Seguidores e seguidoras

viernes, 3 de mayo de 2013

Mazaricos rubios (Limosa lapponica)

    Esta mañá achegueime de novo pola Frouxeira. Parei pouco, pero o tempo foi proveitoso. O máis importante foi o avistamento de dous grupos de Lontras (Lutra lutra): unha familia de unha femia con tres cachorros crecidiños e outros dous exemplares nadando xuntos (probablemente outra femia con cría, pois os machos son solitarios e territoriais). Total, seis exemplares, o número máis alto que vin nunca na lagoa.  Que conste que sigo pensando que ese número de "40 exemplares abatidos nunha temporada de caza" que cita Genaro Dalda no seu estudo da lagoa é algo bastante psicodélico e pouco creíble.

  Ademáis andaban por aló 2 Garzas imperiais (Ardea purpurea) adultas, un ardeido cada vez máis frecuente. Calquera día nos dan unha sorpresa.
  Pero as estrelas seguen a ser as limícolas. Os números mantéñense moi ben, aínda que a caída brusca na intensidade do nordés fixo que algunhas especies estean baixando progresivamente. Os números máis destacados de hoxe son:

- 100 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 1170 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 51 Pilros grosos (Calidris canutus)
- Moitos Mazaricos rubios (Limosa lapponica). Non os censei, pero así a ollo... poñamos un mínimo de 500+. E con fotos de Mazaricos e outros limícolos déixovos ata a próxima. Varios colegas preguntábanme estes días sobre a Canon SX50 e as compactas "bridge" en xeral. Sirvan estas fotos coma mostra do que son capaces nas máns dun novicio total coma son eu nisto da fotografía (a verdade é que este mazarico estaba moi perto, e así todo é máis doado)



 Mazarico rubio - As tres fotos (RAW): Canon SX50 F:6,5 1/400 seg  ISO 100


Bandos de limícolos no intermareal da Frouxeira

 Vémonos!

2 comentarios:

  1. O do nº de londras igual non é unha esaxeración. Eu téñolle escoitado ó defunto de Bautista, que unha tempada con outra podían coller 8-9, que segundo decía el representaban unha cuarta parte dos ingresos da súa familia.
    Ti date conta que o Lago nesa época posiblemente tiña fontes alimenticias inacabables para estes mustélidos, cousa que hoxendía é imposible pola caidsa das poboacións de anguía.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. 8-9 pezas xa me parece máis razonable, pero 40...Non se trata de que tivesen ou non alimento (que seguro que había para duascentas), senon de que se solapasen tantos territorios nunha área de 90 hectáreas. Que unha Lontra necesita de moito espazo para moverse. As áreas de campeo dos machos poden ser de ata 15 quilómetros de diámetro e 7 as dunha femia con crías ("Guía de los mamíferos de España" Purroy & Varela). Nunha lagoa seráa menor, imaxino, pero aínda así recorren a praia toda, chegan ata o río Magno e imaxino que remontaran o Vilar río arriba).
      Por iso sigue parecéndome unha esaxeración aquela cifra de 40.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos