Seguidores e seguidoras

domingo, 16 de septiembre de 2012

Entre limícolas

    Coméntame o meu sobriño Paulo (o meu seguidor  máis querido) que meteu o meu blogue para ver nas aulas da escola de Roxos, en Brión. Así pois, esta entrada vai adicada a el e a todos os seus compañeiros e compañeiras do colexio. Permitiredes, polo tanto, que hoxe lle dea ao texto un toque axeitado ao que correspón cando te dirixes a alunos de sexto de primaria.

ENTRE LIMÍCOLAS

 O mes de Setembro é especialmente xeneroso en canto a darnos observacións de especies migratorias. Como sabedes, son moitas as aves que, logo de aniñar en lugares moi lonxanos do Norte do continente europeu, "emigran" para lugares máis cálidos, en África ou no Sur de Europa, onde pasarán os meses máis fríos.

 A gran familia das "limícolas" é unha das máis notorias nestas datas en todas as praias e humidais do noso país. O seu nome: limícolas, xa nos indica que estas aves se alimentan dos numerosos invertebrados que poboan os limos. Non obstante hai algunhas delas que prefiren os substratos areentos das praias, como por exemplo as Píllaras reais.


 Os científicos, co fin de que nos poidamos entender entre naturalistas de calquera lugar do mundo, idearon unha maneira. Cada especie de animal ou pranta ten, ademáis do seu nome "normal", un nome científico en latín. Así, aínda que esteamos a falar cunha persoa de Ukraína ou Australia, poderemos entender de qué falamos se empregamos o "nome científico".


  A Píllara real é coñecida tamén coma Chorlitejo grande en España, ou coma Common ringed plover, en Inglaterra. Pero cando falamos entre nós é, simplemente, CHARADRIUS HIATICULA. ¿A que mola?

Píllara real (Charadrius hiaticula)

    A Píllara real  ten un peteiro bastante curto, como vedes. A súa forma de se alimentar consiste en correr coma se estivese tolo detrás das pulgas de area e outros pequenos invertebrados da area, e capturalos sobre a superficie. Sen embargo, a maioría das aves limícolas posúen peteiros longos ou moi longos, adaptados para introducilos na lama e capturar anélidos e moluscos que permanecen ocultos durante a baixamar.

 O caso máis esaxerado é o dos Mazaricos. En Galiza temos catro tipos de Mazaricos, dos cales só ún deles cría na nosa terra (na provincia de Lugo). O resto son simplemente visitantes da migración ou de invernada.


  O Mazarico rubio non é que teña o fuciño así por contar moitas mentiras, coma Pinocho. Ese peteiro tan esaxeradamente longo élle moi necesario para poder capturar os animais dos que alimenta, porque permanecen moi enterrados no fango, intentando escapar dos seu predadores. Vos faríades igual se fósedes eses invertebrados, non sí?

Mazarico rubio (Limosa lapponica)

 A máis común das nosas limícolas é o Pilro común, que en latín chamamos co rimbombante nome de Calidris alpina. Os biólogos sempre me dín que cando escriba estes nomes tan raros (porque mira que son raros!!) hai que poñelos en cursiva, para diferencialos dos normais.

 Pilro común (Calidris alpina)

   O Pilro común é moi doado de identificar polo seu peteiro lixeiramente curvo, e as manchas escuras na barrigola aínda que, durante o inverno, éstas desaparecen.

  Galiza está no extremo suroccidental do continente, un lugar propicio para que aparezan especies de procedencia americana nestas épocas do paso migratorio, e motivo polo que somos unha auténtica potencia para a detección de especies RARAS, ou sexa, especies de presenza ocasional no noso continente. Algo que deu pé á aparición dunha morea de colegas empeñados en descubrir a ave máis rara rexistrada, e aos que coñezo, coloquialmente, como "rarólogos" (métome moito con eles, pero son uns rapaces estupendos).

  Este Pilro común podería ser unha desas rarezas, pero trátase só dun exemplar xuvenil de Calidris alpina schinzii, que ten o bico máis curto.


  Cando as aves están tranquilas, sen cans soltos que as alteren, por exemplo (ún dos problemas que temos nas praias ferrolás) é posíbel observar todas as facetas do seu comportamento.

  Pilro común rascándose as plumas da face.

  A seguinte limícola chámase Pilro tridáctilo, ou "bulebule" (coma moitos de vós, que tamén sodes uns bule-bule). En latín, Calidris alba, por aquilo de que é branquiño como a neve.


   Para alimentarse mete o peteiro na area ou na auga, ata onde é capaz de chegar. Pero tampouco hai que pasarse, caramba!!

Pilro  tridáctilo (Calidris alba)  (Ei! non te pases, que vas afogar!!)


Pilro tridáctilo (Calidris alba)
   
A competencia polos "recursos tróficos" (mirade o dicionario...) fai que, ás veces, estoure a violencia.


   Estes Pilros tridáctilos déronse de tortas, pelexando polo mellor lugar de alimentación. Non, non é desde logo unha pauta que debamos aprender os humanos das aves. O emprego da violencia implicará sempre o fracaso da intelixencia e do sentido común...


  Por último unhas imaxes do aseo cotián. Porque a limpeza é algo que nos afecta a todos. Especialmente ás aves. As súas plumas son un elemento moi delicado e tremendamente importante, que cómpre manter en perfecto estado de funcionamento.


Virapedras (Arenaria interpres), dándose un baño.

    Ben, espero que pasáredes un bon rato. Espérovos na próxima entrada de "Bichos e demáis familia".  E un bico moi forte para Paulo e Luci (as dúas xoias máis bonitas de miña irmá Monse)



16 comentarios:

  1. Espero que ti e máis os nenos de sexto me permitades unha pequena intromisión. Encántame a entrada que fixeches, moi didáctica e apta non so para nenos de primaria, senón apra calquera que goste da natureza e non teña coñecementos dela.

    ResponderEliminar
  2. Preciosa imagenes de las limicolas!
    Saludos camperos.

    ResponderEliminar
  3. Intromisión permitida, Inés. Por certo, asegúroche que cando estiven diante de certas persoas, coma Souza ou Galán, eu mesmo sentíame coma un neno de primaria.

    Grazas pola visita.

    ResponderEliminar
  4. Gracias Campero. La verdad es que por la zona en la que vivo está todo tan hecho polvo y tan degradado que hay que exprimirse los sesos sin para poder encontrar algo "con gancho" para el blog. En Septiembre lo más interesante son las limicolas y las marinas.

    Gracias por el comentario y bienvenido por aquí.

    ResponderEliminar
  5. Bon traballo hacia os nenos tamén.
    Non so esta entrada, en xeral.
    O importante e dar a coñecer o blog e co sigan, futuros amantes da Natureza.

    Jose

    ResponderEliminar
  6. Diso se trata, José. Supoño que tamén é importante que existan persoas moito máis serias e rigorosas, con entradas máis propias dunha publicación científica. Pero isto é ao que eu podo aspirar, xa que eu non deixo de ser un simple afeizoado, sen maior pretensión.

    ResponderEliminar
  7. Confésoo, eu son un dos nenos que aprendo neste blog. Sonche un alumno moi atento Xabi, xa o sabes, ainda que ás veces me mereza algunha corrección por parte do profesor ;) Pero así é como se aprende.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  8. Todo aluno é igualmente profesor. Non o digo eu, é un feito. O que eu podo ensinar a través de "Bichos" vese sobradamente compensado coas correccións e aportacións que moitos de vós podedes facer aqui.

    Unha aperta (e xa vin que andas aburrido, de novo, coas Avutardas castellanas...)

    ResponderEliminar
  9. Este profesor que escrebe tamén se sentíu alumno feliz lendo esta magnífica entrada. É unha excelente idea escribir para a xente común coma nós, que só temos un coñecemento superficial da materia e calquer cousa ben explicada nos fai sentir un pouco mais sabios.
    E felicidades polas magníficas fotografías e polas cousas que contas con elas! (por curiosidade, cal é o equipo fotográfico co que sacas as fotos?)

    ResponderEliminar
  10. Olá Marcos e "deviaxe":

    Graciñas aos dous... (ou ás dúas, porque non sei cómo debo dirixirme a "deviaxe"). Foi unha entrada moi sentida por este que escrebe. Coma teño dito anteriormente, "Bichos e demáis familia" intenta ser o que eu quixera ter visto hai trinta anos. Porque eu tamén fun neno (aínda que non o creades. E os nenos son un terreo moi fértil, onde só temos que prantar a semente do amor pola Natureza, e regala de cando en ves. É tarefa de todos.

    Por certo, o meu equipo é moi modesto. Até hai pouco consistía nunha cámara compacta tipo "bridge": unha Fuji HS10. En Xaneiro merquei unha réflex básica (Canon EOS 500D) á que lle incorporei recentemente un tele igualmente modesto: 70-300 SP VC Tamron.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  11. Acabo de ver que "deviaxe" é tamén este profesor.. Así pois, benvido.

    ResponderEliminar
  12. Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

    ResponderEliminar
  13. Olá Paulo. Alégrome moito de que por fin conseguiras comentar. Xa che dixen que compría cambiar de navegador. Polo que me contaches por teléfono, vexo que Mozilla funciona.

    Un abrazo moi, moi, moi, moi forte, curruchiño.

    PD: Lembra que hai que asinar os comentarios con nome e apelido. Ti con máis motivo, por aquilo de dar exemplo.

    ResponderEliminar
  14. Hola Xabi xa vimos a entrada na clase e gustou moito.
    Paulo Gómez Prieto

    ResponderEliminar