Seguidores e seguidoras

lunes, 18 de enero de 2016

Censo da lagoa de Valdoviño. Algunhas cifras.

  Hoxe foi probablemente ún dos censos máis satisfactorios que realicei nunca na lagoa de Valdoviño. Non tanto polas cifras - moi boas no contexto presente - senón pola diversidade de especies e a precisión dos conteos. A experiencia que se vai acumulando lóxicamente axuda moito. Por iso é moi importante contar durante todo o ano e en todos os humidais que visitas, non só o día do censo oficial (así é imposible coller destreza). Cando ía ao Delta do Ebro contaba todo o que vía, igual que en Villafáfila ou no Grove; o mesmo en Primavera que en Outono, sempre hai que contar. É a única maneira de converternos en censadores de verdade, dos que poden resolver unha situación complicada e imprevista.

  Porque esta mañá empezaba da pior maneira posible. Con un vento do demo, frío e chuvia. Camiñar pola praia cun forte vento de cara que te mete a area na boca (literalmente), coas gotas de chuvia mollándote os óculos, non é unha experiencia agradábel. Nesas circunstancias pretender estabilidade da visión é unha quimera. Todo se move: o trípode, as aves,... ti mesmo.
   É precisamente nestas circunstancias onde ún debe dar o mellor de si mesmo e onde acaba sentindo unha enorme satisfacción persoal cando as cousas saen ben. E foi precisamente este mal tempo o que favoreceu a aparición dunha morea de aves mariñas na mesma praia e no mar próximo:


 Palleira grande (Stercorarius skua)

   Mentras censaba as limícolas de praia deime conta do forte paso de peláxicas que había nesa primeira hora da mañá e puiden identificar en apenas uns minutos 4 Palleiras grandes (Stercorarius skua), 1 mediana (Stercorarius parasiticus/pomarinus), 8 Carolos (Alca torda),  moitos Mascatos (Morus bassanus) e 2 Gaivotas tridáctilas (Rissa tridactyla), unha das cuais estaba dentro da lagoa.
 Lamentablemente non podía quedar alí porque debía saír pitando para a lagoa e quedei coas ganas, pero no mar había un ambientazo.


 Gaivota tridáctila (Rissa tridactyla)

    A lagoa estaba aberta e baixa de nivel, un factor que beneficia enormemente a diversidade e a riqueza. Nestas circunstancias censar A Frouxeira é realmente un pracer para este que escrebe.

  Contáronse un total de 1492 aves acuáticas (sen incluir os Mascatos, que pasaban en gran número frente a costa) de 31 especies distintas. As anátidas estiveron representadas por 9 especies que sumaban 703 individuos; e as limícolas por 5 especies e 173 exemplares. Ademáis 374 gaivotas de 7 especies diferentes e galiñolas negras, ardeidos, corvos mariños e mergullóns.

 Gaivotas cabecinegras  (Larus melanocephalus)

  Como digo foi un censo que me deixou moi satisfeito, sobre todo logo do sufrido na praia a primeira hora. Ata apareceu por alí un macho adulto de Tartaraña das xunqueiras, algo moi pouco usual nesta lagoa, onde só aparecen femias e xuvenís durante o inverno.

Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) macho

  Xa sabedes, se queredes practicar en qué consiste isto de "censar" tedes unha oportunidade fantástica na Frouxeira, que arestora está perfecta para a obsevación ornitolóxica.

2 comentarios:

  1. Olá Xabi

    Apesar do "sofrimento" compensa com os bons registos (quantidade e qualidade)que conseguiste, enhorabuena!

    Saludos

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Sim que compensa. Ademais é que guardo moito carinho por este humidal, que levo visitando ininterrompidamente desde há trinta anos (o passado Novembro foi o "aniversário")
      Umha aperta Inocêncio

      Eliminar