Seguidores e seguidoras

domingo, 22 de marzo de 2015

O problema do Porco bravo (Sus scrofa) no espazo "protexido" da Frouxeira

   Mentras afotamos as Cercetas albelas e desfrutamos das raridades migratorias, a fauna autóctona da Frouxeira está agonizando.

    A semana pasada imprimía e encuadernaba o recentemente aprovado "Plan de Conservación". Xa coñecía o borrador e agora estou estudando o texto final. Cando remate xa vos darei unha opinión crítica, pero unha das cousas que desde logo chama a atención é a non inclusión do Porco bravo (Sus scrofa) no capítulo de ameazas.


   O sábado internábame pola beira noroccidental da lagoa coa idea de revisar a situación da Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) nesa zona, onde foi reprodutor hai anos.

     Os tradicionais camiños de pescadores e cazadores que coñecín hai trinta anos foron substituídos polos roteiros nocturnos do Porco bravo, que visita todos os hábitats disponíbeis. E aquí encontramos o primeiro problema:


  No Espazo "Protexido" están presentes un total de 29 hábitats cualificados como de interese comunitario pola directiva 92/43/CEE da Unión Europeia, 9 dos cuais son ademáis "prioritarios", entre eles:

- Lagoas costeiras (Código 1150)
- Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (2130)
- Dunas fixas descalcificadas atlánticas (2150)
- Turbeiras calcáreas de Cladium mariscus (7210)

  Como digo, o Porco bravo ocupa todos estes hábitats, onde as suas fozaduras na procura de alimento causan estragos diarios sobre a flora que forma parte destes hábitats. As fotografías non dan idea da extensión e número destas fozaduras, que abondan tanto nas depresións intradunares como nas masas de xunqueira/canaveira máis interiores da lagoa.


   Paréceme moi ben que se regule o tránsito peonil e de veículos para evitar o deterioro e desarraigo da flora nos sistemas dunares, pero os danos provocados polos visitantes son mínimos comparados cos do xabalí, especialmente se consideramos que as persoas non visitan apenas as zonas máis sensíbeis e importantes do humidal.

    Chaman a atención os grandes claros que a actividade deste animal ten criado nos últimos anos entre as canaveiras. E penso que moitos destes calveiros correspóndense con antigas comunidades de Ciperáceas como Schoenoplectus lacustris e, sobre todo, Bolboschoenus maritimus, xuncas coñecidas por teren rizomas moi apetecíbeis para os ánsares e, moito me temo, tamén para o Porco bravo. No interior da canaveira central teño atopado en Primavera (época de nidificación das acuáticas) pradeiras destas plantas completamente arrasadas.
   Cómpre recordar a importancia que para as aves acuáticas teñen precisamente as ciperáceas como lugar de nidificación, refuxio e alimentación (Observ. propias Doniños e Valdoviño anos oitenta)

 
Claros entre a canaveira provocados pola actividade do porco bravo

      Pensemos que A Frouxeira está incluída no convenio RAMSAR precisamente pola diversidade destes hábitats catalogados, xa que non ten suficiente interese ornitolóxico para ser considerado de importancia internacional. Así que sobran más comentarios ao respecto.

   Lamentablemente, os danos que o Porco bravo provoca sobre a fauna son moito maiores aínda. Non teño estudos sobre o tema, pero si moitas horas de experiencia de campo. E non teño palabras para transmitir o inmenso vacío que sinto cando percorro os transectos habituais desde que o Xabalí se converteu en praga.  A "Charca das espadanas" é un lugar paradigmático desta transformación habida de vinte anos para acó.


   Pasou de ser unha unidade ambiental en si mesma, chea de vida, a un lugar case morto. E iso que este ano presenta un aspecto fantástico a priori:


     A capacidade superpredadora do Porco bravo e os seus hábitos de caza poden darnos unha idea do abano das súas presas. Con toda probabilidade os anfibios han ser vítimas frecuentes, incluído o Bufo calamita, que conta (ou contaba) aquí con unha das mellores poboacións da costa norte galega, e tamén Hyla arborea e Rana temporaria, incluidas ambas no Catálogo galego de especies ameazadas.
  Tamén a Rata de auga (Arvicola sapidus), considerada como Vulnerábel co Atlas de mamíferos de España, podería verse afectada moi probablemente pola presenza invasiva do Porco bravo.

    Sen embargo, a orde que experimentou un maior impacto (ou máis visíbel polo menos) foi posiblemente a das aves. E especialmente a familia dos rálidos, que están situándose ao borde mesmo da extinción.
   É certo que a Galiñola negra (Fulica atra) non debeu ser nunca reprodutor abondoso debido ao peculiar réxime hidrolóxico desta lagoa (estuarino en Inverno-Primavera e de lagoa pecha no Verán-Outono). Sen embargo a Galiña de río (Gallinula chloropus) e o Rascón (Rallus aquaticus) si contaron sempre cunha importante poboación nidificante. E as observacións na última década indican un descenso alarmante, sobre todo de Galiña de río que, é unha opinión, podería estar xa extinguida ou a ponto de facelo.

  Recoméndovos a visita a este enlace: Ao noroeste do noroeste. Tentei buscar o post extraordinario que fixera Rafa sobre este tema e non o dei atopado, pero grazas a Paco podo poñelo. De visión obrigada.

   Diante desta situación tan grave, non se me ocorre outra solución que solicitar un control cinexético do Porco bravo dentro do humidal. O método podería ser a través de batidas con arco guiadas por Eloi e a súa xente. O que non sei moi ben é cómo e desde qué entorno solicitala. A miña desconfianza cara a Administración e o desánimo persoal non son os mellores estímulos, pero algo haberá que facer. Agradécense ideas.

18 comentarios:

  1. Boas meu! Outro post moi oportuno, non sei como o fas pero parece que me les a mente ;)
    Hai o mesmo problema nas Pontes de García Rodríguez: a densidade de porcos bravos está por riba da capacidade de carga do ecosistema desde hai anos, e as probas son concluíntes: na zona da entulleira e extremo oeste do lago as poboacións de urodelos (que teñen fase terrestre), de réptiles e de aves nidificantes no chan están en gran retroceso por mor, probablemente, da predación directa polo xabarín.
    E hai que tomar medidas! Esa caza con arco ten boa pinta, pero quizais habería que investigar con métodos anticonceptivos en cebadoiros... aínda que soe raro, pode funcionar.
    Apertas!
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Xa hai anos que Galicia enteira, dende Os Ancares ás Mariñas están expoliados polo porco bravo, ate o punto que dubido da existencia de territorios a salvo destes fozadores implacables. Non sei que conxunto de metodoloxías habería que empregar -dubido que unha soa poda ser eficaz para un problema tan espallado- pero como dí Xabi, non se pode obviar este impacto no Plan e no resto do país.

    ResponderEliminar
  3. Análise de libro, meu ¡¡¡
    O problema é que as cabezas pensantes de Gran Hermano (ti xa sabes) seguro que cha han botar abaixo nun instantiño con probas circunstanciais e apreciacións.
    O mais relevante para facer da Frouxeira un lugar protexido son os seus hábitats dunares e lacustres e com non por ser un paso e lugar de aniñamento relevante para unha serie de aves.
    Polo tanto estamos de acordo que o resto de habitantes (sexan estes animais ou humanos) deben plegar as súas comodidades a este fin de conservación.
    E eiquí está o problema que supón o porco bravo para este obxectivo primario.
    E por suposto que me alegro de que consideres que unha presión cinexética ben deseñada e controlada, pode ser un elemento que axude a este fin.
    Pola miña parte simplemente ofrecernos eu e os meus compañeiros arqueiros para este controis.
    Entendo que o arco, polo seu facer silencioso, sería plenamente compatible coa época de celo e aniñamento das aves que se aveciña.
    Creo que debería ser un tema a abordar có novo responsable de Conservación. É un fulano pragmático e con gañas de traballar. E penso que a idea de atallar este grave problema mediante unha axeitada xestión cinexética, non lle ha parecer mal.

    ResponderEliminar
  4. A verdade é que pensei que habería máis "debate" neste post.... Supoño que estando polo medio o tema da caza o persoal curtase de falar, logo de todo o que pasou últimamente.

    Polo que a min respecta penso que vou falar na SGHN para tentar un encontro co responsable de conservación (pásame os datos ao privado Eloi). Creo que poderíamos vernos todos in situ para que coñezan a lagoa de verdade e para que vexan por eles mesmos os danos terríbeis do Porco Bravo. A partir daí, e como ben di Xan e Damián, poden debaterse diferentes solucións, pero a caza (imos deixarnos de eufemismos e tonterías, que falamos dun tema moi serio) ten que ser unha desas solucións.
    Logo Eloi xa nos indicaría o mellor método e demáis circunstancias que el considere para nós darlle o visto bon ou modificar algún aspecto se procedese.
    Esta semana vou mandar un correo aos responsábeis da SGHN a nivel nacional e á delegación de Ferrol para solicitar formalmente ese encontro co responsábel provincial.
    Non sei qué che parece Xan (como fundador da SGHN a túa opinión vale dobre)

    ResponderEliminar
  5. Ola a todos,
    Xabi, debate pouco pode haber. Penso que o problema é moi clariño e a solucións tamén. Quizáis os métodos sí son opinables.
    En Esmelle as fozaduras nas dunas chegan á mesma praia. Hai uns días ollei como está fozado toda a zona onde criou o ano pasado a Píllara e onde está unha parella este ano.
    Como che dixen en Frouxeira o sábado, estaría ben lembrar a entrada de Rafael onde ti participaches.
    http://costaartabra.blogspot.com.es/2012/05/sos-porcos-bravossos.html

    Falando da caza con arco...non sei. ¿Cántos exemplares pódense cazar así? Matando uns cantos non se soluciona o tema.
    O método de Damián ¿qué efectividade ten?. ¿Cánto tempo hai que estar cebando aos bichos? ¿Cántos "escapan" aos cebadoiros?

    Penso que o problema é moi serio e URXENTE e as solucións ten que ser efectivas e urxentes tamén. Quizáis choque con certas posturas filosóficas, éticas ou doutro tipo, pero estámonos xogando moito.
    Un saúdo a todos
    Paco

    ResponderEliminar
  6. Imos ver. Se xa estamos de acordo en que hai que poñer en certos lugares couto á expansión descontrolada do porco bravo creo que imos ben, e alégrome de que teñamos puntos en común.
    No tocante ás armas a usar facer un par de puntualizacións.
    Falei do arco por ser unha ferramenta silenciosa, e porque entendo que en plena época de cría sería o mais axeitado.
    Non obstante, penso que o uso de calibre pouco ruidosos en èpocas menos sensibles, sería igualmente efectivo e pouco perturbador. O seu sería poder tirar se supresores de son (silenciadores de son para entendernos), pero lamentablemente a lexislación de armas deste país tennos desterrado de plano e sin excepcións. O que é un sisnsentido, porque para determinadas practicas de xestión (este é un exemplo de libro) serían un elemento primordial.
    A efectividade do arco está fora de dúbida. Se a arqueiros adestrados e que poidan moverse no interior da zona protexida sen molestias se lles da carta branca, poderiamos falar nunha tempada anual, de librar a zona da presión de 15-20 exemplares.

    ResponderEliminar
  7. Un millón de grazas Paco!! Mira que pelexei para atopar ese post de Rafa na lista de publicacións e non o dei atopado, pero tiña moitas gañas de metelo, de verdade.

    Sobre o tema da ou das batidas, quizá sería boa idea solicitar tamén a presenza de persoal técnico, ben veterinario ou biólogos con experiencia en autopsias a mamíferos, para analizar o contido estomacal dos Xabalís abatidos. Sería moi interesante para delimitar ata qué ponto afecta ao humidal (cando estea "protexido" de verdade costarame menos empregar esa palabra)

    ResponderEliminar
  8. Por certo Eloi, penso que eta frase: "O seu sería poder tirar se supresores de son" posúe algún erro ortográfico. Entendo que queres dicir "o seu sería poder tirar CON supresores de son", verdade?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. "Esta" frase. Estamos todos finos de carallo....(mañá Bichos sae en Intereconomía)

      Eliminar
    2. Quería decir TIRAR DE (de usar) supresores de son. Pero sempre hai cousas ...
      O dos tiros, cando se fala de silenciadores, xa se lle supón ...
      De feito, en todo Europa, e sobre todo para a caza en entornos urbanos e periurbanos non é xa que estea autorizada a caza con estes moderadores de ruido, senón que son obrigatorios.
      Eiquí os nosos sagaces lexisladores non permiten estes aparellos (nin a persoal técnico da administración) porque entenden que para cazar hai que tumbar (facer ben ruido pois).
      De feito un sagaz destes, pero no caso da administración galega, durante o proceso que levou á Lei de caza anterior, promoveu a prohibición da caza con arco. Como non faciamos ruido, segundo o prócer, podiamos dar lugar a problemas de seguridade. Vivir para ver.
      Afortunadamente, conseguimos parar o desatino e hoxendía a caza con arco, xa na Lei anterior e naactual, contémplase como un procedemento autorizado.

      Eliminar
  9. Vou facer eu de avogado do diaño, se mo permitides.
    Digo eu, que permitir a caza no espazo protexido, aínda que sexa con técnicas coma a do arco, implica aumentar a presencia do home e á hora de facer as batidas, non se verá afectado tamén o hábitat?
    So o comento por discutir un pouco, que se todos estamos de acordo, non hai debate...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Opa Inés:
      Para empezar cómpre ter claro que A Frouxeira é un espazo "protexido", non PROTEXIDO. Non coñezo nin unha soa actuación que mereza tal adxectivo nos últimos dez anos.

      E claro que a presenza humana na canaveira é unha afección do hábitat, pero (na miña opinión) os efectos positivos desa hipotética actuación compensan as evidentes molestias que poida provocar a cuadrilla de Eloi. O Porco bravo está literalmente levando é extinción moitas especies de fauna e flora (mirade o enlace que metín no penúltimo parágrafo do post).

      Estamos nunha situación de emerxencia e nunha situación de emerxencia hai que tomar medidas extraordinarias. Isto non é o Delta do Ebro, os Arribes ou a montaña pirenaica, senón un pequeno espazo natural altamente humanizado e degradado con unha presenza invasiva dun superdepredador que non ten enemigos naturais.

      Eu estou disposto a asumir os danos producidos na batida. Por suposto.

      Unha aperta (e graciñas por poñer algo de crítica, je,je)

      Eliminar
  10. Como sempre se nos critica ós cazadores que non usamos termos biolóxicos con pouca propiedade, eu tamén facendo de avogado do diaño vou facer a miña puntualización, acerca do uso de termos cinexéticos.
    A caza con arco non é unha batida.
    Unha batida, segundo a lei de caza, é unha acción de caza colectiva. Polo tanto cando esteamos a falar de caza selectiva, non me mesturedes este tema eiquí.Que despois xente pouco informada, pon o berro no ceo...
    Batidas no Lago, de maneira intermitente (con cans ceibos no humidal pero poñendo os postos fora da zona húmida) lévanse facendo anos. E non parece que puideran poñer a densidade nun óptimo.
    Así que haberá que pensar noutras solucións mais continuas e eficaces.
    A miña proposta é facer caza selectiva, mediante arco nas tempadas sensibles de cría e migración das aves, e con arma de fogo o resto de tempo.
    E ollo, estamos a falar de caza selectiva. Posiblemente isto implique o sacrificio de clases de idade menores (crias) para que os adultos se desplacen fora da ''área de perigo''. Se imos usar argumentacións éticas, morales e demais caralladas, a eficacia do control poboacional será escasa. Para iso mellor non empezar...
    E por suposto, facer un seguimento dos resultados, ata que se poida dar por estabilizada a densidade.
    A partir dese momento facer un ''mantemento'' que permita ter baixo control os porcos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas pola corrección Eloi. Tes razón que ás veces o mal uso xa linguaxe pode xerar problemas de entendemento.
      E efectivamente recordo ter visto algunha "batida" (agora si) cos cazadores situados perto da estrada xeral. Por outra banda entendo e participo da idea da selección de idade (algo que explicaba moi ben Markina naquela ponencia). Agora non se trata de buscar trofeos senón de conseguir un efecto real sobre os hábitos dos Xabalís que viven no humidal e se cómpre abatir exemplares novos pois haberá que facelo.
      As críticas de animalistas e algunha organizacion ecoloxista están garantidas, iso xa o sabemos. Así que o labor didáctico será vital.

      Eliminar
    2. Grazas pola explicación.
      E digo eu, esas pezas son para consumo propio ou poden venderse a un restaurante especializado en carnes de caza. Pregunto por curiosidade.

      E outra curiosidade, como vedes o de conseguir que haxa depredadores naturais do porco na zona. ¿Imposible ou inviable?
      Un saúdo.

      Eliminar
    3. Jo, vaia susto con iso de que "te eliminaches", Inés (non o fagas nunca que és a miña seguidora favorita!).
      Falando en serio, xa borrei todas as repeticións doi comentario e alusións ao respecto ("eliminar para siempre", opción de blogger que non deixa rastro ningún cando queremos borrrar un comentario desde o administrador).
      Do outro, pois Eloi é o experto, pero penso que os porcos abatidos consómense máis ben en comidas populares ou "zanfradas" (galego local). Xa sabes que eu fun vexetariano e agora son caníbal por obrigación familiar, así que non che podo dicir se nos restaurantes é habitual a carne de Xabalí.
      Falando disto, repito que considero o consumo de animais salvaxes moito máis ético e saudábel desde calquera ponto de vista que o de animais de granxa como os que se venden no Gadis. Gostaríame ter unhas palabras con algúns anti-caza radicais que probablemente non se priven de fartarse de carne e embutidos diversos procedentes de animais criados e torturados en granxas insalubres baixo unhas condicións de engorde e sacrificio horríbeis.

      Eliminar
  11. Esquecíao. Valdoviño hai moito tempo que deixou de ser hábitat do Lobo, penso (destas cousas o que sabe máis é Martiño). O nivel de alteración do medio e de urbanización farían virtualmente imposíbel a súa presenza. Ademáis penso que a poboación de Porco bravo é tan monstruosa que farían falta manadas como as de Siberia con 50 lobos para tivesen algo de incidencia. Quizá poida ser unha alternativa en outras rexións de montaña, pero aquí moito me temo que o control terá que ser "manual"...

    ResponderEliminar
  12. O consumo de carne de caza, aparte das motivacións éticas que esgrime Xabi, pois é unha consecuencia natural da caza, así que o que o cace, que o coma.
    Inés, na actualidade cazamos tantos porcos na tempada (soamente a miña cuadrilla conra uns 60 por tempada) que aparte das paparotas que coas que nos homenaxeamos nos e os nosos amigos e familiares, hai que pensar noutras solucións.
    Por iso hai anos decidims que unha parte das nosas capturas van destiñada á Cociña Económica de Ferrol. Aí fan bastante falla por degraza, e sei que Antonio Tostado e o seu equipo farán bó uso delas.
    Aparte disto comentar que a carne ne xabarín, en teoría non podería chegar nunca ó circuito por dúas razóns principais: Unha sanitaria, pois tería que examinar cada canal un veterinario para poder entrala ó canal comercial. Aparte disto a limpeza de pezas tería quye facerse nunha instalación homologada por Sanidade.
    Outra razón é a fiscal. Para comercializar carne, terías que ter unha licencia fiscal.
    Por estes motivos, e polo ético (nós facemos caza social, non comercial) decidimos non entrar este mercadeo.
    Despois de todo o que veño de contarche, podes atopar carnde de xabarín, de corzo, de coello e ata de dinosaurio se me apuras en moitos restaurantes.
    É o noso. Xa sabes que esta país e a legalidade, non se levan ben ...

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos