Seguidores e seguidoras

lunes, 10 de diciembre de 2012

Precenso en Ortigueira (corrixida!)

    O domingo deixeime de tanta foto e me dispuxen a facer ún dos recontos previos que me gosta facer antes dos censos de Xaneiro, e que chamo coloquialmente "precensos".
   A Ría de Ortigueira está xa a tope. A mañá comezaba soleada e fría (0ºC na costa é moito frío, pola humidade que sempre temos). Prometía unha xornada das que me gostan e así foi. Desgrazadamente afrontar un censo coma Ortigueira por unha soa persoa, aínda que sexa un censo parcial (sen láridos nin algunhas especies comúns) é tarefa certamente complexa, e cómpre andar moi lixeiro. Hoxe apenas podía parar a tirar un par de fotos testemuñais, porque primaba algo moito máis importante, como é coñecer a poboación de aves dun humidal. Vamos cos datos:

- 4 Mobellas grandes (Gavia immer), todas na parte sur da ría
- 2 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
- 8-10 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)
- 74 Garzotas (Egreta garzetta)
- 5-6 Garzas brancas (Egreta alba). 2 en Ladrido, 3 en San Claudio-Mera e 1 (distinta, probablemente) na Acea de Cuíña, onde non é moi habitual velas.


  A seguinte foto é malísima, pero non ten prezo. No mesmo encuadre aparecen tres exemplares de Garza branca!

 Garzas brancas (Egretta alba) na enseada de Mera

- 5 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- Varios Corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) na ría central, á altura de Fornelos-Ortigueira, e moitos grandes (P. carbo)
- 1 Cisne mudo (Cygnus olor) xoven
- Os 2 Cisnes grandes (Cygnus cygnus) descansando nas xunqueiras de Spartina. A seguinte foto tampouco está mal (2 cisnes e 1 garza branca!)

Cisnes grandes (Cygnus cygnus) er Garza branca (E. alba) ao fondo da imaxe

- 42 Patos frisados (Anas strepera) en Mera case todos
- 1307 Patos asubiadores (Anas penelope): 1083 en San Claudio, 204 na Lagarea e unha cifra sorprendentemente baixa de 20+ en Feás. A verdade é que estaban moi metidos na parte máis interior e fóra do alcanzo da visión.
- Moitos Alavancos (Anas platyrhynchos) Non os contei. De todas formas este pato acada o seu número máximo máis ben durante a muda (con cifras de até 1000 exemplares en Setembro), que durante a invernada soe ser bastante máis baixo.
- 153 Patos rabilongos (Anas acuta)
- 63 Patos culler (Anas clypeata)
- 497 Cercetas (Anas crecca). Ao igual que no caso do Asubiador, "fallou" a Enseada de Feás, onde normalmente hai un grupo importante, pero nesta ocasión non vin ningunha. Nos censos sempre ocorren cousas imprevisíbeis.
- 1 Pato chupón (Aythya ferina) na enseada da Lagarea-Cuíña
- 32+ Pentumeiros comúns (Melanitta nigra)
- A xa famosa femia de Pentumeiro careto (Melanitta perspicillata).
- 2 Mergos cristados (Mergus serrator)
-231 Gavitas (Haematopus ostralegus) no Cavalar. Non puiden ir a Cariño e a Ladrido coa preamar, onde se completa o censo con varios grupiños pequenos.
- 82 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola). Tendo en conta que é unha limícola que chega moi tarde á ría, non é unha mala cifra.
- 7 Avefrías (Vanellus vanellus) en Mera
- 34 Pilros gordos (Calidris canutus)
-275 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 12+ Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos). Esta limícola solitaria necesita un conteo meticuloso, que hoxe non podía facer eu só. A destacar 9 exemplares observados na Lagarea
- 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus)
- 113 Biluricos claros (Tringa nebularia). Habería que sumar os 10-15 de Ladrido e un número parecido de Feás para saber o seu número real. Ún deles anelado con PVC amarelo e PVC azul debaixo na tibia dereita.
- 70 Biluricos comúns (Tringa totanus)



- 28 Mazaricos rabinegros (Limosa limosa)
- 139 Mazaricos rubios (Limosa lapponica). Unha cifra dentro da media, pero quizá houbese máis. Dúas horas despois da preamar atopeime un grupo de 93 aves descansando nun illote de Ortigueira. Non sei se foi que era parte do grupo principal que "baixaron" antes de tempo, ou un grupo que quedou sen subir ao Cavalar. Axiña sairemos de dúbidas.

Mazaricos no repousadoiro do Cavalar. Parte do grupo.

- 608 Mazaricos reais (Numenius arquata). Penso que é un censo moi preciso (outros días non podo dicir o mesmo). Ún deles anelado con PVC amarelo/laranxa moi longo (tipo canuto) e con raia escura na parte inferior do mesmo, en tibia dereita.
- 102 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus). Este mazarico continúa en incremento coma invernante.
- 2 Becacinas (Gallinago gallinago) na ribeira de San Claudio
- E gaivotas variadas, carráns, etc..

 Para frikies das listas dicir que observei un total de 61 especies de aves, das cuais 39 eran acuáticas. Aínda que obviamente non era un maratón e estaba concentrado no que estaba.

 Un saúdo

4 comentarios:

  1. Boa entrada Xabi! Aínda que sudaches contando, de seguro que o pasaches ben con tal paxarada.

    Saúdos

    David Martínez Lago

    ResponderEliminar
  2. Home, David, co frío que facía asegúroche que "sudar"...o que se di sudar, non sudei moito.

    Desde logo o censo é o meu "hábitat" natural, non cabe dúbida (sei que teño unha facilidade innata para facer este traballo). O pior é que nunha localidade coma Ortigueira, acabas botando o día no coche, pero se queres obter resultados completos nunha especie hai que espabilar.

    Como seguramente xa imaxinarás, boto moito de menos que non haxa máis observadores que se dediquen ao noble arte do censo.

    Grazas por comentar e unha aperta

    ResponderEliminar
  3. Nunca vira un censo tan grande, e alucinante a min seguramente me levaría unha semana facelo, e o mellor me quedo corto. Noraboa maestro. Salud

    ResponderEliminar
  4. Graciñas, Pepe. Pero cando se practica unha actividade que che gosta de maneira regular é normal que se adquira moita práctica. Asegúroche que moitos de vós (a xente de galiciaves)seríades capaces de facer censos así se botárades o tempo que eu lle dediquei (vai para 25 anos, coas coñas).
    Nos tempos dos mestres Souza, Silvar ou Suso Domínguez os censos eran actividade prioritaria dos observadores. Pero parece que hoxe algo tan importante como saber as poboacións de acuáticas non resulta de interese salvo para catro colgaos. Unha pena. Non me canso de repetilo.

    Un abrazo e parabéns polos resultados do TAG!!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos