Seguidores e seguidoras

jueves, 24 de marzo de 2016

Xornada herpetolóxica en Naraío

  Había dez anos que buscaba a Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola) nas cuadrículas NJ71 e NJ81, moi próximas a Ferrol e onde había rexistros antigos da especie. Cansado de non atopala hai uns días chamaba a Pedro Galán para consultarlle ao respecto e, amablemente, orientoume para poder localizala no val do río Castro.

Val de Naraío (concello de San Sadurniño)


      Unha das vantaxes de non poder desprazarme moito fóra de Ferrol é que aproveitas para visitar lugares que non coñecías ou que había moitos anos que non visitabas, como é o val do río Castro, integrado na ampla zona L.I.C Castro-Xuvia. Desgrazadamente o panorama mudou moitísimo e apenas quedan restos -moi degradados xa- das magníficas fragas que coñecín hai trinta anos. Hoxe esa peste ecolóxica que supón o maldito eucalipto chega ata a mesma beira do río, onde resiste como pode algún reduto de bosque galería.

 Río Castro
    A torre do castelo preside o entorno.

 Castelo de Naraío (estilo normando, século XIV)

    Desde a altura alvíscase mellor a pequena represa cosntruída no lugar e que converte ese ponto nun lugar idóneo para odonatos e para certos anfibios (haberá que voltar máis adiante)


    Foi no tellado de pizarra da casa que había xunto ao castelo onde achei varios exemplares de Lagartixa da serra, que tantos anos levaba procurando.

Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola)

  Unhas raiolas de sol despertaron varias bolboretas, como este satírido que, se os expertos non me corrixen, podemos dar por Pararge aegeria, especie moi madrugadora e habitual nestes entornos de ribeiras fluviais.

Pararge aegeria

 O mellor case veu depois, nunha vella casa abandonada e semiderruída (dou os dados UTM para o colega Rafa Vázquez: 0576889  4816365  244 m)


  Unha Cobra lagarteira común (Coronella austriaca) aproveitaba o sol da mañá para coller folgos sobre o vello muro de pedra.


    Os ofidios nunca foron abondosos polo Norte galego. Contamos con poucas especies e con baixas densidades (o clima tan ventoso, fresco e húmido non axuda moito). Pero nos últimos anos rarificáronse moito máis e agora as citas de cobras adultas activas son realmente difíciles de conseguer. A histórica antipatía e odio que teñen os galegos do rural cara elas fai que todos os encontros acaben de maneira fatal para a pobre serpe. Ademáis a transformación brutal do hábitat, os incendios en matogueiras litorais e os numerosos atropelos nas estradas están provocando un severo declive das suas poboacións, como puidemos comprobar durante os traballos de campo para os diferentes Atlas que estivemos a facer os colegas herpetólogos.

  Para diferenciar a Cobra lagarteira común da meridional (Coronella girondica) o mellor é fixarse nas escamas supralabiais. Na seguinte foto podemos apreciar que (comezando polo fociño) a terceira e a cuarta son as que están en contacto co ollo. Na meridional serían a cuarta e a quinta. Hai outros rasgos diagnósticos pero éste penso que é o máis doado de lograr cunha foto no campo.

Cobra lagarteira común (Coronella austriaca)
Canon SX60 (focal 247 mm)  ISO 160   V: 1/500   F: 6,5

  Na comarca de Ferrol a Coronella girondica está presente na costa do concello de Ferrol (Doniños-San Xurxo-Cobas), aínda que me informaron dunha cita nun lugar moito máis fresco e interior como é a Serra do Forgoselo (Fran Nieto, comunicación persoal).  Pola miña parte busqueina alí pero non a atopei, pero atopar ofidios é unha das actividades herpetolóxicas maís complicadas nestas húmidas terras do noroeste do noroeste, que diría un amigo.

6 comentarios:

  1. Moi guapa a entrada tio,xa empezan os nosos colegas ofidios,eu o sábado pasado trinquei 2 austriacas en Camariñas e en Verin unah maura e escaleira,se botaban de menos,moi guapas as fotos :)

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois grazas Rafa; pero agradeceríache que asinaras con nome e apelidos. Isto é un blogue serio e aquí non tolero comentarios anónimos, aos que non resposto case nunca (o teu foi unha excepción).
      No perfil de Google podes poñer unkalkera ou pijus magnificus se queres, pero ao final do comentario me escribes "Rafa Vázquez", mira qué fácil é..
      Unha aperta

      Eliminar
  2. Boas,

    penso que pode que a rostral sexa un caracter mais definitivo. Hai bastantes exemplares que non concordan coa regla da 3ª/4ª, de feito teño fotos de exemplares co lado esquerdo e dereito con patróns distintos.

    Apertas,

    Cesar

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Opa César. Xa lle contestei a Paulo Barros no facebook que citaba o da 3ª e 4ª porque visualmente é o máis doado en fotos de campo normais, penso.
      E non sabía que existían exemplares raros con outro padrón. Sorprendente!

      Eliminar
    2. Boas,
      Pois si, como di César ás veces hai cousas raras. Son casos moi pouco frecuentes pero poden suceder polo que hai que identificar con un par de patróns (como pasa coa parella iberica-temporaria). Nas Coronellas sucede máis habitualmente o número diferente de dorsais (19 para austriaca e 21 para girondica) o que axuda moito a identificar mudas (muda sen carena é Coronella pola nosa terra). Pero ás veces hai números diferentes (18, 20, ou mesmo intercambiados) aínda que é moi raro.
      Enoraboa pola entrada e moitas apertas!
      Martiño

      Eliminar
    3. "Muda sen carena é coronella"? E logo Rinechis?

      Eliminar