Seguidores e seguidoras

domingo, 18 de agosto de 2013

Bilurico claro (Tringa nebularia)

    Esta mañá xuntábamonos Antonio Gutiérrez, Juan Carlos Milán e máis eu na ribeira oriental da lagoa de Valdoviño (A Coruña) para ver as novidades de limicolada; que son poucas. Apenas 12 Píllaras reais (Charadrius hiaticula), 4 Pilros (Calidris alpina) e 2 Biluricos comúns (Tringa totanus).
  A miña apreciación inicial de onte pola tarde parece confirmarse. A canle está pecha con baixamar. Non sei como afectarán as mareas vivas da próxima semana, pero se non a abren de novo, dará comezo o tradicional proceso de enchido do vaso lacustre, ata acadar o seu nivel máximo, algo que viría este ano con case dous meses de retraso con respecto ao que é habitual. Desde onte xa se apreciaba un lixeiro aumento no nivel hídrico da lagoa, tendo desaparecido algúns metros de ribeira lamacenta.

  Hoxe un Bilurico claro (Tringa nebularia) achegouse ata a canle próxima á pista e me permitíu tomar unhas imaxes que me faltaban para a miña colección..... ata que pasou o de sempre. Un cancodrilo que se meteu na auga (nun espazo protexido...) e asustou a limícola. Logo os donos puxéronlle a correa (nun espazo público galego....) mentras miraban para outro lado.


   Esta ave é unha das limícolas máis representativas dos humidais galegos durante o inverno. De feito, Galiza acolle máis do 30 % dos efectivos invernantes en España (fonte: Martí, R. & Del Moral, J.C. 2003 La invernada de las aves acuáticas en España), e conta con varias localidades onde a especie supera o centenar de exemplares invernantes, como a Ría de Arousa ou a de Ortigueira. Na Frouxeira aparece nos pasos.

Bilurico claro (Tringa nebularia)
Foto: Compacta bridge Canon SX50

    Mentres o Bilurico estaba tranquilo puiden pillalo bastante ben, pero en canto "puxo o turbo", a velocidade de disparo escollida (1/320 sec) quedouse francamente escasa. A maioría das fotos saíron movidas.


   Adoita ter un comportamento predatorio moi característico, que facilita a identificación mesmo a gran distancia. Métese na auga e vai correndo a toda velocidade coa peteiro metido e aberto, buscando pequenas presas como alevíns de peixe ou camaróns. A canle na que pescaba éste da foto está cheia de pequenos góbidos (Gobidae sp), que supoño que serán a presa maioritaria.


  A verdade é que tiña moitas ganas de fotografar esta limícola, das máis elegantes que temos.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario