Seguidores e seguidoras

domingo, 21 de abril de 2013

Cospeito. Unha xornada magnífica!

A Primavera chegou para quedarse. Xa levamos varios días seguidos de sol, aínda que con vento moi molesto na costa. Pero este meteoro evita sen embargo a formación de bancos de néboa matinais, algo moi de agradecer nas húmidas chairas interiores, como puiden comprobar onte mesmo na Terra Chá.
 Os migrantes están ocupando xa os seus territorios de cría, e outras especies en paso tamén son doadas de ver nestas alturas. Primeiro parei na Veiga de Pumar e posteriormente me acheguei a Cospeito. De aves o máis salientábel foi:

- Moitas Cegoñas brancas (Ciconia ciconia), destacando unha concentración dunhas 50 aves perto da colonia de Bazar.

Cegoñas (Ciconia ciconia) na Veiga de Pumar

- 2 Falcóns pequenos (Falco subbuteo) na lagoa de Cospeito. Primeira observación propia do ano
- 1 Mazarico (Numenius sp) voando a primeira hora en dirección norte. Non puiden determinar se era ou non real (N. arquata), especie que posúe aquí ún dos escasísimos pontos de cría na Península.
- 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos) nuns prados enchoupados.
- Paspallás (Coturnix coturnix). Escoitados 2 machos cantores.
- Cuco (Cuculus canorus). Escoitados 3 machos cantores. En Ferrol xa nin non acordamos de como soa o canto do Cuco....
- 2 Bubelas (Upupa epops)
- Picas arbóreas (Anthus trivialis). 3 machos cantores na Veiga e outro máis, polo menos, na Espiñeira

Pica arbórea (Anthus trivialis)

- Bastantes Lavandeiras boieiras (Motacilla flava) pola zona toda

 Lavandeira boieira, subespecie ibérica (Motacilla flava iberiae)

Lavandeira boieira, "subespecie galega"

- Un grupiño de 4 Pedreiros cincentos (Oenanthe oenanthe) na Veiga


- Dous machos de Papuxa común (Sylvia communis), ún deles cantor. Outra que tamén foi a pique na costa ferrolá, onde está prácticamente extinguida coma reprodutora
- Varios Trigueiróns (Miliaria calandra) cantando pola Veiga

Ademáis tamén observei moitas outras cousas:

- Un Corzo (Capreolus capreolus) macho medio perdido nas pradarías da Veiga
- Un mustélido do xénero Mustela na veiga de Pumar. Estaba lonxe e a contraluz, pero deume a sensación de que podía ser un Armiño (Mustela erminea), máis que Delonciña (Mustela nivalis). Hai moitos anos que non vexo ningunha das especies en Ferrolterra, onde deberon experimentar un forte declive.
- Porco teixo (Meles meles). Atopei pegadas nun camiño enchoupado de Bazar, nun hábitat un pouco raro para a especie (penso, desde a miña ignorancia na materia)

 Restos da antiga lagoa de Cospeito

Restos da lagoa, parte suroriental (cuberta de salgueiral)

- Rás verdes (Rana perezi). Moitos exemplares adultos activos, con numerosos coros formados a mediodía. Por certo, mirade ben a foto do exemplar. ¿Non vos parece cuspidiño a "Gustavo", o famoso reportero dos Teleñecos?

 Rá verde (Pelophylax perezi)

- Rás estrozas (Hyla arborea). Varios adultos e xuvenís en áreas de herbazal mesto perto da lagoa de Cospeito


- Unha Cobra viperina (Natrix maura) na beira dunha canle. Xusto cando intentaba afotala fuxíu e, casualmente ou non, apareceu en escea unha Cobra de colar (Natrix natrix) a dous metros de onde estaba.

 Cobra viperina (Natrix maura)

Cobra de colar (Natrix natrix)

 A viperina é un ofidio moi especializado. Aliméntase sobre todo de pequenos peixes (como os que veremos a continuación), polo que sempre vive asociada ao medio acuático, de onde raramente se alonxa. Pola contra, a cobra de colar é moito máis polivalente, dado que o seu alimento básico, os anfibios, atópanse repartidos tamén noutros hábitats, coma bordes forestais, prados ou brañas.

- Unha Víbora de Seoane (Vipera Seoanei) subadulta na beira dun camiño en Cospeito. Aproveitando as prestacións da SX, intentei tomarlle unhas fotos cercanas da cabeza, pero foi imposíbel, debido ao enmarañado da vexetación. E como tampouco son amigo de manipular a fauna para sacar unha foto (e menos neste caso!) quedei sen imaxe. 


 ¿Qué, non vedes nada raro no deseño, estimados colegas herpetólogos? ¿Víbora de Orsini, quizá? (é broma...qué malo son....)

Víbora de Seoane (Vipera Seoanei)

- Moitos Espiñentos (Gasterosteus aculeatus) nas augas menos profundas

 Espiñento (Gasterosteus aculeatus)

  Sabía que os machos deste interesante peixe realizaban danzas de cortexo e que construían un niño para coidar das postas, pero ignoraba que o defendesen con tanto ímpetu. Contemplei varias escaramuzas de algún macho territorial que botou de malas maneiras a algún despistado que osou achegarse demasiado ao niño.


   A cada pouco, este exemplar da foto voltaba ao niño, mirando que todo estivese ben. Creo que mesmo empregan cunchas de caracol como ornamentación, para presumir de casa diante das femias. Neste niño, as femias depositan os ovos para que os machos os fertilicen


  Polo que vin, parece que moitas postas xa eclosionaron e os alevíns recéns saídos concentrábanse nas inmediacións dos niños. Non sei se eran imaxinacións miñas, pero semellaba que os adultos mantiñan a vixiancia sobre as crías. Un comportamento incríbelmente evolucionado e social. 


  Entre os minúsculos alevíns deste ano, nadaban xóvenes de xeneracións anteriores (os adultos non pasan dos dez centímetros!):

Diferentes alevíns de Espiñento

  Levaba colgadas no pescozo as dúas cámaras e os binóculos. Chegou un momento en que me cansei e tirei a reflex no coche. Síntoo (sei que vou dicir un sacrilexio para algúns) pero....para o que eu fago a reflex co 300 é, simplemente, un estorbo. Definitivamente, abandono o seu uso. Non hai color contra a enorme polivalencia e lixeireza da SX50, aínda que deba practicar moito máis co modo macro. Nun camiño soleado adiquei un rato aos insectos, pero é que non daba abasto de todo o que quería ver. Únicamente lembro:
- Algunhas volvoretas. Identifiquei Brancas do repolo (Artogeia rapae) e Auroras (Anthocharis cardamines)
- Moitos cabaliños do demo de diversas familias


Cabaliños do demo (Pyrrhosoma nynphula)

Ben, espero que con esta entrada o pasedes tan ben como o pasei eu por aló. Grazas por me ler.

11 comentarios:

  1. Boas,
    As dúas libeliñas son Pyrrhosoma nymphula.
    O do teixugo é bastante normal. É bastante abundante nesas pequenas carballeiras dispersas que hai entre os prados. O millo que se bota para forraxe débelle estar axudando nesta zona.
    O da doniña é brutal. Comenta Pedro que cando comezou a viaxar por Galicia vía tantos ourizos atropelados como donicelas. Agora non se ve esa cantidade de donicelas atropeladas.
    Apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, coma sempre, Martiño(xa actualicei o das libeliñas).
    Sobre o Porco teixo, eu dicíao porque entendo (corríxeme se me equivoco) que prefire solos máis ben secos ou areentos, un pouco coma o Coello e outros mamíferos escavadores de tobos. A maioría dos rastros que atopei foron en hábitats de terra solta ou pedreguentos, desde logo. E aquel sitio de Bazar (case digo Bazan...) era extremadamente húmido. Iso foi un pouco o que me descolocou.
    Da Delonciña precisamente ía poñer outro texto máis categórico ao respecto da súa desaparición, pero como tampouco adico demasiado tempo a iso, preferín ser máis prudente. Logo de escoitar a opinión de Pedro (Almodóvar ou Galán?)xa me reafirmo o que pensaba. Eu son bastante máis novo ca el, pero si que lembro telas visto esmagadas na estrada e vivitas e coleando (tanto Delonciñas coma Armiños) en terras ferroláns: Valdoviño, fraga do Belelle ou a mesma cidade de Ferrol. Atrévome a dicir que HAI DÉCADAS que non as vexo por aqui. Os últimos exemplares avistados fórono precisamente por terras de Lugo (unha delonciña en cospeito e un Armiño en Baleira).
    Menos mal que temos a situación inversa da Marta e da Lontra (por aquilo da "lei da compensación")
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  3. Pois si que foi unha saída ben fructífera...viches case de todo...e as fotos espectaculares coma sempre.
    Apertas

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas por comentar, Inés. Se non fose por ti e cinco máis, suprimía xa a opción de comentarios, "visto lo visto". Botar cinco horas preparando unha entrada para que te saúden dúas persoas (de trescentas visitas) pois desanima bastante a verdade.
      Parece que a foto de Shiva tivo máis impacto do que imaxinaba. En fin, noutra época queimaban aos ateos e agora semella que o tabú é o contrario. Cousas que pasan...
      Un abrazo.

      Eliminar
    2. Perdón, quería dicir imaxe, non foto.

      Eliminar
  4. Se queres ver delunciñas recomendaríache as praderías con gado que hai en Vilarquinte, por debaixo do Monte da Lagoa. Vense unhas cuantas tódolos anos. Claro que nos temos a avantexe para velas, de que cando andamos ós porcos, pasamos ó mellor varias horas no mesmo posto.
    Nas Regas de Pedroso, por baixo da Capela da O temén son doadas de ver.
    Por certo, o tema das martas é a ostia. Levos vistas varias nos últimos anos na comarca, cando non as recordaba de nunca. A última, por desgraza atropelada, cerca da Lobeira en Santamariña do Monte. Era un animal que acostumaba a ver nas saidas ó salmón en Asturias e no Eo, pero non por eiquí.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Tomo nota deses lugares da Delonciña, Eloi. As veigas fluviais soen ser bos lugares pola abondancia de micrótidos e ratas de auga.
      E o da Marta paréceme simplemente espectacular, case case ao nivel do Corzo. Non sei moito do tema, pero imaxino que o "boom" do Esquío na comarca na década dos oitenta e noventa debeu favorecer moito á Marta (é unha das súas presas, como sabes)
      Unha aperta

      Eliminar
  5. Queixaste de vicio, so tes que escribir unha entrada sobre normas quebrantadas e xa tes unha lexion de fans dispostos a comentarche o que queiras..

    Cesar Ayres

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Deches no clavo, César. Un bon exemplo. Bueno, cando poño unha foto guapa dun ave rara tamén han comentar (ou polo menos visitar Bichos "na intimidade", non vaia ser que se enteren en casa)

      Eliminar
  6. A algún deses que dis igual había que tatuarlle este cartaz no cú https://fbcdn-sphotos-d-a.akamaihd.net/hphotos-ak-prn1/66850_4836183142463_757514424_n.jpg
    E nin por esas¡¡¡

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Non era mala idea, non.. Resulta incríbel que mesmo nos espazos protexidos onde aniña a Píllara, coma a praia da lanzada (o cartaz debe ser dalí) ou na Frouxeira a xente pasee cos cans soltos a todas horas do día, todos os días do ano, sen que ocorra absolutamente nada.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos