Seguidores e seguidoras

domingo, 29 de enero de 2017

Primeiro nigricollis nupcial

   Este inverno tivemos un episodio de tempo seco excepcionalmente prolongado que rematou esta semana. Desde mediados de Decembro prácticamente non chovera nada e cando iso ocorre soe vir o tempo das xeadas, que foron especialmente intensas entre os días 12 e 18 de Xaneiro. Coma sempre os vales de Verín, A Limia, Monforte, Sarria e outras áreas de marcado carácter "mesetario" tiveron os rexistros máis xélidos, con ata -14,4 º C en Calvos de Randín (Ourense). Na Galiza costeira o frío foi máis levadeiro por mor da influencia do mar e apenas chegamos a -1 ou -2 º C na ría de Ferrol.

  E falando da ría, podemos atopar xa os primeiros mergullóns de pescozo negro en plumaxe nupcial:


  Para interesados na súa fotografía vos recordo que o mellor momento para pillalos coa plumaxe de cría é a desde mediados de Febreiro até primeiros de Marzo, pois logo marchan.

 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

  No peirao do Seixo (Mugardos) había unha gaivota patimarela buscando mexillóns.



     Desde hai uns días as parellas que se reproducen nos edificios próximos á ribeira xa se mostran agresivas e marcan territorio diante do fotógrafo, emitindo os seus típicos reclamos ameazantes e realizando vóos baixos, aínda que por agora de maneira bastante tímida (en Maio-Xuño, cando teñen ovos ou pitos, vólvense agresivas de verdade).


   Un exemplar, deduzo que macho, achou un mexillón que rápidamente levou xunto a súa presunta compañeira a modo de ofrenda.

 Parella de Gaivota patimarela (Larus michahellis)

  Alleo a esta escea de parella, un bilurico decidíu tomar un baño aproveitando a baixamar.


 
Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos) bañándose

  E por agora non hai moito máis que contar. Síntoo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario