Seguidores e seguidoras

domingo, 3 de marzo de 2013

"Aves de la Balsa de Valdoviño"

 Espero que Mikel e compañía me permitan utilizar este nome pero é que, nos últimos tempos, apenas podo publicar entradas que non traten sobre a avifauna da Frouxeira. Resulta que esta lagoa está situada a 20 minutos de casa, e iso me permite volver axiña ante calquera eventualidade.
  Esta mañá pasei de novo por alí, e a risco de aburrir á parroquia, imos contar o que vin. Por certo, que falando de "parroquia", parece que perdín un importante número de "ferigreses", como reflicten as case 1000 visitas que perdeu este blogue no pasado mes (algo que por outra banda xa me esperaba).

  Hoxe os Picafollas comúns facíanse notar por todas partes: salgueiros, canaveira, silveirais,... A xulgar polos cantos que se escoitan estes días pola comarca, son maioritariamente exemplares da especie europea. Polo medio mesmo crín identificar un Picafollas cantor (P. trochilus) pero non teño foto. Sigo sen poder retratalos como debera. A menos mala das fotos foi ésta:

 Picafollas común (Phylloscopus collybita)

  A lagoa reúne arestora unhas condicións idóneas para a sedimentación de migrantes, ao estar aberta. Na segunda metade de Marzo teremos un notable paso de varias especies de larolimícolas, con gran protagonismo da Gaivota escura (Larus fuscus). Por agora  hai moi pouquiñas

  Gaivotas comúns (Larus spp, con L.melanocephalus ao fondo da imaxe)

  Os Mergullóns están a mudar a triste plumaxe invernal por unha máis axeitada para os labores do celo e reprodución. Os seus trinos xa se escoitan na lagoa desde hai días. De todos os xeitos, a temporada de cria neste humidal está moi condicionada polos niveis hídricos. E resulta moi habitual detectar os primeiros polos entrado xa o verán, pois daquela a lagoa adoita estar pechada ao mar, e cun nivel de auga máis adecuado para esta especie.

Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) coa plumaxe de transición

  Mentras estaba no observatorio, intentando localizar Escribentas das canaveiras (Emberiza schoeniclus), apareceu o exemplar de Águia pescadora que leva todo o inverno por aquí. E, coma sempre, tivo éxito na pesca. É asombrosa a facilidade coa logra éxito nas súas capturas (Eloi...aprende, macho). As súas poutas son auténticas trampas, moi ben deseñadas para que os esvaradizos muxes non teñan oportunidade ningunha de fuxir. Cando retornaba para o comedeiro, pasou a uns cen metros de min e lle tirei unha foto.

 Águia pescadora (Pandion haliaetus)

  De anátidas, pois seguimos cun número ben interesante de Culleres (Anas clypeata) e de Cercetas (Anas crecca). E un macho solitario de Rabilongo (Anas acuta). Dentro duns días ha ter compaña, con toda certeza.

Pato rabilongo (Anas acuta)

  Como dixen antes, intentaba localizar os primeiros exemplares cantores de Escribenta. E hai que ter un coidado tremendo coas Chascas (Saxicola torquata).... En Primavera gostan de meterse entre a canaveira e, podo asegurarvos, poden chegar a cofundirnos na identificación se non estamos atentos. Mirade!


  E a este macho aínda se lle distingue moi ben a banda alar branca, pero ás veces poden ser moi parecidos ás Escribentas (sobre todo desde lonxe).

Chasca común (Saxicola torquata)

  E me despido cunhas fotos de garzas:

 Garzota (Egretta garzetta)

Garza real (Ardea cinerea)

 E moitas grazas a todos e todas os que aínda  visitades e comentades en Bichos.


6 comentarios:

  1. A foto da águia pescadora coa presa nas patas é espectacular! Iso é estar no lugar adecuado e no momento oportuno...

    Por certo...se os hados me sorrín, é posible que nun par de semanas esté por fragas de Eume...quizáis poda coñecer a Frouxeira...

    E respecto aos comentarios...e que moitas veces unha xa non sabe que dicir máis que alabar as fotos tan fermosas que fas... pero iso xa o sabes..

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  3. Xa teño o teu número doutra vez infructuosa que fun a Ferrolterra por cuestión familiares, e que me impediron bichear. Esta vez a intención é ir ao norte a bichear, e de seguro que as mmiñas compañeiras de pateo estarán encantadas de coñecer a lagoa da Frouxeira. So espero que todo saia ben e poda subir, que últimamente cada vez que planifico algo sáeme mal... Así que espero que ta pronto.
    Apertas e ánimos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. OK. Por aqui andarei, logo. E suprimin o comentario anterior porque igual se daban por aludidas persoas ás que non ía destinado o comentario. Pero é que estou un pouco farto de certas cousas.
      Unha aperta

      Eliminar
  4. Ola Xabi. Moi boas fotos, coma sempre. En canto ó das visitas, tampouco ten tanta importancia. O importante é que ti te sintas ben co traballo que fas no blog (que é moito e moi bo), e logo que haxa xente á que lle gusta. E diso non cabe ningunha dúbida. Logo, o tema dos visitantes, vai por rachas. A todos nos pasa que hai temporadas que temos máis tempo para "bichear" pola rede, e outras menos, polo que as visitas poden aumentar ou diminuir por moitos factores. Apertas.

    ResponderEliminar
  5. Neste caso, Quique sei moi ben cal foi o "factor" (non se trata dunha mera casualidade). E, como dixen, era algo que xa esperaba, así que non me causa trastorno ningún.
    Unha aperta

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos