Seguidores e seguidoras

sábado, 9 de marzo de 2013

Esperando a migración

  A cousa migratoria segue bastante parada aínda na Frouxeira. Esta mañá Pablo Gutiérrez e máis eu tentábamos detectar as primeiras Cercetas albelas (Anas querquedula) da Primavera, máis non houbo sorte. Todas as que vimos eran comúns (Anas crecca).
  Un grupo delas atopábase perto da pista. O malo foi que para que non me taparan as altas canas de Phragmites tiven que me subir enriba dun marco de costas e logo levantar os brazos todo o que podía, mirando pola pantalla LCD (a pantalla abatible é outra vantaxe das bridge modernas).  Faltaba un cigano tocando o acordeón e xa parecería o "número da cabra"...


 Tendo en conta as circunstancias, pensei que me habían sair moito máis movidas as imaxes. Non me queixo.

Cercetas comúns (Anas crecca)

  O Rabilongo estaba hoxe un pouco máis perto:

Pato rabilongo (Anas acuta)

 Pola súa banda, os Alavancos (Anas platyrhynchos) están xa en plena temporada de cría. Na Frouxeira os primeiros polos vense normalmente a mediados de Abril, aínda que poden adiantarse moito máis. En Cospeito, sen ir máis lonxe, teño o récord dunha rolada vista case a mediados de Marzo. Pero aquí, polo de agora, nunca observei tal cousa.


 Nestas alturas, é normal ver Lavancos en lugares un pouco raros, coma camiños, toxeiras ou mesmo fincas particulares. Unha femia pousaba vixiante (perto do niño, quizá?)

Alavanco (Anas platyrhynchos) femia

 Púxose a chover e, baixo o paraugas, adiqueime a afotar unha Gaivota chorona (Larus ridibundus) e facer experimentos coa cámara.


Gaivota chorona (Larus ridibundus)

 Bueno, ISO, que a cousa segue tranquila. Tal como está a lagoa, nuns días han aparecer probablemente as Cercetas albelas, algún que outro Bilurico/Combatente/Mazarico rabinegro, as Andoriñas das varreiras, etc. Porque a Primavera é a mellor época para a observación na Frouxeira (é unha opinión persoal)

 Vémonos!


No hay comentarios:

Publicar un comentario