Seguidores e seguidoras

sábado, 7 de abril de 2012

Fauna costeira. Illas Mirandas.

 NOTA: Na Primavera publiquei dúas entradas sobre fauna de litoral, produto dunha excursión organizada pola SGHN. As entradas pasaron sen pena nin gloria por "Bichos", en parte porque era en Semana Santa e tamén porque eu ronovo o blogue moi axiña. Sen embargo son quizá das miñas entradas favoritas, tanto polo moito que aprendín da mán de Cesio, como polo extremadamente dificultoso  da "reportaxe". Ademáis das malas condicións de luz para afotar baixo a auga, o risco físico evidente para o autor e para o equipo fotográfico (por caídas) non foi unha broma. Cesio, biólogo mariño de profisión, gabeaba e saltaba entre as afiladísimas rochas cos ollos pechos, cual Spiderman galego. Pero eu pasei por momentos de certo medo, vendo como esvaraban aquelas  rochas cubertas de algas... Pero valeu a pena por todo o aprendido.
  Así pois, como vexo que Bichos está converténdose nun bogue ornitolóxico últimamamente, nada mellor que reeditar aquelas entradas, para lembrar aquela xornada fantástica.

 ENTRADA:

 Esta mañá fixemos unha excursión desde a SGHN-Ferrol para observar a fauna de litoral. Escollimos un intermareal situado frente as illas Mirandas, en Ares (A Coruña). E nada mellor que contar coa guía do delegado da Sociedade, Joam Luís Ferreiro (coñecido coma Cesio), que é ademáis o biólogo da confraría de Barallobre.
  A asistenza foi mínima, como era previsíbel nestas datas de entre semana santa, pero as características do lugar obrigaban a facelo hoxe, polas mareas. Pero a mañá cundíu. Moito.

 Desde o comezo do roteiro, avistamos o noso obxectivo, a zona rochosa que une as Mirandas (no centro da foto) con terra, formando daquela unha especie de península. Pero isto só acontece con baixamares moi fortes coma esta de hoxe.



  Os primeiros bichos en aparecer foron varias especies de pequenos gasterópodos, que viven na zona máis alta da costa: a "zona de salpicaduras". Como a Litorina neritoides (as fotos saíron moi mal) ou esta Lapa (Patela sp), que aparece rodeada por unha colonia de Balanus sp, un crustáceo cirrípedo emparentado cos aristocráticos Percebes.


  Xa vos digo que a fotografía, nestas condicións, e co día que facía, resultoume especialmente complicada. Había que estar pendente de non caer á auga ou de non cascar a cámara contra unha pedra, por non falar dos reflexos da auga que non sabía como quitar.



 Cando chegamos á beiramar, había restos vexetais, como esta alga Laminaria, que case parece un pau.



 Por desgraza, no mar tamén hai plantas invasoras. O Sargassum muticum é unha alga xaponesa que apareceu aquí hai uns dez anos (quizá nas importacións de Ostras ou algo así) e que resulta xa unha auténtica praga, como testemuñamos hoxe na zona das Mirandas. Cando medran tapan a entrada da luz, perxudicando ás plantas que conviven baixo ela.


 Para flotar, o Sargassum sérvese destas pequenas vesículas, que traballan a modo de flotadores.



 Avanzando pouco a pouco, cheagábamos case frente ás illas.



 As Nucellas eran ominpresentes entre as rochas da baixamar. Estes exemplares pertencen á especie Nucella lapillus. Son gasterópodos carnívoros, que perforan a cuncha doutros moluscos coa "rádula", para devoralos.


 As Actinias tamén manteñen unha boa poboación alí. Ésta é unha Actinia vermella (Actinia equina, variedade "fresa", por motivos obvios). A min, persoalmente, a súa forma recórdame a varias cousas; entre elas ás fresas.



 As Actinias, son moi semellantes ás anémonas e, coma elas, teñen tentáculos urticantes. Ao igual cas Anémonas ou as Medusas, pertencen ao grupo dos Celentéreos. Nesta foto sae unha Anémona (Anemonia sulcata) cos tentáculos estendidos baixo a auga dunha poza.


   Tamén había anémonas dunha bonita cor verde-azul. Cando quedan ao aire, tanto actinias coma anémonas retraen os tentáculos para dentro e teñen este aspecto discreto.


Encontramos tamén uns seres moi parceidos ás coñecidas "Cochinillas, ou "bichos-bola". Eran Isópodos, uns crustáceos  que, como aquélas, fánse unha bola cando se sinten ameazados.


 Nesta vista ventral podemos apreciar os órganos locomotores posteriores.



Esta Nucella llapillus é ben bonita.. Mostra unha grande variabilidade cromática, a raias de cores.



 Eran innumerábeis os charcos que deixaba a baixa mar, e en todos eles a vida fervía.


 Este charco  estaba ocupado completamente por unha enorme poboación de Ourizos de mar.



 Os ocos nos que estan aloxados son escavados por eles mesmos, creo. Ademáis todos eles tiñan pedriñas e outros materiais aguantados sobre as púas, a modo de "pantalla protectora".




 Un animal certamente espectacular. Aquí un Paracentrotus lividus, que era o máis común. Para desprazarse polo leito mariño válese dos chamados "pés ambulacrais", unha especie de palpos finísimos e moi longos que saen por uns orificios situados entre os pinchos.




 O seu órgano de alimentación, a boca,  é chamado polos especialistas co rimbombante nome de "Lanterna de Aristóteles". En fin.. algunha causa haberá...



 Cando morren os Ourizos, queda o seu esquelete externo, familiar para todos os que andan polas praias de gaivoteo.

 Por suposto, non faltaron as Estrelas de mar, como esta fermosa Asteria rubens. Atopamos un exemplar no que se estaba a rexenerar ún dos brazos, pero a foto non quedou moi ben.



 Neste detalle aprécianse moi ben os pés ambulacrais destes equinodermos, moito máis curtos cós dos Ourizos, lóxicamente.




 Moi semellantes ás Estrelas de mar, había un montón de Ofiuras (Ophiuridae sp)



 Non obstante, tal como explicaba Cesio, son notables as diferenzas coas Estrelas de mar. As Ofiuras móvense de moi diferente maneira (cos brazos, directamente, non por medio de pés) e teñen un único orificio para comer e excretar, por exemplo. Aliméntanse de microorganismos e detritus.


 Por último atopamos este fermoso gasterópodo. Aínda que non o anotei, penso que é un Nassarius reticulatus..



  E ademáis tiña un "okupa"; un Caranguexo ermitán, que asomou tímidamente as patas e as antenas vermellas durante un breve instante.


  Pero de Caranguexos, e duns peixes fascinantes que viven pegados ás rochas, contareivos máis na próxima entrega.

  Ata a segunda parte!



2 comentarios:

  1. Estupenda entrada Xabi. Ós que nos criamos ó pé do mar, todas estas imaxes resúltannos tan familiares coma quen ve un can ou un gato pola rúa de calquer cidade. O que pasa é que non nos poñemos a observala e estudiala como facemos coas aves, por exemplo. Fíxome ilusión ver que ti te atreves tamén con isto no blog. Noraboa por isto, e tamén polas 10.000 visitas que levas xa.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Alégrome que che goste Quique. Probablemente ésta vai ser unha das entradas máis traballadas e complexas de cantas farei neste blogue. Non te imaxinas o que tiven que espabilar, para poder seguir todas as explicacións de Cesio, sacar fotos nunhas condicións horríbeis, anotar todas as cousas que me ensinaba (completamente novas para min), intentar non caerme entre as rochas nin meterme na auga,..Buf, buf.
    Vós só veredes o resultado final, pero o proceso de elaboración mandou carallo. Dígocho moi en serio.
    Pero estou moi contento de poder aprender algo neste terreo da fauna mariña. Sendo galego de costa, dame vergoña dicir que son case un analfabeto na materia. Afortunadamente tiven a guía do mellor instrutor posíbel, e foi moitísimo o que aprendín naquela mañá marabillosa.
    A ver se nesta semana colgo a segunda parte.
    Un abrazo, señor "Miranda".

    ResponderEliminar