Seguidores e seguidoras

viernes, 28 de octubre de 2016

Garza branca (Egretta alba), pura elegancia

  Desde o pasado 2 de Outubro, a Garza branca (Egretta alba) está connosco. Polo de agora só foi detectado un único exemplar, no Seixo (Mugardos), o ponto onde máis doada de ver resulta.


   Logo da visita diaria á enfermaría - onde fago rehabilitación - fun sentarme no peirao do Seixo a ver as evolucións das garzas que alí se concentraban. Todas elas capturaban peixes de pequeno tamaño, identificados como "peóns" (Atherina sp) por dous paisanos a quen mostrei fotos. Levo dous anos observando esta preferencia por presas cativas e que contrasta co grande tamaño das cobradas noutros humidais como Valdoviño, onde capturan anguilas e peixes grandes (solla ou munxe).


  Aínda así por veces custa tragar...



   Habitualmente boto moito de menos a luz do sol. Sen embargo nestas semanas de tempo outonal inusualmente anticiclónico o sol molesta moito cando afotas aves brancas cunha bridge, como saben ben todos os seus usuarios. Nestes casos o RAW vólvese imprescindíbel para poder reducir un pouco a sobreexposición co software. E na serie Canon o RAW implica renunciar ao disparo en refacho. Así que entenderedes a dificultade de lograr unha captura de acción a disparo único.



 Garza branca (Egretta alba)

 En fin, foi unha mañá de terapia natural, ollando para as acuáticas da ría.


  Como noticiábel, salientar a observación onte de unha Pica alpina (Anthus spinoletta) na praia de Maniños. Primeiro rexistro fotogáfico da especie na localidade.


   Despídome cunha estampa típica da ría como é un mariscador voltando na lancha á confraría de Barallobre, co ferrolán barrio de Caranza ao fondo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos