Seguidores e seguidoras

sábado, 9 de mayo de 2015

E agora isto: descuberta poboación reprodutora de Sapoconcho de Florida (Trachemys scripta)

   Esta mañá realizaba unha das saídas anuais para o programa SACRE (Seguimiento de Aves Comunes Reproductoras de España). Logo de rematar o traballo quedeime un rato polo Xubia.
  Había moitos anos que non me achegaba á "Presa do rei", unha pequena presa construída no río perto da desembocadura na ría de Ferrol.

 Presa do rei, no río Xubia (Narón)

    Cando buscaba algunha libeliña para afotar, atopeime isto:


    E logo isto:


    Sabía de citas pola zona (aquí ou en Forcadas), pero a observación de 11 Sapoconchos nun tramo de río duns 300 m non o esperaba.


   Desde logo nos anos oitenta, cando visitaba aquilo, esta especie invasora non tiña presenza alí. Claro que daquela o monte era das xentes do agro, dos pescadores, dos catro naturalistas chalaos que había, do Raposo e da Lontra. Hoxe Galiza converteuse nun inmenso parque temático onde os urbanitas pasean os seus cans, conducen os seus quads polos sistemas dunares "protexidos", corren para baixar o colesterol ou pedalean sobre as suas carísimas bicis de montaña (vaia peste todos os fins de semana!!).
   E se cansamos das nosas exóticas mascotas, sempre podemos liberalas no monte ou nos ríos, "para que vivan felices".

  Porque a maioría das especies invasoras teñen evidentemente unha procedencia urbanita, ben dos habitantes das grandes cidades ou ben dos traballadores acomodados nos seus chalés de fin de semana (que bonita esa Cortaderia ou ese Carpobrotus...). As xentes do agro ocupábanse de traballar a terra e de coidar os animais da casa, simplemente.

 Sapoconcho de Florida (Trachemys scripta)

   E o pobre Sapoconcho de Florida é o menos culpábel de todo. Non é culpa del que se fixera negocio coa sua captura, traslado de continente e comercialización na vella Europa. Se a isto sumamos a ignorancia e o atraso dun pobo no relativo á conciencia medioambiental, tíñamos unha auténtica bomba de reloxaría que nalgún momento había de estourar.

   Afortunadamente, Ferrolterra non é (nin foi recentemente) terra de Sapoconcho europeo. Así que o perigo de contaxios e "competencia desleal" por parte da especie invasora non existe. Pero si existe a ameaza para moitos pequenos vertebrados e invertebrados acuáticos que poden formar parte da dieta do Sapoconcho americán.



      A presenza de exemplares pertencente a diferentes grupos de idades penso que non deixa lugar a dúbidas sobre a existencia dunha poboación naturalizada e reprodutora na Presa do rei. 


     Os fectos sobre a vida salvaxe veranse co tempo. Pero desde logo, vendo como lograron sobrevivir a pesar da abondancia de grandes depredadores acuáticos como a Troita (Salmo trutta) e a Lontra (Lutra lutra), quizá estes inmigrantes ben se teñan gañado o dereito a residir aqui.

   Aínda que os "nativos" obviamente non pensarán o mesmo...


   Humanos.... (esa praga)

6 comentarios:

  1. Marvelous!! que diria Sarita..
    Pois sinto decirche que tes un "popurri" de Trachemys scripta elegans, T.s.scripta, cenleites (tamén chamados hibridos), e o que semella ser unha femia d Graptemys sp.
    O de "non risco": o carallo!!. Lémbroche que son vectores para o ranavirus, e están documentada as molestias aos zambuchos e demos negros nos niños, dos que chegan a malograr as postas polas molestias aos adultos.
    Cumpría mandarlle un repaso a zona, porque non sei se xa estan a reproducir, pero machos e femias hai como pa unha boda..

    Apertas,

    Cesar

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. É o que ten dispor dunha biblioteca naturalista pequena, César. Polas descricións que lera consideraba a todos como T.s.scripta, pero mirarei logo en Internet.
      E con "non existe risco" referíame a risco para E.orbicularis, pois a continuacion recoñecía a ameaza para o resto da fauna acuática, ainda que iso dos "Zambuchos" e Galiñolas negras tampouco será problema neste lugar, onde so crian Alavancos.

      Entendo que che interesa vir a trampear. Se é asi falamos polo correo persoal e podemos quedar. Ou me recomendas outra cousa?

      Eliminar
    2. Enviei unha resposta antes, pero perdeuse no ciber espazo..
      Fonducho (non zambucho) é o mergullón pequeno aquí no sur profundo.
      Bota un ollo a foto 2 e 3. Na duas a da dereita e Tse coa mancha esvaida. A do medio da foto tres tamén é Tse. Coa idade tenden a perder o riscado tendendo a melanización, especialmente os machos.

      Cesar

      Eliminar
    3. Non tiven moito tempo pero xa corrixo o texto en canto poda. Graciñas César.

      Eliminar
  2. Pero isto é Ferrolterra ou os Everglades? Qué pena... En fin, é o pan noso de cada día, cada vez hai máis especies exóticas e invasoras nos nosos ecosistemas, e xa non hai remedio na maioría dos casos. E repito, qué pena...
    Por outro lado, as fotos das últimas entradas son chulísimas, e en ambientes diferentes do habitual. ¿Qué ocorre co paso? ¿Non chega?
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois non chega, non. Xa sabes que para que haxa "limis" necesitamos a clásica situación anticiclónica con ventos de NE sostidos un par de días, pero levamos semanas coa situación inversa.
      Vamos esperar até a próxima semana a ver.... (é pouco frecuente pero algun ano o paso foi case inapreciable, ainda que non é moi habitual, repito)
      PD: Cada dia estou mais feliz coa SX50 e agora ando dándolle ao macro. Mola moito.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos