Seguidores e seguidoras

domingo, 27 de septiembre de 2015

Libeliñas en Outono

   Se non fose polas libélulas non sei eu se sairía ao campo este verao, porque o panorama é  absolutamente desolador. Os de fóra non poden imaxinar a pobreza en biodiversidade que temos últimamente na zona.

   Grazas a estes espectaculares insectos e o interesante do seu comportamento, as saídas a un humidal tremendamente pobre como é o encoro das Forcadas vólvense un pouco menos aburridas. E de paso serven para ir practicando tamén a fotografía macro e a edición RAW, xa que agora estou traballando coa Fuji HS50 case en exclusiva.

Lavacú estriado (Sympetrum striolatum)

    A medida que aprendo vou notando xa certos matices no diferente comportamento e selección de hábitat nos odonatos máis comúns. Se os Gaiteiriños forestais (Lestes viridis) escollen preferentemente entornos con arbustos ou árbores próximos a prados e ribeiras, o máis delicado Gaiteiriño verdescente (Lestes virens), observado na Frouxeira tamén, parece preferir micro-hábitats de xunqueira ou canaveira.

 Gaiteiro verdescente (Lestes virens)

 Esta parella que se apareaba nun salgueiro da ribeira tíñame un pouco confuso. Segundo Adolfo Cordero trátase dunha parella de Gaiteiriño bérber (Lestes barbarus).

 Parella copulando

   Ésta é a ribeira onde fotografaba algunhas das libélulas:


  O fin de semana pasado tivemos dúas xornadas de sol logo de moitos días de tempo chuvioso e frío. Na cola do encoro a superficie das augas estaba literalmente chea de libélulas facendo a segunda posta da temporada: Sympetrum e Aeschna sobretodo.



   A Libeliña de Outono, como o seu nome indica, resulta especialmente visíbel nesta estación, cando outras especies de odonatos son menos comúns ou xa desapareceron. Ademáis, e polo que vou observando, semella bastante resistente ao frío, sendo ún dos poucos insectos voadores grandes activos nas primeiras horas da mañá, xunto coas omnipresentes Avespas asiáticas. Pensade que en Valdoviño case sempre amence co ceo cuberto, algo de vento e temperaturas frescas.


 Libeliña de Outono (Aeschna mixta)

   Esta Donceliña é unha femia de morfo infuscans, apóntame o mestre Cordero, probábelmente I. graelsii.

 Donceliña sp (Ischnura graelsii/elegans)

   Son moitas horas parado entre as xunqueiras, mentras observo acuáticas, libélulas ou anfibios. Chega un momento en que os bichos te confunden con unha planta máis... Este Sympetrum parece que gostou de min e pousou varias veces sobre o meu brazo e no meu ombro.


  A todo isto, o enfoque da Fuji HS50, como xa teño comentado anteriormente, permite a captura de bichos en voo cunha facilidade moi superior a todas as bridge que teño probado. Penso que tanto a facilidade como a velocidade e enfoque son comparábeis aos dunha reflex básica con un tele medio. Case resulta doado pillar un odonato cando pairan, algo dificilísimo con calquera outra compacta.

Libeliña de Outono (Aeschna mixta)

   En fin, que podía ser pior...

No hay comentarios:

Publicar un comentario