Seguidores e seguidoras

martes, 11 de marzo de 2014

Villafáfila, 2ª parte. A chaira.

 Coma sempre, a parte máis agradábel da excursión foron os paseos pola estepa e polas dehesas (non sei como facer con esta palabra, en galego non existe e en portugués, o noso idioma irmán, dise "montado", pero non estou seguro).
  A Primavera há comezar en breve. Mentras, a avifauna invernante vai abandonando pouco a pouco as nosas latitudes. Os Millafres reais aínda poden observarse en abondancia na Tierra de Campos.

 Millafre real (Milvus milvus)

 Busquei o primeiro Lagarteiro das torres (Falco naumanni) en Otero de Sariegos, onde hai unha das colonias máis importantes de Castilla-León e, lóxicamente, de todo o norte peninsular; mas só dei con lagarteiros comúns.

Lagarteiro común (Falco tinnunculus), femia

 Os Mouchos son úns dos habitantes máis simpáticos deste pobo semiabandonado polos humanos que é Otero. Adoitan vixiar aos ornitólogos con curiosidade. Para un ferrolán (onde esta rapaz nocturna é rarísima) segue sendo unha das atracccións de Villafáfila.

 Moucho (Athene noctua)

 Hai un ano descobrín o interesante que se volven as chairas do Sur de Barillos ao atardecer. Teñen algo especial, máxico, realmente. E era un dos obxectivos obrigados desta visita.

 Avetardas (Otis tarda) ao atardecer nas chairas de Barillos

  Ademáis de ser unha zona moi tranquila, apartada das rotas turísticas principais, concentra unha impresionante variedade de aves esteparias. Alí é obrigatorio deixar o coche e dar un paseo tranquilo, baixo o frío cortante da meseta e coa música que aportan os cantos dos aláudidos e os reclamos das Avefrías, mirando cara eses horizontes infinitos onde non hai liñas de alta tensión, nin edificios que afeen a paisaxe, nin somieres que delimiten fincas. Vamos, en plena natureza esteparia. Un pracer para os sentidos e para a alma da persoa sensíbel.


  Na pequena lagoa de La Bamba, concentrábanse unhas 300 Píllaras douradas.

Píllaras douradas (Pluvialis apricaria) e outras limícolas en La Bamba

  Na tarde do venres ocorreu un pequeno imprevisto. Acabáronse as dúas baterías da bridge (unha delas é de competencia e se nota). Afortunadamente levaba tamén a reflex, seguindo o consello que me dera un amigo a semana pasada (grazas Álvaro!!). Non é o mesmo, pero puiden tirar algunhas fotos importantes alomenos. Como esta Curuxa das xunqueiras (qué pena non ter operativa a SX...):

Curuxa das xunqueiras (Asio flammeus)

  Unha parella de Curuxas apareceu e estiveron voando xuntas un bo pedazo e emitindo reclamos. Quizá sexa un territorio de cría. Se queredes ver unhas fotos mellores desta especie pinchade no blogue de Miguel Rodríguez, un xoven naturalista de Salamanca (El Ornitoblog).

 Dous Cortizois de barriga negra (Pterocles orientalis) pasaron relativamente perto da miña posición, pero non puiden fotografalas. Afeito á bridge, o autofocus pontual da reflex xogoume unha mala pasada coas presas e fóiseme ao infinito. Co difícil que é velas así de cerca e con boa luz... mecangoenla....

 En xeral, abondaban os aláudidos nesta zona esteparia. Lavercas (Alauda arvensis) e Calandras reais (Melanocorypha calandra). Moi cantores algúns exemplares.

Calandra real (Melanocorypha calandra)

 Tamén había moitas Picas (Anthus pratensis e spinoletta) pola reserva toda, en xeral. Penso que se nota o paso. E Lavandeiras brancas. Entre elas observei varias das subespecie británica, tanto en La Bamba coma en La Rasa.

Lavandeira moura (Motacilla alba yarrellii)

Igualmente era notábel a presenza migratoria de outros paseriformes na reserva, coma Tordos comúns (Turdus philomelos) ou Picafollas (Phylloscopus collybita/ibericus), nas áreas con arboredo ou mato. Tamén me chamou a atención a presenza dunha Papuxa do mato no camiño que vai ao observatorio de Otero o sábado 8.

Papuxa do mato (Sylvia undata) en Otero de Sariegos

 E tamén o sábado, o primeiro Pedreiro da temporada, nunhas ruínas.

Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe)

 Os Pardais chiadores son outro paseriforme habitual en Villafáfila.

Pardal chiador (Petronia petronia)

   Ao anoitecer, comezaban a cantar os coros de Sapo corredor (Bufo calamita) en todas as charcas e lagoas da zona. Pareceume oír tamén a voz do Sapo de asparóns (Pelobates cultripes), pero non estou familiarizado con ese anfibio mediterráneo. Tiña un trueiro novo sen estrear no maleteiro, pero preferín "non intervir". Os meus permisos de manipulación de hérpetos están limitados a Galiza, aínda que quizá solicite autorización para Villafáfila. A ver cómo fago..

 Charca artificial na zona da Bamba

   Na mañá do Sábado achegueime ata o montado de Castronuevo. Estaba precioso, todo verde.

 Aciñeiral aberto en Castronuevo-Cañizo

 A abondancia de choivas invernais outorgaban  á zona un aspecto como de campo de golf, coberto de pequenas charcas.


  A esta charca téñolle unhas ganas....Ten unha pinta.....


 En Castronuevo non faltaron os Pombos pequenos (Columba oenas), con bandos de 6-12-2-15, etc. Nin os Picanzos reais (Lanius meridionalis), con tres exemplares avistados no transecto. Tamén Cotovías pequenas (Lullula arborea), Perdizes (Alectoris rufa) e dúas Lebres (Lepus granatensis). E moitos paseriformes en paso. E a sorpresa da xornada: un Tordo real (Turdus pilaris). Vai unha imaxe testemuñal.

Tordo real (Turdus pìlaris)

 Só botei de menos unha cousa nesta excursión: dispór de máis tempo!. Polas circunstancias que xa coñecedes prefiro voltar ao día seguinte, e para patear todo o que a min me gosta sería necesaria unha visita de tres días. Polo resto, todo foi perfecto. Necesitábao.

17 comentarios:

  1. Hola Xabier:

    Una pena que no pudieses disponer de más tiempo para recorrer esos lugares. Y es que, como bien dices, aparte de la satisfacción que produce el contemplar tanta riqueza ornitológica, el caminar por esas inmensas y solitarias planicies sosiega y templa el alma.
    Esas charcas y esos encinares aclarados en los albores de la primavera evocan otros paisajes situados más al sur................ ¡Aaaayyyyyyyyyyy Extremadura!.............

    Un saludo.

    Daniel Pérez Rodríguez (Ourense)

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Evocan, desde logo Daniel.... Lamentablemente unha saída a Extremadura resúltame imposíbel nestes momentos. Quédanme, iso si, as lembranzas da única vez que estiven en Cáceres (perto de Monfragüe), aló polo ano 94 ou 95. Xa choveu un pouco desde entón.
      Grazas por comentar.

      Eliminar
  2. Hai que ver cómo che cunden as visitas a Villafáfila. Nótase que é un lugar que che encanta, e que non se che pasa nada desapercibido. O nome de "Bichos" venlle a estas dúas entradas que nin pintado, porque fas un repaso do máis exahustivo do que viches. Vaia nivel macho. Gracias pola lección. Un non deixa de aprender léndote.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. E ún non deixa de aprender escribindo. Non esaxero.
      Un abrazo.

      Eliminar
  3. Hola Xabi:
    Muchas gracias por el enlace.

    Veo que no te aburriste por Tierra de Campos.
    Buenas observaciones y buenas fotos.
    Para la próxima vez que vengas avisa y quedamos allí para pajarear y charlar:-)

    UN Saludo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. De nada, Miguel. Xa sabes que son seguidor habitual de El Ornitoblog.
      Y te tomo la palabra. La próxima vez que vaya por ahí abajo te aviso con antelación a ver si te viene bien.
      Unha aperta, rapaz.

      Eliminar
  4. Devesa (ou debesa) Xabi. Esa é a denominación en galego da dehesa castelá.
    http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=debesa&tipo_busca=lema

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Xa mirei ese enlace, Eloi. E discrepo totalmente. Por dous motivos moi sinxelos:
      1- A formación vexetal coñecida como "dehesa" (aciñeiral aberto e con pastos ou campos de cereal) prácticamente non existe no noso país. Os aciñeirais do Sil non teñen nada que ver, aínda que algunha pequena zona de Verín podería ser bastante semellante. Pero non me parece dabondo para que teñamos un termo propio para ese hábitat, de distribución limitadísma en todo caso.
      2- Na toponimia galega si existe a palabra "Devesa". Pero aplicada a lugares que se aplica, fragas de carballos e faias con forte pedente nas vertentes orientadas ao norte no Courel e outras serras do leste. Tamén coñezo parroquias chamadas "Devesa" na Mariña lucense, un lugar onde obviamente non existe nin existiu bosque mediterráneo aberto, que é o significado literal de "Dehesa".
      Non sei quenes son eses fulanos do dicionario, pero tenme pinta de ser unha tradución rápida e trapalleira completamente falta de rigor.

      Pola contra, e Portugal si hai grandes extensións de "dehesa", na súa parte meridonal, e que son coñecidos (creo) por "montados". Así pois parece o máis sensato incorporar ese termo ao noso idoma, e non castelanizar a palabra devesa, que pouco ou nada ten que ver co significado que se lle quere dar.

      Eliminar
  5. Devesa é unha fraga aclarada para pastos. De feito nós temos dous locus que o doron no seu día. O Boial e A Boeira.
    Atoparás un lote de ''devesas do rei'' ó longo da xeografía galega. E este topónimo explícanos moitas cousas. A partir do s XVI a necesidade de madeira para a construcción naval (frotas de Indias, Armada Invencible) fai que se talen estas devesas e que acaben por transformarse en cultivos ou eriais.
    A cousa é que as devesas do Sur peninsular se conservaron grazas á súa lonxanía ó mar, pola lonxanía ós medios para transportar a madeira (rios e viais) ou simplemente porque a grande nobreza que as detentaba foi quen de sustraelas á cobiza da Coroa española.
    Como podes ver hai razóns mais que suficientes para apuntalar que ambos termos son homónimos.
    Agora ben, se queres difrenciar a formación vexetal mediterránea da atlántica estas no teu dereito, pois son evidentemente por bioxeografía, clima e biocenose, totalmente diferentes.
    Pero insisto, queda coa idea de bosque de quercineas aclarado. E igual ainda meto a pata que algunhas devesas eran de faias.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois qué queres que che diga, macho... Segues sen convencerme. Acepto que "devesa" se corresponda cunha masa caducifolia estensa. Pero o feito de que as devesas máis importantes que coñezo, "toponímicamente" falando, sexan as Devesas de Fontefermosa ou da Rogueira, (vamos, fragas con forte pendente en vertentes sombrizas) pois fan que me custe asociar ese palabro coa "dehesa".
      Sen dúbida que é un tema interesante e que sempre me chamou a atención.
      Por certo, teremos que ir mirando cómo lle chaman en Australia ao bosque de Eucaliptos aclarado con pastos. O resto son pallas mentais que nos facemos os ferroláns, ja, ja..

      Eliminar
  6. Eu espúxenche os razoamentos históricos. E que conste que no centro de Galiza, na Ulloa hai devesas a ferrados e en posicións de altiplano e chaira. Pero a idea preconcebida de asociar devesa e formación mediterránea imaxino que che pesará moito. En calqueira caso que saibas que é unha formación cultural de toda a Península e non soamente do sur da mesma. Desgrazadamente no noso caso ou desapareceron pola tala, ou voltaron a ser formacións caducifolias pechas. En ambos casos de novo por influencia humana.
    Como podes ver son procesos reversibles.
    Otrosí, de cal formación coas 700 especies de eucaliptos que hai, falas?

    ResponderEliminar
  7. Bueno, en Castilla e Extremadura tamén hai formacións caducifolias (Q.pyrenaica) "adehesadas", pero penso que só recebe o nome cando son Q.ilex e Q.suber.
    Por outra banda, en Galiza dicimos cousas moi raras, Eloi. Lembra a parroquia "Lago", onde todo quisque denomina así á lagoa. Sen embargo estarás dacordo conimogo en que A Frouxeira (ou Lanzós, para algúns) non pode ser xamáis un lago se atendemos a criterios ecolóxicos obxectivos.
    PD:Eucalyptus globulus e natans, por exemplo.

    ResponderEliminar
  8. O nome da parroquia tamén ten a súa explicación histórica. A partir do século XII e XIV a difusión da literatura francesa con materia de Bretaña (para entendernos o ciclo do rei artúrico) é total.
    As casas nobres da Galiza meten nos seus mitos fundacionais esta materia. De feito o escudos dos Lago recolle estas cousas.
    Como non podía ser doutra maneira, posiblemente o apelido Lago (asociado ós Lanzós por certo) tivera cambios fonéticos e onomásticos para acercalo ó heroi Lanzarote di Lac.
    E isto pasouse ó nome da zona húmida como posesión mais prezada da familia.
    Insisto en razoamentos históricos porque como sabes somos un pais vello e incluso antigo. E isto diferéncianos doutros que necesitan de inventar a súa historia e as súas orixes.
    Se queres saber mais sobre o tema eiquí tes mais madeira http://catedra.pontedeume.es/14/catedra1410.pdf
    E en último caso pregúntalle a André Pena e dende o seu coñecemento paleográfico cho explicará con mais amplitude...

    ResponderEliminar
  9. Joder, tío, vaia wikipedia que estás feito, ja, ja.. Pero ti non eras só arqueólogo? Dá gusto ter seguidores así, en serio.
    Desde logo que comparto contigo que temos unha historia coma povo que outros tentaron (e tentan aínda) eliminar. E sempre é importante que os que o sabedes saibades conservar ese patrimonio cultural. Por suposto que si.
    Unha aperta, Eloi.

    ResponderEliminar
  10. Vaites, por aqui unha non só aprende sobre bechos senón tamén sobre toponimia e lingua, así da gusto.

    Por certo, encántanme as cores, a luz, o ceo...das túas fotos. Que ganas dan de dar un paseo por aló. Graciñas por compartir a túa experiencia.

    Apertas

    ResponderEliminar
  11. Diso nada, Inés; grazas a vós!
    Sobre o das fotos, é algo tan sinxelo como adicarlle tempo. Cada foto que publico pasou por un proceso previo de selección, edición e conversión (de RAW a JPEG). Párome o tempo necesario con cada imaxe. Iso fai que as miñas limitacións como fotógrafo non se noten tanto. De igual modo, unha boa redacción (e ortografía!) dos textos fan que pareza que sei máis do que realmente sei. Porque son didáctico e bon comunicador (ou iso creo).
    Cando me convenceron para facer o blogue tiña claro que había ocuparme moito tempo. É a maneira de ofrecer contidos de calidade. Aséguroche que se moitos e moitas de vós invértírades o mesmo tempo ca min en cada entrada, o nivel da blogosfera naturalista galega disparábase. Ti mesma posúes moito máis coñecimento, coma bióloga que és (mariña, non?). E hai xente que é moito mellor fotógrafo, pero non se paran dabondo. Repito, se queremos calidade hai que dedicarlle tempo, como aos bós guisos.
    Un biquiño.

    ResponderEliminar
  12. Hi, Xabi! You've got a lot of fans. I'm not surprised! Such variety.
    Somone is selling a brand new CANON SX510HS at a very reasonable price. The only problem it hasn't got a visor. Do you think I should get it?
    Eileen Walters

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos