Seguidores e seguidoras

lunes, 15 de julio de 2013

Unha xornada fantástica

  Onte pola mañá voltaba á lagoa. Nesta ocasión escollía a ruta do Oeste, que baixa pola Baía da Lontra, e que xa vos ensinei anteriormente. Alí un grupo de 4 Cullereiros alimentábase no fondo da enseada.



Cullereiros (Platalea lerucorodia)

  Desde o meu improvisado "hide" (semideitado entre os xuncos da ribeira), botei un bon rato inmóbil, observando o devenir da vida salvaxe neste tranquilo recuncho da lagoa. Esas sensacións non podo transmitilas con palabras. Tráenme moitas lembranzas, dos primeiros anos de bicheo por aquí. Aínda que agora a rede de vellos camiños que percorrían a contorna da lagoa (dos pescadores e cazadores) desapareceron ou están moi pechos. Ademáis a maioría de ornitólogos que visitan a lagoa limítanse a percorrer a cómoda pista do Leste que, por outra banda, permite unha panorámica moi boa da lagoa.


  Arestora, os grupos de patos xóvenes mestúranse cos adultos en muda, que amosan a "plumaxe de eclipse", dificultando sobremaneira a identificacións da especie (en inverno é moi doado distinguir os Frisados dos Alavancos), aínda que estes da foto parecen unha rolada crecidiña de Frisado:


  Porque agora mesmo xa temos polos de todas as idades, como este pequerrecho, que nadaba solitario, buscando unha emocionante "aventura":

Polo de Pato frisado (Anas strepera)

 Na "Pesqueira", sorprendín dous Rascóns. Unha pena de luz, pero xa os pillarei mellor, xa..(aínda que normalmente son eles os que me pillan antes)


Rascóns da auga (Rallus aquaticus)

  Andaba eu todo concentrado cando me avisou Pablo Gutiérrez, que estaba na outra parte da lagoa, para avisarme de que tiña dúas Garzas vermellas a escasos metros da miña posición e estaba a ponto case de chocar con elas. Así que me preparei para afotalas e con moito coidado me aproximei ata onde Pablo me indicaba.
   Primeiro intenteino por dentro da Pesqueira, e me levei un susto dos gordos. Pisei xusto no lugar onde está o Rascón da foto anterior e clavei a perna ata o xeonllo. E claro, levaba as botas de goma altas. Non imaxinades a forza que tiven que facer para poder sacar a perna sen desamarrar a bota do cinto. Porque no fango non hai como andar descalzo. Menos mal que non dei un segundo paso (por décimas de segundo), porque daquela sería materialmente imposíbel saír dalí, a menos que quitase as botas e me arrastrase co corpo. A verdade é que o pasei realmente mal no momento, pero logo de pelearme un rato moi angustioso coa bota e coa lama, conseguín sair dalí.
  Logo do susto, evidentemente decidín ir por fóra para chegar ao sitio das Garzas. E tiven sorte.


  Coa primeira non demasiada, pero á outra collina ben, aínda que non tiven moito tempo para recrearme coa cámara.


Garza vermella (Ardea purpurea), xuvenil

  O malo foi que un grupo de anátidas, que non percibira, desataron a alarma e a desbandada xeneral. Supoño que a miña conduta será motivo de crucifixión para algúns puristas.

  O mellor veu por parte dun Raposo (Vulpes vulpes) que xa fixen famoso en "Bichos". Penso que é un macho. Ademáis, polo que teño observado en Taraza, nestas alturas do ano as femias andan cos cachorros fóra do tobo (tampouco sei moito da súa bioloxía). Debe ser o mesmo exemplar que levo días observando de cacería na lagoa.


  O animal apareceu mentras eu estaba agochado e, para a miña sorpresa, decidíu botar a siesta diante miña. Buscou un lugar confortable e, imaxino que recordando a cea nocturna, deitouse a durmir.




  Aínda que o boreo dos patos parecía molestarlle. A cada pouco levantaba a cabeza como se quixera dicir: "- Ei, que hai xente durmindo!"


    Logo, volvía ao "choio". Case mellor deixamos un ollo aberto, por se acaso.


     Fixádevos onde estaba o Raposo:


   Houbo un momento en que tiven que estirar unha perna, lentamente, porque se me quedaba durmida, e sei que o Raposo me veu. Pero mantívose alí, moi tranquilo, para depararme unha observación irrepetíbel.


   O malo é que eu chegara antes e, claro, tiña que levantarme nalgún momento. Aínda encima os Cullereiros estaban agora máis perto de min e non quería levantalos. Pero non me quedou outra opción que sair do escondite. Pero desfrutei coma facía anos, alí metido entres os xuncos da Pesqueira.


   Quédome coa preciosa estampa do Raposo dormilón.

 Ata a próxima.

6 comentarios:

  1. Muy guapa la foto de la garza en medio de la vegetación, es la que más me gusta!!!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Desde logo é unha imaxe máis natural cas outras (unha garza vermella en augas abertas, como que non pega moito). Unha pena que unha cana lle tape a cara e parte do ollo. Se non fose polos putos patos, que tocaron "alarma general"...
      Unha aperta, Fernando

      Eliminar
  2. El zorro, que animal mas bonito. Gracias por compartir tu excelente trabajo fotografico

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. E moitas grazas a ti, José Luis. Os seguidores de "Bichos" sodes a causa que me anima a continuar este proxecto nos días duros (e créme que son moitos)
      Unha aperta.

      Eliminar
  3. O raposo case se merece unha entrada para el soíño, jejeje... ¡¡Todo un espectáculo!!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Esa era precisamente a miña idea inicial, Inés. Porque ademáis teño máis fotos chulas del. Pero por falta de tempo tiven que publicar todo xunto.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos