Seguidores e seguidoras

lunes, 16 de abril de 2012

Lagoa de Doniños, 15 de Abril

 A lagoa de Doniños está moi triste. Tempos foron en que as aves acuáticas rebulían por centos nas súas augas, mais actualmente o panorama ornitolóxico é certamente  moi pobre, por causas que eu persoalmente descoñezo. Profundos cambios na vexetación circundante, por abandono dos usos agrarios, puideron ter afectado negativamente a diferentes especies de aves terrestres, hoxe desaparecidas da zona. Ademáis, a aparición dalgunhas especies invasoras (Xabalí, Visón, Gambusia,..) son causa moi probábel na diminución das poboacións de anfibios e, na miña opinión, tamén de rálidos nidificantes (tanto na Frouxeira como en Doniños, o declive de Galiña de río e da Galiñola negra coincide no tempo coa expansión do Xabalí, ao longo dos anos noventa; non pode ser casualidade).
   Pero todo isto non me aclara completamente a desaparición de, por exemplo, os parrulos mergulladores (xénero Aythya) ou a diminución dos Mergullóns (Tachybaptus ruficollis).


 Afortunadamente, o Mergullón pequeno (T. ruficollis) resiste aínda coma especie reprodutora na lagoa, aínda que cun número de parellas moi cativo.


    Para dificultar máis a cousa, a maior parte das ribeiras están hoxe abandonadas e asilvestradas, completamente invadidas polas silvas e o mato. Nestas condicións a observación está tremendamente complicada na maior parte do contorno da lagoa.

 Ésta é unha das poucas zonas onde podemos achegarnos ata a ribeira con comodidade hoxe en día.  Por sorte é tamén un dos recunchos máis interesantes para as aves.


 Na copa deses chopos cantaba un Tordo común (Turdus philomelos) a todo trapo.


   Logo fun ata o Carregal de San Xurxo, a pegar unha batida de paseriformes de canaveira. Pero o día tan desapacíbel que facía aconsellou unha retirada. Non sen antes afotar un fermoso Cardeal (Pyrrhula pyrrhula), mentras se alimentaba distraído das inflorescencias dun Salgueiro.

 Moitos compañeiros me preguntan no traballo por un paxaro moi bonito ("moito máis chamativo co Paporrubio") que ven a cotío nas súa hortas. Ben, pois seguramente é este. Aquí o tedes.


 Ata a próxima!

4 comentarios:

  1. Boas meu
    Eu non teño dúbida que a relación causal entre a protección como refuxios de fauna de ámbalas dúas lagoas (a lo loco e para todas as especies)e que o xabarín se faga forte nos canaveirais das mesmas é o motivo do declinar das poboacións orníticas.
    Menos mal que nos últimos anos se repensou o papel que un refuxio de fauna debe xogar(neste caso centrando a protección nas acuáticas).
    Simplemente pensa poñendo como exemplo ás galiñolas negras o proceso que sufriron os seus efectivos en Valdoviño. Fervía delas nos 80, antes e despois da veda do espazo (de feito eu cheguei a acompañar ó meu avó nunha das últimas tiradas de acuáticas. En canto se vedou e os xabaríns se acastelaron nela o seu nº baixou en picado ata o final dos anos 90 en que quedaban unhas 40-50 ud. Logo de comenzar as batidas de xabarín na zona húmida recuperaron efectivos. A día de hoxe non podería cuantificar con exactitude (ti me desmentirás) pero pode que haxa unha bandada duns 150 efectivos.
    Isto debe facernos reflexionar acerca de si a caza pode ser un elemnto equilibrador dos ecosistemas ou non. Evidentemente como cazador penso que si.

    ResponderEliminar
  2. Qué tal, Eloi:

    Empezando polo final, creo que existe un fondo debate sobre iso dentro do movimento conservacionista. Eu, persoalmente, penso que a caza si pode ser un elemento de equilibrio en determinados contextos. Pero é un tema sumamente complexo, Eloi.

    Para empezar, a cuestión principal é a formación e coñecimento que teñen do medio os propios cazadores no noso país. Ao longo dos meus corenta e ún anos, coñecín moitísimas persoas que se cosideraban "cazadores" (moitos deles compañeiros de Bazan), pero apenas dous ou tres merecedores de tal nome. De feito é habitual dentro do colectivo "cazador", escoitar auténticas barbaridades, como as máis habituais de que "os ecoloxistas" soltamos águias, lobos, etc..
    Eu, que son unha persoa bastante comprensiva neste sentido (nada integrista, como sabes) teño soportado ataques irracionais de todo tipo, e ter que largarme para non empezar a hostias con algún... Porque é certo que detesto a certos técnicos e biólogos que queren facer disto o seu chiringuito particular, pero non estou disposto a tolerar que persoas que non teñen puta idea sobre Natureza me insinúen que os naturalistas/ecoloxistas somos "catro señoritos de ciudad que vamos de listos". Por ahí non paso. E mentres non se erradique definitivamente esa visión retrógrada e primaria (impropia dun país moderno) por parte do colectivo de cazadores (a maioría, non todos) difícilmente pode haber achegamento e acordos.

    Por non falar do nulo coñecimento en paseriformes, anfibios, répteis, botánica ou mustélidos (por dicir algo)que se ten normalmente dentro do voso colectivo, (a algún que sei o quitas da Perdiz e do Corzo, e non ten nin papa..)

    Neste contexto, permitir que se entre a facer unha batida dentro dun refuxio de caza, simplemente por seren socios do TECOR, pois é un risco tremendo, por motivos obvios.

    Outra cousa distinta sería que nas batidas, participasen persoas cualificadas para evitar que, por exmplo, se lle dispare a un Abetouro (garza en perigo de extinción que inverna na Frouxeira). Ou que lle peguen a un Corvo mariño porque come as troitas dos ríos, ou a unha Lontra. E sabes tan ben coma mín que iso podería pasar..

    E sobre o das Galiñolas e Galiñas, unha matización. No caso de Doniños é a Galiñola negra ou Focha (Fulica atra), a que experimentou o maior declive, pasando de censos de 150-200 exemplares a finais da temporada de cría (entre adultos e xóvenes), a estar actualmente extinguida coma reprodutora.
    Pero no caso da Frouxeira o problema foi máis ben na Galiña de río (Gallinula chloropus). Porque a Focha penso que non debeu ser un reprodutor abondoso nunca. O funcionamento da lagoa, que sube e baixa de nivel de maneira periódica, pola influencia mareal, debeu limitar moito a instalación dos niños de Galiñola. Polo menos desde que a lagoa está así (non sei hai cen ou douscentos anos como sería). O único ano en que a Galiñola tivo un número importante de parellas reprodutoras na Frouxeira foi en 2003, debido ao dique polo tema do Prestige, que controlou o nivel durante toda a Primavera, sen oscilacións.
    As Fochas que ti vés habitualmente non son "nosas", digamos, aínda que estes grupos de aves divagantes/invernantes comezan a formarse xa a finais de Xuño. E o número desta poboación invernante é tremendamente oscilante, dependendo máis de factores climáticos que doutra cousa. Este ano hai sobre 150, como dís, pero o ano próximo podemos ter 400 ou 600.
    O problema do Xabalí afectaría, como digo, máis ben á Galiña de río nesta lagoa.

    Bueno, isto dá moito de sí (son temas moi interesantes) pero non podo estirar demasiado o comentario, que se me aburre o persoal, je, je..

    Unha aperta e graciñas por comentar.

    PD: o máis ilustre dos nosos cazadores, o gran José Curt, vai estar a semana que vén precisamente en Ferrol. Adivina quen vai estar con el e o vai acompañar pola zona a bichear..

    ResponderEliminar
  3. Bueno, estamos ante a enorme dúbida de se a favor ou en contra da caza.
    O problema da xestión da biodiversidade en Galicia é o auténtico descontrol existente. Digamos que cando alguén quere xestionar un determinado recurso, debe haber un ente ou organismo que debería designar cara onde desexamos ir. Segundo a normativa actual, este papel debería ser levado pola administración galega. Logo de saber cara onde desexamos ir, debemos establecer as medidas a adoptar e cales son as ferramentas que temos para realizalas. É aquí onde a actividade cinexética pode exercer un papel importante: como ferramenta dun obxectivo principal de conservación. No momento actual, a administración non cumple con este papel "superior" de designar cara onde queremos ir polo que, o non haber unha cabeza directora, son os brazos e pes os que fan o traballo de maneira descontrolada. Os cazadores, supoñamos que por ben, fan determinadas actuación pero moitas veces non teñen a visión integradora que necesita a conservación do medio natural galego. Por iso, en moi poucos casos, a caza se realiza como a función que debería ter: unha ferramenta (das moitas existentes) para mellorar o estado de conservación do medio natural.
    Tamén debemos indicar que os xestores teñen unha idea moi equivocada do que é Galicia. Non vivimos en Siberia nin en Alaska, senón nun lugar onde durante miles de anos se viviu convivindo coa natureza. Non é lóxico pensar que se non actuamos en Cospeito (hábitat manexado e degradado durante anos), a lagoa vai a estar mellor que se non actuamos. Ó mesmo podemos dicir do xabarín. Non podemos pretender que os lobos xestionen as poboacións de xabarín de maneira adecuada. Non estamos nun sistema depredador-presa (lobo-xabarín). Os ecosistemas non son tan simples. Hai moitas interaccións entre outras especies e, como Galicia é un hábitat moi humanizado, tamén debemos incluir o ser humano neste ecosistema.
    Ó ano pasado tiven o pracer de coordinar un proxecto para coñecer as densidades de corzo e xabarín da provincia de Lugo. Unha das grandes conclusións que eu saquei deste tema é o pouco coñecemento existente da caza maior en Galicia e as repercusións que esta pode xerar. Outra é o inmenso cristo existente entre os cazadores e TECORES. Non é posible que haxa TECORES que leven anos inclumprindo a superficie mínima desde hai anos. Tampouco é lóxico que existan tecores cun único cuartel, polo que o esforzo de mostraxe é moi irregular. Hai tal petate montado que é imposible utilizar a ferramenta de caza de maneira adecuada.
    Sobre o tema do efecto dos xabaríns sobre outra fauna. Non hai moitos estudos sobre este tema pero na miña opinión hai temas curiosos. O das lagoas e a avifauna é un. ¿Por outra banda, que efecto teñen os xabaríns nas poboacións de Pelobates cultripes en Corrubedo? Poderíamos engadir algún exemplo máis.
    Como dixen, a caza é unha boa ferramenta dentro dunha visión integradora da xestión da biodiversidade que debería ser mellor aproveitada e sen extremismos. Nin é bo a aniquilación de fauna cinexética nin os refuxios de fauna totais. Todo tenm que ser mirado en detalle.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas, Martiño. Coma sempre, unha fonte didáctica para todos.

    Un tema complicado iso do manexo nos espazos "naturais" (ónde?, cómo? temos aínda diso?), que ti explicaches moi ben.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos