adoita formar bandos que case parecen pilros polo número. Cómpre recordar que, ao contrario que Mazaricos ou Pilros, os Biluricos (Tringa e Actitis) son limícolas de tendencia máis ben solitaria, en liñas xerais. Ou de formar pequenos grupos, coma moito. Por iso sorprende atopar unha concentración como a de hoxe, con un mínimo de 23 exemplares. por cortesía dun fulano e os seu cans non puiden contar ben... Esta foto da embarcación foi sacada hai unhas semanas.



 Por último, comentar que o número de Pilros comúns (Calidris alpina) xa aumentou a 98. A marea xa subira bastante e estaban descansando no clásico pousadeiro de pleamar, na ponte das Pías. Bueno, este non..



 E como as tardes do inverno non dan para moito, así rematamos a visita.

 Ata outra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario