Seguidores e seguidoras

sábado, 30 de agosto de 2014

Primeiros Chascos norteños

   Outro "clásico" do verán en Valdoviño é a presenza durante o paso migratorio do Chasco norteño. Con esta idea volvía hoxe polo sistema dunar da Frouxeira.
  Na seguinte imaxe podedes apreciar unha das grandes limitacións das cámaras bridge: o escaso "rango dinámico" entre altas luces e sombras. Estou a ver se aprendo a traballar co HDR, pero aínda non sei cómo facer para "montar" as tomas do aforquillado (3 imaxes con distinta exposición) usando o software de Canon. A ver se espabilo, porque as paisaxes tomadas coa SX50 quedan fatal cando hai moito contraste. A ésta xa lle baixei as altas luces, que estaban queimadísimas, pero nin así....


   A primeira hora da mañá dous Azores xóvenes voaban raso desde as dunas móbiles cara as dunas grises, que din os entendidos (as dunas colonizadas pola vexetación e que non se modifican por acción do vento, vaia).

 Azor (Accipiter gentilis) xoven

  Nestas alturas é habitual observar dous ou tres azores xóvenes voando xuntos nas inmediacións da lagoa. Supoño que son irmaos nacidos na primavera e que andan buscándose os garavanzos unha vez fóra do niño materno (nunca mellor dito). Aínda que quizá poderían ser exemplares en dispersión desde montes próximos, onde tamén nidifica. Por este motivo creo que non debemos incluír esta cita no Atlas de aves reprodutoras coa categoría de "cría confirmada" na grella da Frouxeira (NJ62), aínda que eu sei, sen ningún xénero de dúbida, que son os da Frouxeira, pero debemos ser precavidos nestas cousas. Os Atlas de vertebrados anteriores están cheos de erros escandalosos que agora, trinta anos despois, semellan auténticos disparates que provocan a risa ou o bochorno.

   E, como digo, non hai verán sen Chascos norteños en Valdoviño, aínda que están en franca regresión; como case todo. Esta mañá un único exemplar pousaba solitario no sistema dunar.

Chasco norteño (Saxicola rubetra)

 Este paxaro é ún dos máis tímidos e difíceis de afotar no noso país. Dá igual que leves vestimenta de camuflaxe e que te movas coma un Perezoso, que o Chasco há levantar cando menos o penses (nada que ver co carácter confiado do noso abondoso Chasco común). Pero o potente zoom da SX obrou a milagre e conseguín unha foto apta para publicar. Ún dos obxectivos que teño para este paso outonal é lograr unha imaxe boa desta especie.

  Logo pasei polos prados de Taraza. Moitas das que antes eran plantacións de millo ou centeo son agora de Xirasol que, polo visto, adícase á produción de biodiésel. Unha veciña comentoume o outro día que un veciño comprou "unha máquina" para procesar o xirasol e que " a ver se lle rende".

 
    Por último, un Picanzo vermello (Lamius collurio) femia alimentaba un polo nas silveiras da zona. Ademáis vin outro adulto, quizá o macho correspondente. 
   En toda a Primavera nin eu nin Pepe Vidal conseguimos ter indicios da cría este ano por alí. Así que penso que máis ben se pode tratar dunha familia procedente dos sistema dunar ou doutro prado cercano, que veu de visita por aquí en dispersión.

Picanzo vermello (Lanius collurio). Femia (sup.) e xoven (inf.)

   A lagoa segue chea, e na praia dos Botes pois non había nada de nada. Dúas ratas asquerosas que os seus donos levaban soltas sen correa igual tiñan algo que ver nesta misteriosa ausencia de limícolas.
   En fin.... voume calar. Menos mal que en Ferrol "no hay playas para perros" (me cago en la madre que los parió!)

8 comentarios:

  1. bonitas fotos e bonitos avistamentos....

    respecto aos cans, van ter que implantar un carnet para os donos, que esta visto que hai moito irresponsable....

    Bicos,
    Ines

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo das fotos. Con luz todo é máis doado (as fotos que fago ás oito da mañá en inverno coa miña bridge teñen moito mérito, asegúrocho).
    Sobre a peste (PESTE = presenza de cans soltos en espazos naturais):
    Pois non é necesario implantar máis restricións das que hai, Inés. O outro día falaba con meu irmán, que tamén ten can, coma ti. E dicíalle que non se trata de lexislar máis, senón de facer cumprir o que xa existe. Non concibo que noutro país europeu non se cumpra a normativa xa non en espazos públicos (como recolle o regulamento) senón en lugares PROTEXIDOS!.
    Lin ben os artidos publicados no DOGA ao respecto, e se a administración fixera o que ten que facer, o 95 % dos problemas que temos non habían darse. Pero NON HAI VONTADE POLÍTICA!!! porque é impopular. Iso é o auténtico problema deste puto país chamado "Panderetalandia".
    E te resposto a ti porque te quero ben, Inés. Pero é un tema que xa me pon enfermo só de falar del.

    Un biquiño.

    ResponderEliminar
  3. Pois eu tamén penso coma Inés, bonitas fotos : )
    Macho, e vaia ritmo de publicación que levas. Non sei cómo das feito, pero imaxino as horas que botas. En fin, ánimo, que aquí estamos para lerte.
    Apertas

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Falta de pasta + limitacións para saír ao campo + obrigacións de estar na casa atendendo unha persoa dependente = saídas cercanas breves + tempo na casa diante do PC editando entradas.
      Ogallá puidese estar paseando pola nosa querida Castilla ou polo Delta. Pero vai ser que non.
      Unha aperta, Quique.

      Eliminar
  4. xa che digo, case non dou feito lendo todo o que publicasa...
    biquiños
    Ines

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois vai saír outra do forno en breves momentos, ja, ja. Xa sabes: se non che gosta o caldo... dúas tazas!

      Eliminar
  5. precisa entrada amigo!!me encantan las fotos, la de la familia de dorsirrojos preciosa
    un abrazo!!

    ResponderEliminar
  6. Gracias, rapaz. El Alcaudón es, como sabes, un bicho ciertamente fotogénico. Lástima no pillar al macho para el retrato familiar.
    Un saludo..

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos