Seguidores e seguidoras

martes, 7 de mayo de 2013

O programa SACRE e as aves comúns

    Non hai mellor homenaxe a Pepe que seguir publicando, así que hai que levantarse e continuar. Tal como vos comentaba a mañá do pasado domingo realizaba o transecto para o SACRE. Este programa, organizado pola SEO e que conta coa participación de moitos voluntarios e voluntarias en todo o estado, ten coma obxectivo coñecer a evolución das poboacións das aves comúns en España. Por terceiro ano consecutivo estou a participar nel.

 Azulenta (Prunella modularis)

  O traballo consiste básicamente en elaborar un transecto con vinte estacións de escoita (separadas 1 quilómetro) nas que haberá que permanecer cinco minutos escoitando e observando. Estas estacións estarán ubicadas dentro dunha cuadrícula de 10x10 quilómetros, escollida polo voluntairo (no meu caso é PG62, que abrangue terras de Narón, Ferrol e Valdoviño). O percorrido hai que facelo desde o mencer ata as 11,00 horas, anotando todas as especies de aves que se detectaron e o número aproximado das mesmas en cada parada.
    A verdade é que a metodoloxía non me gosta moito. Penso que para as características da costa galega resulta de dificultade moi alta. Eu son un condutor rápido, considérome un observador experimentado e acostumado a censar a toda leche. E aínda así ando ás veces bastante xustiño de tempo, a pouco que haxa complicacións. Pero é a metodoloxía que acordaron os expertos así que non queda máis que  asumila.

  Pero vale a pena o esforzo. Os pequenos grans de area de todos nós, unha vez recopilados, serán de gran utilidade para que logo os especialistas extraian conclusión de gran utilidade para afrontar os problemas do medio e a conservación da nosa avifauna. Doume conta que se tivera feito este traballo hai vinte ou trinta anos, cando empezaba, os resultados habían ser diametralmente opostos aos que estou sacando agora.

Papuxa de cabeza negra (Sylvia melanocephala)

  Porque aves que antes habían saír en moitas estacións, coma o Cuco, a Papuxa común, o Paspallás, o Pardal montés ou a Andoriña de cú branco, están agora extinguidas nesta cuadrícula. Pola contra, outras que antes non aparecerían (ou de maneira moi rara) son agora comúns e habituais: Estorniño negro, Cardeal, Tordo común ou a Papuxa cabecinegra.

 A verdade é que a zona que escollín, por proximidade e facilidade de cobertura, non é un lugar especialmente atractivo para a ornitoloxía. A maior parte da superficie da cuadrícula correspóndese con áreas de eucaliptal degradado, mato, e mosaicos agrícolas humanizados e alterados. Así que moitas das paradas acaban cun triste resultado final de varios Carrizos (Troglodytes troglodytes), Azulentas (Prunella modularis),  Chascos (Saxicola torquata) e pouco máis. É o que correspón cun hábitat como o litoral ferrolán. 

Ferreiriño rabilongo (Aegithacus caudatus)

  Non obstante, como o traballo no Atlas de hérpetos da SGHN, é unha tarefa moi importante e gratificante, por cuanto van servir para que se traballe na conservación e se profundice no estudo das especies, a partir das densidades  e outras variábeis. Igual de importantes son os programas Noctua (de seguemento de aves rapaces nocturnas, tamén cordinado pola SEO) ou o SARGA, de seguimento de hérpetos galegos e coordinado por Martiño Cabana, no que non podo participar por falta de tempo, pero ao que vos animo a todos a botar unha mao.

 Vémonos.

2 comentarios:

  1. Eu a verdade é que non teño o suficiente nivel como para participar no SACRE...pero si que tes razón que é unha labor moi interesante a dos voluntarios.

    En herpetos tamén está o programa SARE (seguimiento de anfibios y reptiles) da AHE (Asociación herpetológica española). E creo que tamén hai algo coas bolboretas...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Seguro. Desde logo hai xente traballando no Atlas de insectos. Se estas cousas me collesen hai vinte ou trinta anos había de participar en máis proxectos, pero agora estou feito un carroza aburguesado, je, je..
      Os biólogos e biólogas imaxino que vedes todo con outros ollos (máis estatísticos) pero para os afeizoados estes proxectos representan tamén unha maneira moi boa de coller experiencia no campo do estudo. Pódoche asegurar que o meu coñecimento en hérpetos aumentou exponencialmente logo da participación no Atlas da SGHN. E o mesmo coas acuáticas, a base de moitos anos de censo.
      Por iso non me canso de recomendar a participación nestes "programas de voluntariado", sempre segundo as posibilidades da persoa.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos