Seguidores e seguidoras

domingo, 20 de mayo de 2012

Pilro pequeno e máis limícolas na Frouxeira

Hoxe domingo volvín á lagoa da Frouxeira para ver se, logo do importante cambio na situación meteorolóxica, había novidades. E hai que dicir que todo segue igual.

 Non fun á praia (últimamente paso de ir aló, para non cabrearme vendo como aquilo se converteu nun "canódromo"). Así que censei únicamente o intermareal da lagoa. Datos (empezo polo máis bonito, sen orde taxonómica):

- 1 Pilro pequeno (Calidris minuta). Esta delicada limícola é, xunto co Pilro de Temminck, a máis pequena de Europa. Resulta habitual, en número moi pequeno, durante os pasos migratorios de Maio e Agosto-Outubro.


 Na seguinte foto aparece á esquerda da imaxe, xunto a un Pilro tridáctilo (Calidirs alba) e un común (C.alpina)


  A éste deino inicialmente por un Pilro cúbranco (Calidris ferruginea), pero grazas á axuda dos expertos averiguei que se trata dun Pilro común subespecie Calidris alpina alpina (e estaba coxiño dunha pata o pobre).


 - 143 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
- 294 Pilros comúns (Calidris alpina). Ambas especies estaban moi mesturadas...



 ...e moi inquedas tamén. Cada vez que se movía un corvo, unha gaivota, ou cambiaba o vento, saían en estampida voando como fan sempre, dun lado a outro sen parar.


 - 8 Biluricos comúns (Tringa totanus). Destes teño fotos demasiado malas para publicar.  Non vos merecedes ese terrible castigo.
- 5 Biluricos claros (Tringa nebularia)
- 9 Mazaricos rubios (Limosa lapponica)
- 13 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola). Logo de estar un rato pasándose mensaxes polo Whatsapp, decidiron marchar cara a praia (pobres...)



 Ben, logo quería censar as Escribentas das canaveiras (Emberiza schoeniclus), paseriforme moi ameazado que conta cunha interesante poboación reprodutora na lagoa.  Pero, ao igual có ano pasado, tiven que interrompir o conteo cando viña de avistar o primeiro macho cantor. A causa foi que cando observaba un bando de Círrios comúns (Apus apus), cun Cirrio pálido (A.pallidus) "infiltrao" no medio deles, pareceume detectar un exemplar leucístico con manchas brancas na mitra.

 Inmediatamente pensei na posibilidade de que se repetise a observación do ano pasado. Daquela tiven a inmensa fortuna de avistar un Apus pacificus sobre a canaveira da Frouxeira, unha especie asiática extremadamente rara no noso continente, sen apenas citas. Desgraciadamente non dispoño de fotografías daquela observación (e sei que a cita non vai ser homologada, por suposto).
 Así que hoxe, ao ver un cirrio coa mitra branca (que se correspón co padrón cromático do A.pacificus) interrompin o censo da Escribenta e me acheguei un pouco, coas dúas cámaras colgadas do pescozo, para non repetir o mesmo erro do ano pasado. Pero finalmente, logo de moito tempo de observación, comprobei que esta vez si se trataba dun Cirrio común leucístico (con manchas brancas en mitra e peito, cor xeral negra e proporcións de A.apus). Poño a foto dun Cirrio común de coloración normal.



 O caso é que abandonei o importantísimo censo de Escribentas por unha hipotética rareza. Non volverá suceder. Aínda que apareza a Scarlet Johanson bailando en pelotas diante de mín. Bueno, neste caso paréceme a min que había facer unha unha excepción...

 Ata a próxima.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos