Seguidores e seguidoras

lunes, 24 de diciembre de 2012

Lago de Valdoviño, información actualizada

  Logo de ver no blogue de Antonio que o nivel baixara dabondo, decidín visitar a primeira hora o lago de Valdoviño. Técnicamente é unha lagoa litoral ou quizá unha albufeira, xamáis un lago, pero con este nome é como se coñece por aquí (terra propensa coma poucas ás esaxeracións).


  A canle foi reaberta de novo con medios mecánicos. Desta volta o baleirado foi xa moi notable, algo que supón unha enorme alegría para a maioría dos ornitólogos que visitan regularmente a zona, pois asi resulta máis doada a observación. Eu, a título particular, tamén penso que este descenso das augas é beneficioso para a fauna en xeral da lagoa. Ademáis está a ser moi progresivo, non como o terrible baleirado explosivo de Xaneiro. Agora, grazas á intervención humana,  estase a facer un baleirado controlado e máis favorable desde o ponto de vista medioambiental que o acontecido o pasado inverno.

    Xusto cando disparaba a foto anterior apareceu de súpeto dentro do encuadre ún dos animais máis abondosos neste humidal: o "Can codrilo"(Canis stupidissimus). En fin, menos mal que está prohibido levar as mascotas sen correa... Hoxe observei non menos de 8 ou 10 cans ceibes en apenas quince minutos. Cousas de "Panderetalandia", alias Galiza.


  Poño unhas fotos onde aparecen varios afloramentos de rocha (xistos?). Por se resulta de interese para os que saben destas cousas.


 O que aínda non quitaron foi o lamentable "dique" de pedras que montaron en 2009 ou 2010 (non lembro ben). Marquei o seu trazado, do que só son visíbeis algunhas das pedras máis altas que asoman sobre a auga. Non confundades este dique co que se fixera, por medio de sacos de area, durante a crise do "Prestige", en 2003. Aquel tiña un obxectivo moi importante, como era evitar que o chapapote entrara na lagoa. Pero este da foto serve para,... paraa,.... paraa,.....para qué coño serve??


  Os niveis da lagoa, como digo baixaron moito. Calculo que sobre 1,5 m. asi a ollo. Fixádevos na seguinte foto. Hai uns días a auga alcanzaba o pasamans de madeira e cobría xa a pista de grava.


   A lago segue cheo, por suposto. Este intermareal, permanece aínda baixo as augas, tranquilos... (a algúns colegas parece que lles supón un trauma ver a area do intermareal ao descuberto).


  E, a todo isto, as aves ¿fóronse? Obviamente non, seguen onde sempre. Pero non sería raro que algún iluminado escribira na prensa esta semana que "A Frouxeira pasou a ser un deserto ornitolóxico agora que está seca" (non sería a primeira vez).


  Desde Ferrol, seguimos informando.

 E agora xa podedes seguir mirando as fotos dos Mergullóns da entrada anterior (tiña que actualizar o blogue, porque hai cousas máis importantes para min que a fotografía)

2 comentarios:

  1. A ver se desta...
    Non consigo visualizar (imaxinar) ben o trazado en planta coas túas fotos, pero teño a sensación que agora vai mais ó resgardo da Percebelleira.
    De ser así e polo que ouservaches do apoio da canle nos afloramentos de xistos (que coa xeración de turbulencias aumentan o transporte de area ó contribuir á xeración da emulsión da mesma)quizais se poida estabilizar a canle.

    ResponderEliminar
  2. Penso que o trazado é o mesmo que coñecimos o outro día, máis ou menos. O importante, coma dís, é que se estabilice. A ver se nas próximas entradas sobre A Frouxeira falo só de fauna. Sería un bó sinal...

    ResponderEliminar