Seguidores e seguidoras

viernes, 25 de diciembre de 2015

A Frouxeira, 24-Decembro-2015

   Esta mañá visitaba a praia e o sistema dunar da Frouxeira co amigo Juan Gómez Escariz (a pesares de ter aínda un obsoleto equipo reflex é boa persoa...).


  Ambos os dous comprobamos a tristura que nos ofrece o medio natural nestes últimos tempos, pois o transecto dunhas tres horas foi realmente pobre en observacións. Apenas uns poucos paseriformes comúns e moito tempo de soidade absoluta. Menos mal que os dous somos locuaces e tivemos conversa de sobra.

  A praia aportou unhas cifras de limícolas que seguramente serán parecidas ás dos censos, que comezan nunha semana:

- 38 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
- 44 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
- 4 Pilros comúns (Calidris alpina). Lonxe quedan aquelas cifras de 300-600 alpina dos anos noventa. Claro que daquela a peste aínda tiña unha presenza testemuñal nas praias da comarca. O alarmante declive da especie en Valdoviño só é comparábel ao acontecido na ría de Ortigueira, aínda que alí as causas son outras moi diferentes.
- 1 Virapedras (Arenaria interpres). Probablemente un exemplar desprazado desde os pontos de invernada tradicionais situados na costa rochosa próxima de Meirás e Ponta Frouxeira.

 Píllaras cincentas (Pluvialis squatrola)

 Virapedras (Arenaria interpres) entre píllaras

Grupo de Pilros tridáctilos (Calidris alba) en hábitat típico


 Nas depresións intradunares levantamos 4-5 Becacinas (Gallinago gallinago) e unha parella de Escribentas das canaveiras (Emberiza schoeniclus), quizá da subsp lusitanica, reprodutora na localidade. Unha parella de Choias alegrounos un pouco a mañá.


Choia de bico vermello (Pyrrhocorax pyrrhocorax)

  Por certo, informábame hoxe Pablo Gutiérrez da aparición dun Mergullón real (Podiceps auritus) na lagoa. En canto teña tempo haberá que ir facerlle unha visita.

2 comentarios:

  1. Pois a verdade é que as choias si que son motivo de ledicia. Por aquí abaixo non se ven moito. As fotos do amencer, preciosas.

    E xa que estamos...Feliz Nadal, Xabi. Bicos e apertas.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois por Valdovo non aprecio tendencia negativa. Afortunadamente segue a formar bos bandos que vagabundean polas dunas logo da tempada de cría (de ata 25 ou 30 aves).
      E a foto da praia ten truco: saturei un pouco as cores con software, para que resaltara esa cor dourada, pero non llo contes a ninguén.
      Biquiños e felices festas tamén.

      Eliminar