Seguidores e seguidoras

sábado, 24 de diciembre de 2011

Paseando pola Frouxeira

Olá de novo. Como estes días estou arrastrando unha pequena lesión, decidín deixar na casa o equipo habitual (case non podo erguer o brazo dereito). Así que fun dar unha volta pola Frouxeira, armado simplemente coa cámara e unhas botas de caña alta.

 Mentras esperaba a que saíse o sol, pasei polos prados de Taraza. Nunha verxa sorprendín unha Escribenta liñaceira (Emberiza cirlus), que vén a substituir á Escribenta marela nos entornos menos eurosiberianos, como é a maior parte da costa coruñesa.


 Na estrada observei un fermoso macho de Lavandeira enloitada (Motacilla alba yarrellii). Entre que ambos tiñamos que esquivar os numerosos coches que pasaban nese momento, e que tiña algo de présa, a foto quedou daquela maneira...


 Logo xa fun dereito á lagoa, que segue chea ata os topes. Cun nivel histórico, como era previsíbel en caso de non intervención.



 Na ribeira Sur, a auga hai semanas que cobre os prados de pasto para as vacas (das poucas que aínda quedan na parroquia!)

 Alí levantei 7 Becacinas (Gallinago gallinago). Ao igual que os Rascóns, as Galiñas de río, ou as Carrizas dos xuncos, cando sube tanto a lagoa sufren unha importante perda de hábitat (as xunqueiras centrais). Entón concéntranse nas zonas máis periféricas.


 Por suposto, o "bosque de inundación" está inundado. Sen embargo isto xa é perfectamente natural nunha lagoa como A Frouxeira. Na maioría dos nosos humidais hai pequenas masas ribeireñas de Ameneiros (Alnus glutinosa) que adoitan encharcarse no inverno.


 O mellor de todo é que, coa pista completamente asolagada, desapareceron os paseantes cos seus cans. Algo bon tiña que ter isto...



 Fun ata o Observatorio, que aínda aguanta de pé. Nada máis chegar, dúas Lontras (Lutra lutra) deleitáronme cun bon rato de observación, nos que escoitei unha morea de reclamos, dentro do amplo repertorio de sons que emiten. Desde os habituais bufidos cando sopran ao respirar na auga ou gritos máis típicos de mustélido ata asubíos case de paxaro ou rálido.

 Nesta ocasión, cando as puiden afotar xa estaban moi metidas na canaveira..


 Por alí andaban varios exemplares de Ferreiriño azul (Parus caeruleus), especie moi común durante o inverno nos canavais galegos.


 Tamén había moitos nos Salgueiros e Ameneiros.


 Diante do Observatorio está unha enseada coñecida popularmente coma o "Lago pequeno". Agora está irrecoñecíbel e desaparecida baixo un metro de auga. Unha boa zona para observar os bandos mixtos de anátidas e Galiñolas.



 As dúas Lontras (nai e cría, probábelmente) decidiron cambiar de sitio e fóron nadando cara a parte Oeste da lagoa. No seu recorrido semellaban un Tiburón a ponto de zamparse un pato. Fóra de coñas, a Lontra é depredador ocasional de patos e fochas nas lagoas de Doniños e Valdoviño, como puiden comprobar persoalmente. 


Curiosamente na ría de Ortigueira, onde a Lontra é un depredador abondoso, as aves semellan unha maior tolerancia cara o mustélido,e apenas lle fan caso, cando as Lontras andan a escasos metros delas. E o propio depredador non semella tampouco estar demasiado interesado nelas.
  Na miña opinión, a maior cantidade de recursos piscícolas (peixes e cangrexos) nas rías, en comparación coas pequenas lagoas litorais, así como a maior exposición do cazador (intermareal "versus" canaveira) poderían explicar esta aparente indeferenza da Lontra cara as aves coma presa potencial.

 Por se fose pouco, apareceu unha Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus), que acabou de sementar o pánico nas acuáticas.


Nese momento saíron todas pitando:




...cara un lugar máis seguro




 Espero que vos goste esta entrada. Pola miña parte, vou seguir na cociña, que hoxe estou de anfitrión e van empezar a chegar os invitados..

 Ata outra.

4 comentarios:

  1. Post moi evocador!!!

    Ánimo coa cociña e coa recuperación da lesión.

    Apertas e boas festas,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Evocador...Pois certamente encántame que digas iso.
    Como sabes, cando estou na Frouxeira, é máis forte o aspecto emotivo e sentimental ca o propiamente naturalista.
    Boas festas igualmente.

    ResponderEliminar
  3. Qué pasada a Frouxeira, Xabi. Por certo, está liada unha gorda co asolagamento e as protestas dos veciños, ¿non? ¿Qué che parece a ti este tema? ¿Cres que está xustificada unha intervención para evitar danos nas fincas e vivendas? Gustaríame coñece-la túa opinión sobre este tema.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  4. Se me preguntas se estou a favor de que se abra a canle de maneira artificial, a miña resposta é claramente SI.

    Pero non tanto polo tema das fincas dos viciños (que é un problema grave) senón pola importancia para as aves acuáticas.
    Sempre defendín que o ideal sería unha lagoa aberta ao mar, con niveis medios de auga (1 m ou 1,5 m) e con oscilacións mínimas. Para min estas condicións son as idóneas para o asentamento da fauna nunha lagoa das características de Valdoviño (a de Doniños é moi diferente)
    Pero son opinións como "usuario" e afeizoado.

    Arestora hai todo un equipo de expertos estudando qué é o mellor para A Frouxeira (zoólogos, botánicos, técnicos en hidráulica e hidroloxía, as de Dios...). Esperemos as súas conclusións, aínda que penso que non me han gostar moito.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos