Seguidores e seguidoras

miércoles, 22 de junio de 2016

Serra da Capelada, ao noroeste do noroeste

  O domingo fun de visita á serra da Capelada na compaña de Rafa López Loureiro (Ao Noroeste do Noroeste), ún dos mellores coñecedores da zona. Alí xuntámonos con Álvaro e Eulogio, de Ortigueira. Habendo tanto gado xunto como estábamos é normal que aparecera tamén o Juanma Tojeiro. Vamos, que mellor compañía imposíbel.


   Rafa é para min un mestre da palabra e da flora. A cada paso que dábamos descobría un novo tesouro natural que doutra maneira permanecería agochado e oculto para este que escrebe.

 Orquídea (Gymnadenia conopsea)

  Como a Centaurea borjae, endemismo que só vive nesta serra e no Cabo Prior (onde se atopou recentemente). A parte basal, semellante ás alcachofas, indica ben a familia á que pertence esta auténtica especialidade da Capelada

 Centaurea borjae

  Fermosos prados de orquídeas animaban a pisar con moito coidado para non esmagar estes delicados tesouros botánicos.

 Orquídea (Dactylorhiza maculata)

 Arriba o mirador da Garita de Herbeira, ben coñecido polos colegas ornitólogos que todos os anos acuden á chamada de Ricardo Hevia e a súa flauta máxica, capaz de atrair as maiores raridades do mundo emplumado.


    Como raridade é a numerosa poboación reprodutora de Pica alpina (Anthus spinoletta) nestes outeiros de apenas 500-600 m. de altitude sobre o nível do mar. Polo noroeste do noroeste somos así.


 Pica alpina (Anthus spinoletta)

    Visita obrigada eran as pozas da "Serra de Paredes", orixinadas pola extración de pedra.


   Alí fomos testemuñas excepcionais dun dos fenómenos máis extraordinarios do mundo natural, como é a metamorfose dos anfibios. Isto é, o momento en que os exemplares novos perden definitivamente todos os rasgos larvarios para se converter en adultos en miniatura, dispostos a dar os seus primeiros pasos no mundo terrestre.

 Rá vermella (Rana temporaria), ex. metamórfico

   As augas estaban inzadas de vida. O Tritón (ou Pintafontes) palmado é o máis abondoso nestas comarcas frescas do norte galego.

 Tritón palmado (Lissotriton helveticus)

    Tivemos a sorte de ver en rigoroso directo a saída da auga deste diminuto tritón, a quen desexamos toda a sorte do mundo. Vaina necesitar.

 Tritón palmado, ex. metamórfico

 Polo menos xa non terá que fuxir dos numerosos cazadores acuáticos que predan sobre os cucharóns, como esta larva de coleóptero (quizá Acilius sp, do que vimos moitos adultos)

 Larva de escarabello acuático (Fam. Dytiscidae)

  Unha imaxe pouco usual foi esta concentración de "xirínidos" sobre unha folla de Potamogeton, pois este peculiar ditisco adoita moverse sempre pola superficie da lámina de auga.

 Escarabellos acuáticos (Gyrinus natator)

  En canto subíu un pouco a temperatura comezaron aparescer libeliñas, sendo as Enallagma as máis abondantes, aínda que tamén vimos algún Sympetrum foscolombii.

 Donceliña de copa (Enallagma cyathigerum)

   A pesar da dificultade que ten o autofocus da SX60 puiden tirar unha imaxe testemuñal da impresionante Emperador grande.

 Emperador grande (Anax imperator)

   Antes de marchar non podían faltar as Lagartixas da serra, que por estas terras seguen a ser aínda Iberolacerta monticola.


  Un lacértido que xa coñecedes doutras entradas deste bogue, por ser moi abondoso e por estar amplamente distribuído na miña área de campeo habitual.

Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola)

  Qudei con ganas de voltar e así combinamos eu e o mestre Rafa López Loureiro, a quen por suposto debo adicar este post con todo merecimento.

A mandare.

9 comentarios:

  1. Anax parthenope?
    Hai uns días tocoume a mín media horiña de charla con Rafael. É incrible o que se aprende e o que che fai pensar cando se pone a falar. Pero tiven máis sorte ca ti, porque dimos conta de dúas Estrelas.
    Apertas
    Paco

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Olá Paco. O texto inicial sobre Rafa incluía a proposición "...e mestre da vida", pois iso mesmo penso que representa Rafa; pero moitas veces fago cambios ou suprimo partes dos parágrafos por aquilo de non estenderme demasiado ou de que a publicación quede como a min me gosta desde o ponto de vista estético (xa sabes como vai isto).
      Se por riba hai dúas Estrelas polo medio, pois xa entramos no terreo do pracer onírico...
      Un abrazo, Paco.

      Eliminar
  2. Mil gracias mil, Xabi. Pedazo foto dos xirínidos e da larva de escarabello, as outras taampouco son mancas pero esas lévanme a vida. Á serio. Si, certo Paco e eu demos conta de dúas Estrellas e de dúas parrochas esquisitas; pra prósima a ver se hai tempo e podemos tomarlle outras tantas ou algunha outra. As dúas parrochas poden ser substituidas por dous medios quilos de percebes. Sen agobios. Apertas, mestre.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si que molan esa fotos acuáticas Rafa. Aínda que sempre fican pouco contrastadas (ou polo menos mo parece a min) e hai que axudarlle logo co software...
      A min válenme parrochas pero as birras non as perdono.

      Eliminar
  3. Que visita tan boa e variada. Encántame a foto do pintafontes.

    Apertas

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. A min tamén!! Son tomas complicadas con bridge porque dispós de moi pouco tempo para enfocalos antes de que volvan a mergullar e a velocidade de enfoque non é precisamente o ponto forte destas cámaras. Pero se o logras quedan moi fotoxénicas.

      Eliminar
    2. A min tamén!! Son tomas complicadas con bridge porque dispós de moi pouco tempo para enfocalos antes de que volvan a mergullar e a velocidade de enfoque non é precisamente o ponto forte destas cámaras. Pero se o logras quedan moi fotoxénicas.

      Eliminar
  4. Primeiro que nada, dicir que dispón dun blog fabuloso, con información toda de calidade. Son mestra e a súa páxina achega fotos e información que podo usar habitualmente na aula. Quería solicitar o seu permiso para copiar algunha e engadila nas fichas que elaboro para a miña aula (evidentemente levan debaixo a ligazón do seu blog, concretando que foron extraidas del). Moitas gracias por compartir con todos a beleza que temos ao pe da casa.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Por suposto que podes compartir todo o que publico. Tanto o texto como as imaces están à disposición de quen queira empregalas para uso naturalista ou divulgativo. E se é para o ensino mellor. Coa condición onvia de citar a procedencia, como ben fas. Hai outra profesora do colexio de Valdoviño que tamén o fai.
      E grazas polas túas palabras. Animan a seguir adiante.
      Apertas.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos