Seguidores e seguidoras

sábado, 10 de marzo de 2018

Primeiras prospeccións en charcas

Chegado Marzo comeza a tempada de anfibios e outra fauna acuática. Ademáis tiña ganas de ver como estaban as pozas restauradas no monte comunal de Sillobre (Fene). Unha restauración na que colaboraron Eloi Saavedra e Pablo Torrella, colegas e seguidores deste blogue.

 Charca restaurada no Marraxón

   Nas pozas non había bicho ningún (nen sequer invertebrados). Cómpre ter en conta que este Outono foi moi seco e os encharcamentos estacionais non comezaron encherse até Xaneiro ou Febreiro, co cual a aparición de algas e fanerógamas acuáticas tamén se está a retrasar. E sen flora é difícil que a fauna colonice o espazo.

 Cartaz informativo

 Porén son de agradecer estes pequenos pasos a prol da conservación, sobretodo cando a iniciativa sae dunha asociación de viciños local.

Pila de madeira para recuperación de  Escornabois (Lucanus cervus)

  Ao Norte, érguese o Marraxón (onde hai un xacemento arqueolóxico con restos de túmulos). Apenas quedan restos das brañas e matogueiras atlánticas que cubrían todos os montes litorais antes da eucaliptización.

Monte Marraxón (355 m.snm)

 Xa no concello de Neda fixen unha parada nun regato para buscar Chiglossa lusitanica (con resultado negativo) e nun vello lavadoiro.


  Alí atopei uns 20 Pintafontes comúns (Tritons/tritôes en galego portugués). Estaban moi activos e puiden observar varias paradas nupciais.

 Pintafontes común (Lissotriton boscai), macho

 Pintafontes común (Lissotriton boscai), femea

    Os anfibios están a desparecer rápidamente da nosa terra. Non gozan do mesmo seguimento e recoñecimento popular que teñen os grandes vertebrados pero o seu declive é alarmante.
  Centos de miles de anfibios son atropelados cada ano na infinita rede de estradas galegas; os pequenos humidais desaparecen baixo polígonos de dubidosa utilidade; a contaminación por puríns envelena os cursos de auga en áreas agrícolas: logo está a predación terríbel por parte desa peste que é o xabalí e, localmente, de especies invasoras como Caranguexo vermello, Black bass ou Visón americán. Son demasiadas ameazas para os anfibios nun medio natural xa de por si sumamente alterado e humanizado. Por iso debemos desfrutar cada pequena observación que vaiamos tendo destes marabillosos animais, porque cando nos deamos conta, non haberá.


 No val do Belelle investiguei unha zona de prados próxima ao río. Nunha pequena poza atopei o outro pintafontes pequeno que temos en Galiza. O hábitat era bon para o grande Pintafontes verde (Triturus marmoratus) mas non levaba equipa axeitada para buscalo.

 Pintafontes palmado (Lissotriton helveticus)

  E tamén saquei unha larva de Gaiteiro.

Larva de gaiteiro (Calopteryx virgo/haemorrhoidalis)

  Agora falta que se vaian asentando estas charcas para que a vida acabe de instalarse nelas.

2 comentarios:

  1. A foto que pos, efectivamente é parte de Marraxón, pero ese alto é o Coto do Rei.
    Hai xacementos arqueolóxicos, pero son túmulos, non castros.
    A zona é unha boa chaira e braña de pasteiros, na que as xente do Neolítico e o Bronce facian aproveitamento de pasteiros.
    Os galaicos, a xente dos castros, puxeron as súas vivendas mais abaixo,preto de onde está o hábitat tradicional da aldea galega, xusto nas zonas de cultivo. Inda que evidentemente, usaban os altos e os brañales.
    O castro mais preto, está cabo do lughar de Belelle, no paraxe das Paredes.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas polo aporte. Xa corrixín o do castro. No mapa había un icono de restos arqueolóxicos, logo vin escrito "castro" e asociei ambas cousas.
      O nome do monte vouno deixar igual. Xa me decatara de que o alto denominado propiamente "Marraxón" (334 m) está algo máis ao norte pero así o lector entenderá mellor. Ás vece resumo ou obvio pequenos detalles por motivos didácticos.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos