Seguidores e seguidoras

martes, 17 de enero de 2017

"Aves na Limia", nova publicación naturalista

  Un seguidor deste blogue solicitoume que lle faga un pouco de publicidade a un libro que vén de publicar e que amablemente me regalou. Chámase Esteban Solleiro e o seu libro "Aves na Limia":


    Como sabedes na chaira da Limia (centro-Sur da provincia de Ourense) existía unha lagoa chamada Antela, que foi en tempos das máis grandes da Península, xunto con La Janda (Cádiz), Laguna de Duero (Valladolid) e La Nava (Palencia). A súa desecación, en pleno franquismo, foi quizá o maior atentado ecolóxico da nosa historia recente, perdendo para sempre un humedal que sería agora de importancia internacional, comparable aos máis importantes a nivel peninsular.
  A pesar da traxedia, a chaira onde se asentaba a lagoa conserva aínda unha serie de valores ecolóxicos únicos en Galiza, grazas aos seus hábitats de campiñas abertas, encharcamentos estacionais e pozas de canteira restauradas.

  Neste fermoso libro Estaban lévanos nun percorrido polas principais especies de aves da Limia grazas a unha serie de imaxes espectaculares que semellan máis propias dun fotógrafo profisional. Podemos imaxinar as moitas horas e esforzos do autor para captar todas estas escenas fantásticas. Porque estamos diante dun libro eminentemente fotográfico, onde a imaxe é protagonista absoluto e que entusiasmará aos afeizoados á fotografía de Natureza.




  Pego unhas palabras do autor:

Creo que desde sempre, sentín paixón pola natureza e unha ansia especial en captar, a través da fotografía que practico como afeccionado, os fugaces instantes que nela ocorren. Pero sen dúbida son as aves, das que canto máis coñezo máis sorpresa e admiración me producen, as que me cativan e nas que centro especialmente toda a miña atención.        
Son autodidacta, amante da luz e o detalle, inspirándome única e exclusivamente nas marabillas que a natureza nos regala, e sempre intentando reflectir fielmente as situacións naturais.
A primeira vez que acudín á Limia, quedei atrapado polo que Serafín Gonzalez denomina a chaira do encantamento”.
Entre 2008 e 2016, dedicolle certo tempo a fotografar en varios concellos da comarca ourensá as 183 especies de aves que se mostran aquí, e non deixou de sorprenderme a ampla biodiversidade presente, malia as calamitosas actuacións (desecación da lagoa, deforestacións, etc.) que alí se levaron a cabo.
As fotos que aparecen neste libro corresponden a aves silvestres na súa propia contorna;  non se utilizaron nin reclamos nin ningún outro medio de atracción destas.  Simultaneanse as imaxes estáticas e primeiros planos co maior número posible de voos e fotos de acción, que aínda que, polo efémero do momento, resultan máis complicadas de realizar, mostran en maior medida o esplendor e espectacularidade das aves.

Cada especie se presenta co seu nome científico, nome en galego e nome en castelán. Logo localidade, mes, ano, situación na Limia e características técnicas da foto.







   O libro pódese comparar nas librarías "Arenas", "Maside" e "Moito conto", así como nas principais librarías de Compostela, Ourense e Xinzo. Tamén se pode pedir a amazón.es, ou directamente ao autor, a través do teléfono 617411841 e do correo esolleiro@mundo-r.com. O prezo é de 38,50 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos