Seguidores e seguidoras

domingo, 1 de enero de 2017

Coa Canon SX60

  O ano rematou cunha visita a Maniños, na fría mañá de onte, na que amencimos con xeadas e cero graos na ribeira da ría ferrolá. Porque agora os días son moi curtos e as horas que podo "bichear" son xusto as máis frías, antes de que dea o sol en moitos lugares sombrizos. Neses momentos en que a humidade semella penetrar toda canta peza de roupa leves ata chegarte aos ósos.

  Polas anotacións nos cuadernos de campo, non lembro outro Decembro tan soleado desde o ano 1988. Aquel fora un inverno excepcionalmente seco, con catro meses continuados de situación anticiclónica en toda Europa que durou ate fins de Febreiro de 1989. Penso que até houbera restricións de auga na cidade de Ferrol, algo insólito en pleno inverno.
  Noutras circunstancias a estas alturas tería o cuaderno e o blogue cheo de cousas das excursións a mil sitios diferentes, pero coincide nunha etapa da vida en que apenas podo moverme de casa. Recoñezo que é un pouco frustrante ver pasar tantas xornadas sen poder aproveitar este tempo tan excepcional.

 Garza real comendo camarón

   Onte estiven en Maniños, como dixen. Non había novidades de interese, así que estiven probando cousas coa bridge pequena.


  Aprendín a non facerlle moito caso ao exposímetro. Se a luz non incide directamente é mellor sobreexpoñer un pouco, con coidado de non queimar os brancos. A edición en RAW será logo de grande axuda.

 Garza real (Ardea cinerea)
Canon Sx60 (focal 197 mm)  ISO 200  V: 1/400  F: 6,3

 Comentar que segue en Barallobre a Gaivota cana que leva unhas semans con nós. A ver se a podo coller un día a pouca distancia. Por agora son fotos lonxanas.

Gaivota cana (Larus canus), 1º inverno

 E non teño máis por hoxe. Grazas por seguir aí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos