Seguidores e seguidoras

domingo, 22 de julio de 2012

Verderolo montés (S. citrinella) no Buio

  Hai uns días Sergio París e máis eu intercambiábamos "información privilexiada" sobre diversos tesouros da Serra do Buio (aínda que, a diferenza da clase política, nós non sacamos un peso da operación). Eu facilitáballe información para que localizase certa Lagartixa e el facía o propio co Verderolo montés. Agradécese este tipo de colaboración nos tempos que corren, no que a algún parece que lle costa caro compartir os datos (non vaia ser que lles "pisen" a cita...). Afortunadamente no mundo da ornitoloxía galega hai moita xente estupenda. Vaia pois adicada a Sergio esta entrada. Graciñas!

 Unha semana despois de viaxar por Ourense, cambiei de aires radicalmente. Para irme ao extremo máis antagónico posíbel (case digo "patagónico"): as serras do norte. O Buio, concretamente.



 Coma vén sendo habitual nas miñas últimas saídas, o tempo, galego 100%.


  Grazas á gandeiría que se mantén nestes montes de mán común, consérvase moita superficie de pastos, alternados con piñeirais xóvenes. A sensación, como acontece na Capelada ou no Xistral, é a de estar a moita máis altura sobre o nivel do mar, debido ao aspecto que ofrecen as paisaxes.

 Ao longo da mañá fixen varios transectos medianos sumando un total de 8 km recorridos a pé, por pistas forestais (o xeonllo, a todo isto, comportouse moi ben...a ver se cumpre igual cando teña que subir as escaleiras do barco). E, nada máis empezar, un Corzo (Capreolus capreolus), como non! Nesta ocasión un macho cos cornos recén peladiños.


 Pero hoxe o meu obxectivo eran as aves. Máis concretamente paseriformes de montaña. Así que cito as especies que vin:

- Laverca común (Alauda arvensis) nos pastizais
- Picas das árbores (Anthus trivialis). Pasoume unha cousa moi curiosa con unha familia delas. A un exemplar xoven entroulle de repente unha extraordinaria curiosidade por min e me seguía alá onde eu ía, cambiando de piñeiro. Eu estaba a outra cousa, pero ao "rapás" entroulle a curiosidade e non se me despegaba. A todo isto os pais que o querían alimentar estaban bastante nerviosos pois non se atrevían a achegarse. Así que decidín abandonar definitivamente aquel pinar.
- Petos reais (Dendrocopos major). A foto é de Valdoviño, pero non llo contedes a ninguén.

 Peto real (Dendrocopos major) xoven

- Gabeadores azuis (Sitta europaea). Un grupo familiar en hábitat de coníferas. Non me acabo de acostumar a isto, pois é claramente un paxaro de caducifolio no noso país. Desde logo cando era novo non lembro telos visto neste hábitat, pero últimamente cada vez teño máis avistamentos coma este (empregaría a palabra "horripilantes" para definir as fotos, pero se queda curta)

 Gabeador azul (Sitta europaea)

- Gabeadores comúns (Certhia brachydactyla).

Gabeador común (Certhia brachydacyla)


- Tordos comúns e charlos (Turdus philomelos/viscivorus)
- Úbalos (Carduelis spinus). Observei e escoitei varios exemplares. Desde que se comprobou a súa nidificación na serra da Capelada xa case que parece común, pero é todo un luxo ver este paxaro coma reprodutor na nosa terra.
- Verderolo montés (Serinus citrinella). Palabras maiores... Probablemente era a única especie de ave galega que non tiña visto ou escoitado aínda. Quizá porque tampouco fixera os esforzos que outros no meu lugar terían feito. Pero certamente que me facía ilusión vela en territorio galego. E tiven esa inmensa sorte. Recordemos que polo de agora só se coñece a súa presenza coma nidificante en Xistral e Buio (e non lembro se en Ancares tamén). Así que foi un auténtico pracer poder observar dous exemplares que pousaron perto da miña posición, para internarse logo entre a floresta.
 Estaban a contraluz, pero a banda alar, moi chamativa, a cola notablemente máis longa ca en C. spinus, e sobre todo as voces, foron claves para a identificación. Logo vin outros dous exemplares en vó, que quizá fosen os mesmos.
- Cruzabico (Loxia curvirostra). Detectei varios grupiños pequenos de 2-4 exemplares. Nesta época do ano pode tratarse xa de grupos trasumantes procedentes doutras rexións. Pero me dá a sensación que tamén crían alí...
- Escribentas riscadas (Emberiza cia). É a desculpa para meter unha foto media decente..


 En fin, que a zona é estupenda. E só a mala época da visita (avanzado o verán) fixo que houbese longos períodos de aburrimento total sen apenas observacións. Iso si, as que se deron, foron excepcionais.

 Unha vez máis, dou os meus agradecimentos a Sergio París, por darme as indicacións oportunas.

 Ata a próxima. 

6 comentarios:

  1. Alégrome que ese xeonllo vaia mellor. Por certo que me chama a atención que non cites ninguha rapaz,non acompañaba o día? De tódolos xeitos, cos cruzabicos e os verderolos "galegos" eu xa viña dando cos pes no cú.

    ResponderEliminar
  2. Pois o certo é que algunha vin, pero aquelas non son terras de rapaces (Buxatos e pouco máis). O máis destacado foi a observación dalgún Voitre (Gyps fulvus) cando voltaba polo porto da Gañidoira. Pero hai cousas que prefiro non comentar se non dispoño dalgunha foto decente.

    Falando diso...espero que a partir da próxima semana o apartado fotográfico de Bichos se vexa notablemente mellorado.

    Unha aperta.

    PD: O do xeonllo quizá teña que ir miralo máis ben cun veterinario (dado o perfil do paciente). Coñeces a algún?

    ResponderEliminar
  3. O Papá pitufo entendiache de remedios así que xa sabes.

    ResponderEliminar
  4. Esa era a idea que tiña (xa ves que dispoño de "informantes" por todos lados, je, je)
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  5. Ostia!! Quero dicir... Loxia!!! Jeje, era a outra especie que sospeitaba que andaría por alí.

    Como te comentei ando bastante pola zona pero aínda non prospectei todo o que quería a zona de piñeirais. Tes razón ao dicir que a zona é estupenda, no día que tiven un ratiño para parar nos piñeirais saíron úbalo e verderolo, e agora ti o cruzabico... noraboa, haberá que seguir vixiando a zona...

    Unha aperta e grazas a ti :)

    ResponderEliminar
  6. Agora falta que cumpras a túa parte do trato e que localices a bicha de marras.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos