Seguidores e seguidoras

sábado, 5 de abril de 2014

Ría de Ferrol, o grande cambio

   Chegou Abril e producíuse ese milagro anual que é a migración. Os centos ou milleiros de aves que poboaban a nosa ría marcharon xa para os seus territorios de cría situados en países máis septentrionais do continente europeu.
   Os centos de anátidas, garzas, corvos mariños e gaivotas xa non están e a ría semella agora un pouco triste, sobre todo coa mañá gris que tiñamos hoxe.
  Aproveitando unha visita persoal que tiña que facer a Mugardos, achegueime até O Seixo e Maniños, a ver se algunha das especies mergulladoras amosaba a plumaxe nupcial e podía retratalas para os meus queridos e queridas seguidoras. Pero esta Mobella mantiña aínda as discretas cores de inverno.

 Mobella grande (Gavia immer)

 En certos anos, as mobellas fican aquí até finais de Abril ou mesmo mediados de Maio. Daquela podémolas ver coa súa fermosa plumaxe nupcial. Mais penso que este ano non imos ter esa sorte. Apenas queda unha soa das 7 que chegou a haber nesta parte da ría.


  Polo menos dei un paseo tranquilo, por un camiño que percorre un tramo da ría pouco alterado e que xa vos ensinei nunha entrada anterior. Ao fondo, os guindastres do asteleiro onde traballo.


   Mañá toca saída á Frouxeira con Pepe Vidal. A ver qué novidades hai na lagoa (e por Taraza!)
  Ata mañá, logo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario