Seguidores e seguidoras

jueves, 4 de julio de 2013

1500, diario dunha manifa

  1500 valentes. Non se pode denominar doutro xeito aos compañeiros que hoxe saímos á rúa para reivindicar unha solución para o sector naval ferrolán.
   O desafío non era cousa de broma: un percorrido a pé arredor da ría de Ferrol, pasando polos concellos de Ferrol, Fene, Neda e Narón. Vinte ún quilómetros de nada baixo un sol terríbel de Xullo e nas horas centrais do día (un grave desacerto isto do horario por parte do comité de empresa e da propia asemblea que o aprovamos). Os Lagartos das Silvas e os Cobregóns estarían á sombra nesas horas tan calorosas, pero nós estábamos alí.
  Ás 11,30 h, dábase o pistoletazo de saída desde a factoría de Navantia-Ferrol.


  Semáforo en verde. Aproveitei a saída pola avenida de Esteiro para "censar" o persoal: 1500!!. Nin nas miñas mellores previsións imaxinaba unha participación tan alta. Hai que entender que a hora e o recorrido eran moi duros, que algunha xente está xá de vacacións, e que hai persoas con certa idade ou fastidiadas que sabes que non poden afrontar unha caminata coma esa. Pero demostrouse que a xente está concienciada do problema tan grave que temos na comarca.


  Cruzábamos a ría pola ponte das Pías. A esas horas aínda non apretaba moito a calor. Sobretodo no mar. Pero sorprendeume o rápido "ritmo de carreira". Unha cousa é facerse uns quilómetros por pistas de montaña a primeira hora da mañá e con botas adecuadas, e outra (moi diferente) facerse esta marcha de máis de 20 quilómetros en pleno mediodía por asfalto e con sandalias. Chegoume ben, volo aseguro...


  Un helicóptero de Tráfico apareceu, para controlar a situación. A verdade é que cando a Bazán (Navantia-Ferrol como se chama agora) se move, a comarca pode quedar paralizada.


  Á dereita, o asteleiro de Astano. Un auténtico morto viviente. Hoxe, para saír na foto de "Bichos", tiñan un barco en reparacións (porque o de construílos hai anos que non o permite a Unión Europea)

 Asteleiro de Navantia-Fene (Astano, pa los amigos)

 En Fene, primeira parada, moi breve, para reagruparse...


  ...e a continuar. O noso compañeiro Rafa Mourente (de branco e gorra azul) e outros sindicalistas levaban a faixa reivindicativa:


  Ese aire marcial, ese saber estar, esa compostura castrense....Alberto Barro desfilaba, máis que camiñaba. Co pedazo de monumento que ía diante del (e que lamentablemente non sae na foto) eu tamén iría así de concentrado, a verdade. Pero eu debía exercer a miña tarefa con seriedade  e rigor informativo.

 Alberto Barro (con camisa butano)

   Unha escea sado-maso total. Imaxinade a cousa. Logo de trece ou catorce quilómetros de andaina, ás dúas da tarde e cun calor de aúpa, pasamos a carón das frescas augas do río Belelle. Sobran palabras.


    En Narón fixemos a parada para comer o bocata. Alí pousaron para mín varios compañeiros de Monturas, coa súa habitual elegancia:

 Juanchi (O Maqui), con camisa negra e sombreiro de palla, Iago Torrente, con camisa branca e sombreiro, Noel (alias Balú) con camisa verde e sombreiro, e Manolete Devesa, que rompía a norma de Monturas, ao levar gorra zul (e camisa branca). Vaia tropa, amigos!!

  Despois do xantar, continuábamos a manifa ás tres da tarde. Unha hora na que xa tíñamos o sol de cara, mentras avanzábamos en dirección a Ferrol. Ademáis, a miña actividade "periodística" (contando e fotografiando) obrigábame a ir máis rápido que os demáis, para non perder a cabeza do pelotón. Era parar para tirar unha foto ou para contar e me quedaba na cola da "mani" en segundos do rápido que se ía.



  Cara as 16,40 horas retornábamos ao asteleiro. Dos 1500 que saíramos inicialmente da factoría, logo das incorporacións de algúns compañeiros de Astano (en Fene) e das baixas producidas a medio camiño, chegábamos uns 1200, que non está nada mal.

 En resumo, considero esta mobilización un auténtico éxito. A pesar da mala hora, de ser en pleno mes de Xullo e nun día estupendo de praia, os traballadores do naval demostraron que cando fai falta ESTAMOS AQUÍ!!!

 Adiante, compañeiros!!

4 comentarios:

  1. Entrada necesaria, ben ilustrada e redactada. Houbo tamén a vertente bicheira? Algún cirrio, rapina ou hirundínido sobrevoando a marcha?

    Unha aperta moi jrande,
    Damián Romai

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Xa sabes que eu son naturalista as vintecatro horas do día, os 365 días do ano, Damián. Ademáis da observación dun grupiño de Andoriñas de cú branco (D.urbicum) en Fene, que supón a primeira observación persoal na comarca desde hai uns 25 anos, tamén puiden detectar os reclamos característicos de Lavandeira real (Motacilla cinerea) baixo a ponte do río Belelle, onde seguro que estarán a criar. Tiña pensado documentar a "mani" con fotos de paisaxes da ría e de bicharái, pero o rápido ritmo imposto polos favoritos da carreira, impedíumo.
      Un abrazo
      PD: A ver se conseguimos carga de carallo, digo traballo.

      Eliminar
  2. Ánimo na loita Xabi, esperemos que a cousa prospere...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Esperemos, esperemos. Pior andan pola túa zona os compañeiros dos asteleiros privados, coma Vulcano ou Barreras...
      Corea é moita Corea (e Europa é pouca Europa, polo visto...)

      Eliminar