Seguidores e seguidoras

lunes, 9 de abril de 2012

Reiseñor en Moeche

 Últimamente non podo desprazarme demasiado lonxe, por diferentes motivos. Así que esta semana santa tiven que limitarme a bichear por Ferrolterra. Unha boa ocasión para pasear tranquilamente polos meus sitios favoritos. Ún deles é o val de Moeche.


  Este val, formado polo río Xubia ao seu paso polo concello de Moeche, conserva aínda unhas boas paisaxes agrarias tradicionais. Aínda que (como no resto do país) a superficie adicada ao cultivo de cereal vai claramente a menos, segue a ser un dos lugares máis interesantes da comarca para as aves terrestres .

 Algunas especies quizá desapareceron nos últimos anos, como a Tartaraña cincenta (Circus pygargus) ou o Trigueirón (Emberiza calandra), que non observo alí desde hai anos. Pero aquí seguimos a ter unha riqueza das máis altas do norte galego, con notable abondancia de Rulas, Cucos, Paspallás ou Picanzos; e presenza de especies raras como a Folosa manchada (Locustella naevia), Papamoscas (Muscicapa striata), Papuxa apardada (Sylvia borin) ou Escribenta marela (Emberiza citrinella)..
 

 Hoxe en día a zona amosa unha alternancia de prados de sega/pastoreo, sebes de salgueiros e algún pequeno bosque galería, á beira dos ríos.



  A maioría das aves estivais non chegaron. Pero é raro o día que o val de Moeche non dá unha sorpresa. Hoxe, cando menos o esperaba, escoitei o inconfundíbel canto do Reiseñor común (Luscinia megarhynchos), que soaba potente desde unha silveira. Tiven sorte e puiden sacarlle unha foto cutre desde moi lonxe. Non é doado, pois é un ave moi desconfiada. Pero polo menos puiden testemuñar este encontro (a primeira vez que o vexo en paso primaveral na zona).


 En principio debemos considerar esta observación como a dun exemplar en paso migratorio non reprodutor na zona, dado que é un paseriforme de clara preferencia por entornos mediterráneos (ocupa sobre todo a provincia de Ourense). Pero.... tendo en conta os cambios na fauna que está a haber debido ao cambio climático, e o óptimo do hábitat onde foi observado, haberá que estar atentos nas próximas visitas, non vai ser..

 Os que sí crían nas veigas de Moeche son os frinxílidos de campo: Liñaceiros (Carduelis cannabina), Xílgaros (Carduelis carduelis), Xiríns (Serinus serinus) ou os Verderolos (Carduelis chloris), como este da foto:


 Nas hortas abondan os páridos, como este Ferreiriño real (Parus major).


Tamén había Picaxuncos (Cisticola juncidis, moi común), Reiseñores bravos (Cettia ceti), Azulentas (Prunella modularis), Carrizos (Troglodytes troglodytes), Paporrubios (Erithacus rubecula), Merlos (Turdus merula) ou Papuxas das amoras (Sylvia atricapilla, tamén moi abondosa).

 Por certo, Juan, busquei o Pardal montés (Passer montanus), pero nada. Preocúpame o declive alarmante deste paxaro en Ferrol. Todos os exemplares de Pardal que identifiquei eran comúns (Passer domesticus)...


 Cara o Oeste, albíscanse ao lonxe áreas máis forestadas.


 Mesmo hai unha importante repoboación de Chopo (Populus nigra) ás beiras do Xubia. Ben, todo o que non sexa Eucalipto case que o teremos que aplaudir, nos tempos que corren. Dentro duns aniños, cando sexa unha chopeira madura ha de traer máis dunha alegría, estou seguro.



 Polo de agora xa é lugar de nidificación do Peto real (Dendrocopos major). Escoitei o tamborileo dun macho e atopei este niño.


 O río aporta tamén un pouco máis de biodiversidade, co seu pequeno bosque galería.



 Nesta zona observei aves de carácter máis forestal, como Tordos comúns (Turdus philomelos), Pimpíns comúns (Fringilla coelebs), Cardeais (Pyrhhula pyrrhula), Picafollas comúns (Phylloscopus ibericus) e un fermoso Picafollas musical (Phylloscopus trochilus) que andan nestes días en pleno paso migratorio, rumo aos seus cuarteis de cría norteños.

 Ata outra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos