Seguidores e seguidoras

domingo, 7 de abril de 2013

Observacións de onte

 NOTA: Esta semana un dos encargados que teño no choio padecía un grave accidente no barco. Pensei en poñerlle unha dedicatoria, pero inicialmente preferin non facelo, para conservar a intimidade do compañeiro. Pero veño de ler a Voz de Galicia (accidente) onde publicaron xa todos os datos, así que eu quérome sumar desde aquí a facerlle unha homenaxe. Sei que el non ha ver o blogue, desde a UCI do hospital, pero si o fan habitualmente varios compañeiros de traballo que o coñecen e sei que todos estamos igual de abatidos. A ver se entre todos lle mandamos as forzas necesarias para recuperarse.
ÁNIMO, PAQUIÑO!!!

ENTRADA

 Intentando non pensar niso, saín dar unha volta o sábado. Pouquiño a pouco a cousa vaise animando. Onte aparecían na Frouxeira algúns migrantes que se estaban facendo de rogar esta Primavera tan anómala. Abandonei a lagoa un pouco antes do habitual, así que non vin as pescadoras (son tremendamente regulares no seu horario). O máis destacado foi:

- 3 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- 2 Cercetas comúns (Anas crecca). As albelas seguen sen aparecer.
- 4 Patos culler (Anas clypeata)
- 2 Patos cristados (Aythya fuligula). 


 Cullereiros (Platalea leucorodia)

  Nesta ocasión a baixamar propiciaba que a lagoa estivera baleira, e no intermareal había algunha limícola. De todas formas os pilros e as píllaras cincentas máis que migrantes en paso, han ser exemplares invernantes. Probablemente a súa presenza na lagoa se debese a que "os de sempre" as botarían da praia:

- 2 Píllaras pequenas (Charadrius dubius)
- 9 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
- 10 Pilros tridáctilos (Calidris alba)

 Píllaras pequenas (Charadrius dubius)

Píllaras cincentas (esda.) e Pilros tridáctilos (drta.)

 Tamén chegaron as primeiras Lavandeiras boieiras (Motacilla flava). Dúas delas andaban na zona do Pozo do cura. Curiosamente para este fermosa lavandeira recoñécense tropecientos morfotipos que amosan diferencias cromáticas moi importantes. Pero son a mesma especie...

 Lavandeira boieira (Motacilla flava iberiae)

  Logo estiven percorrendo as parcelas de prado habituais en Lago e Taraza. Aínda non detectei as primeiras Folosas pintadas (Locustella naevia), o cal non quere dicir que non estean, ollo. O que si estaba nas súas pedras favoritas era un Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).

Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), macho

  Unha das vantaxes da fotografía é que permite observar pequenos detalles sen manipular a fauna. Se vos fixades na parte superior da cabeza, veredes que aínda lle quedan restos da pel vella (máis parda). No centro, á altura do ollo, asoma a nova pel, máis brillante


  Estaba eu todo concentrado, realizando movimentos de aproximación a este exemplar da foto, que non me dei conta que había un segundo réptil, moito máis cerca. Tan perto que casi o piso; pero non cheguei a velo. Polo tipo de ruido que fixo e o hábitat, probablemente sería outro lagarto das silvas.

 Ben, a ver se esta chuvia que semella non acabar nunca vai deixando paso ao sol no mes de Abril, que xa vai sendo hora caramba!

 Seguimos por aquí.


2 comentarios:

  1. O primeiro sorte para o teu compañeiro....e o segundo, encántame as fotos.

    Eu marcho esta semana que entra ao Delta do Ebro...a ver atopo por aló.

    Apertas!

    ResponderEliminar
  2. Grazas.

    E... qué envexa! Estiven tres veces no Delta do Ebre (alí chámase Ebre (que se pronuncia, aproximadamente, "Ebra"). Penso que quizá foi o lugar onde máis desfrutei da observación naturalista. A facilidade da observación e a variedade infinita de aves presentes fan que, literalmente, non saiba ún para ónde mirar. E iso que sempre fun en "temporada baixa" (verán avanzado). Penso que nestas datas estupendas da primavera aquilo vai deixarte sen palabras.

    Desfruta!!

    ResponderEliminar