Seguidores e seguidoras

sábado, 5 de mayo de 2012

Primavera en Valdoviño

  Nota previa: como me enterei que algún dos meus colegas de toda a vida (coma o Anjo e Iñaki) parece ser que visitan agora este blogue, quero dedicarlles a "Música da entrada", nunha liña xenuinamente punk, que seguro que lles recordará vellos tempos (xa advirto que non é apta para nenos, ancianos nin mulleres embarazadas).

Logo da pequena reportaxe sobre a visita de Curt e da entrada experimental en inglés, hoxe volvemos ao máis habitual, cunha entrada sobre a Frouxeira no idioma de Cervantes (con "Cervantes" refírome ao concello da montaña lucense).

 Esta chuviosa mañá fun con Juan Gómez Escariz á lagoa da Frouxeira, onde pasamos a maior parte refuxiados no observatorio. Un observatorio moi mal deseñado pero que, polo menos, abriga das inclemencias meteorolóxicas.


   A lagoa mantén nas últimas semanas un nivel de auga óptimo, algo pouco usual nestas alturas do ano. A canle está aberta, pero entre as mareas favorábeis e as intensas choivas, o nivel hídrico está no ideal, desde o meu ponto de vista. Se poidese pulsar un botón máxico para que sempre se mantivese así...
    Se isto estivese ocorrendo hai vinte anos, a lagoa estaría rebulindo de Galiñas de río, Mergullóns e Anátidas. Pero hoxe o panorama era desalentador. Por diferentes motivos (o máis importante para min: a praga devastadora do Xabalí) a poboación reprodutora de acuáticas semella estar baixo mínimos dun tempo para aquí.

 Non obstante vimos o seguinte:

 - 1 Mergullón pequeno (Tachytbaptus ruficollis).
- 8 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- 1 Garza branca (Egretta alba). Xa é case un habitual na Frouxeira



 - 1 ou 2 Garzas vermellas (Ardea purpurea) adultas. Igual que outras grandes ardeidas volveuse máis común nos últimos anos, con presenza regular nos pasos e mesmo sedimentacións estivais de exemplares inmaturos. Teño a convición de que este grupo de aves vai dar algunha sorpresa agradable a curto-medio prazo na Frouxeira. Poño unha foto testemuñal.


- 1 Pato rabilongo (Anas acuta), xa coñecido por todos
- 3 femias de Lavanco (Anas platyrhynchos) con 9, 6 e 4 poliños. Esta última é a que ten placa nasal, pero que non puiden ler. Supoño que é a marcada polo colega portugués David Rodrigues.


- 1 Pato chupón (Ayhtya ferina) macho que apareceu por alí.
- 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) xuvenil no sector W da canaveira
- Unha Galiñola negra (Fulica atra) solitaria
- Unha Galiña de río (Gallinula chloropus). Escoitei o reclamo. Quizá esteamos a contemplar os últimos exemplares reprodutores deste rálido na Frouxeira, dado o alarmante declive que experimentou en toda a comarca nas últimas dúas décadas (unha comarca infestada polo Porco bravo, "curiosamente")
- 4 Rascóns (Rallus aquaticus) tamén detectados polo reclamo.
- Pequenos grupiños de limícolas (3 N.phaeopus, 2 L.lapponica e uns 20 limícolos pequenos) que entraron ao intermareal. Por agora non se dan as condicións para a entrada forte do paso na lagoa. Pero a predición para a próxima semana, cun cambio importante na dirección dos ventos, pode cambiar a cousa. Recomendo a todos estar atentos o próximo fin de semana. De manterse a tónica habitual, pode haber un paso moi forte de limícolas (sempre que a lagoa non se peche). Al loro!
- Unha Gaivina de cara branca (Chlidonias hybrida) en plumaxe nupcial.


 De entre as 50.479 fotos que lle saquei houbo unha boa (mañá darei unha rolda de prensa)


- 2 machos cantores de Folosa dos carrizos (Acrocephalus scirpaceus) nas inmediacións do Observatorio
- 1 Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) na canaveira máis próxima á pista. Aínda non realicei o censo que fago case anualmente. A ver cómo lle vai, logo do que pasou este inverno.

 De seguido cambiamos de aires e nos fomos aos prados de Lago e de Taraza (éstes xa en Meirás). Alí buscábamos localizar territorios da Folosa manchada (Locustella naevia) estrela indiscutíbel do lugar. Non houbo sorte nese sentido, aínda que si tivemos outra alegría inesperada.
 Cando prospectábamos un prado de Lago, moi cercano á canaveira da lagoa, Juan atopou unha Rá vermella (Rana temporaria). Teño que dicir que isto supuxo para mín un motivo de enorme satisfacción. A pesar da miña afeizón pola herpetoloxía e dos anos que levo visitando Valdoviño, nunca antes observara ningún exemplar adulto vivo de temporaria. Coñecía a súa presenza en dunas ou campos da zona pola observación de larvas ou individuos atropelados, pero nunca me cadrara ver unha viva. Supoño que nunha localidade como A Frouxeira, o interese polas aves ocupa a maior parte da nosa atención.


  O que eu fun incapaz de conseguir logo de 28 anos bicheando pola Frouxeira, Juan conseguíuno case sen querer. Non puiden resistirme a tomar unha instantánea de tan meritorio achádego. Vai por Juan!! (Unha coñecida empresa xaponesa de fotografía prometeume que se publicaba esta foto me regalaría un 70-300 con estabilizador)


 Porque non se trata dun anfibio calquera, ollo. A Rá vermella é, básicamente, unha especie de montaña na península ibérica, onde só aparece na cornixa cantábrica e Pirineos. É un animal de extraordinaria resistencia, que pode chegar a frezar nas charcas baixo capas de xeo e depositar os ovos mesmo encima da neve! (observacións persoais na Serra da Capelada, Cedeira).

 No noso país ten unha distribución bastante ampla na metade Norte, pero é máis escasa na provincia de Pontevedra e, especialmente, en Ourense. Nas serras orientais non baixa dos 1400 m. de altitude. Pola contra, na comarca de Ferrol a especie é moi frecuente a nivel do mar, debido ás suaves temperaturas e alta humidade de que "gozamos" no noso verán escocés. No val de Narón, onde transcurríu parte da miña infancia, era claramente o anuro máis abondoso. O seu nome inglés ("Common frog") era perfectamente válido para nós cando éramos nenos.



 Nestas circunstancias a versatilidade das cámaras "bridge" é unha baza importante ao seu favor. Juan, en venganza, sacoume esta foto mentras afotaba a Rá, dándolo todo.


 Aquí temos outra vista de "Gustavo". Ao contrario que a Rá patilonga (Rana iberica) a gorxa da vermella soe ser completamente clara, sen pigmentación escura. De todas formas non é o rasgo máis fiable para diferencialas.


 De aves, pois a cousa estaba animada polos prados. O máis destacado foi:

- 5 Folosas amarelas (Hippolais polyglotta). As primeiras da temporada para nós.


 - 2 Falcóns pequenos (Falco subbuteo) ciclando sobre os prados, mentras causaban o pánico nun bando de Anduriñas.
- Unha parella de Azulentas (Prunella modularis) levando bicada para o niño
- Os primeiros voantóns da temporada. Unha familia de Chascos (Saxicola torquata) na que os pais alimentaban aos seus chorimicas poliños.

 En definitiva, unha mañá ben aproveitada. Mañá tócame facer un transecto para o programa SACRE da SEO. Ou sexa, non vai ser unha saída tan relaxada e tranquila como a de hoxe.

 Ben, ata a próxima entrada.

6 comentarios:

  1. ¡Vaites! Que ganas de visitar a lagoa da Frouxeira...

    E por certo, ¡encántame a foto da lontra!

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo comentario e... benvida? benvido? benvide? a este blogue.

    O día da famosa foto da Lontra foi unha cadrada ben rara. Pero sempre digo que este animal é relativamente doado de afotar en Ferrolterra, unha vez que se coñecen os seus hábitos e hábitats.

    Podes crerme que a captura de pequenos paseriformes é certamente moito máis difícil.

    A todo isto, quero recordarche que no idioma galego (ao contrario ca no inghlés) o xénero das palabras cobra certo protagonismo nunha comunicación. Se non me asinades os comentarios nunca sei se teño que empregar termos masculinos, femininos, neutros ou indiferentes.

    Eu son moi bon en lingua, carallo, pero non adiviño!

    Por favor, AS PERSOAS CON IDENTIDADE HUMANA, ASINADE OS COMENTARIOS COS VOSO NOMES, POLO MENOS!!!Por la gloria de mi madre! (que diría o gran filósofo Chiquito de la Calzada)

    ResponderEliminar
  3. Unha entrada mi entretida e proveitosa, cunhas referencias ás desfeitas do porco moi oportunas.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. En fin, que che vou contar sobre o Porco que non saibas, Rafa.

    Como estamos na OTAN, sempre poderán vir os Ianquis a exterminalos...Porque outra solución eu non a vexo.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Ups, gracias pola benvida (aínda que levo temo seguindo o teu blog), son muller (Inés), así que podes usar o xénero feminino cando fales conmigo :-) Uso o nome de Maeglin por costume.

    Respecto a lontra, ¿podes crer aínda non vin ninguna por estas terras? A primeira que vin foi en Rumanía, e foi de pasada. Terei que achegarme a Ferrolterra a algo máis que vsitar a familia, e facer unha escapada para ver animaliños.

    E por certo, noraboa polo blog. Gústame moito ;)

    ResponderEliminar
  6. Mellor así, Inés. A partir de agora podes ser Maeglin ou o que ti queiras, pero polo menos xa saberei como dirixirme a ti. Xa me pasou que algún comentario proviña dun pseudónimo feminino, mentras que resultaba ser un home, rapaz... ou algo así, vaia)

    Sobre a Lontra, pois ao igual que outros grandes carnívoros, resulta cada vez máis fácil de observar por aquí. Porque a Raposo tamén se pode ver con facilidade se madrugamos un pouco e visitamos zonas apropiadas.

    Se cadra aínda nos habemos de ver se vés por estas terras.

    Benvida, logo, a este blogue e grazas por comentar.

    ResponderEliminar