Mentras conducía chegando a Vilalba pasoume algo moi curioso. Unha luz moi intensa baixou a toda velocidade desaparecendo no horizonte. O máis probable é que se tratase dun pouco máis de chatarra espacial precipitándose e consumíndose na atmósfera terrestre. Pero non puiden evitar pensar nun desexo. E, dado que esa luz desaparecía xusto en dirección Leste, o meu desexo foi tamen naquela dirección.
ANCARES EN OUTONO
Poucas paisaxes quedan en Galiza tan espectaculares como a montaña en Outono. Era unha conta que tiña pendente, así que onte voltaba polos Ancares, a serra que fai de fronteira natural entre León e Lugo.
Coma vén sendo habitual realicei o transecto que ascende polo val do río Otigal, entre Degrada e Donís.
A estación está no seu esplendor. As cores douradas, ocres e vermellas compoñen unha estampa moi fermosa, que agora resulta máis vistosa aínda coa chegada das neves.
Agora mestúranse a cor parda e amarela das follas dos Carballos (
Quercus spp), Pradairos (
Acer pseudoplatanus), Bidueiros (
Betula pubescens) ou Abeleiras (
Corylus avellana) co verde dos Acivros (
Ilex aquifolium). Polo medio destaca o vermello das bagas dos Capudres (
Sorbus aucuparia) e dos propios Acivros. Un espectáculo para a vista que se debe contemplar unha vez na vida polo menos, como o de ir á Meca.
O camiño estaba limpo de neve ata a cota de 1200-1300 m (o percorrido comeza un pouco por baixo dos 1000, na ponte que cruza o río. Pensei que había estar máis nevado, pero case mellor así (tampouco teño equipo axeitado para travesía en neve).
E, coma sempre tamén, tocaba facer unha parada na "Campa número 1". Neses momentos o sol empezaba a facer acto de presenza. Boa falta facía, porque estiven toda a mañá con 2-3 graos baixo cero. O bon é que non facía moito vento e se estaba bastante ben.
Na montaña, como sabedes, existe unha enorme diferenza entre as ladeiras orientadas ao sur e as orientadas ao norte. Debido ao efecto do sol, nas ladeiras de solaina a neve aparece sempre en cotas moito máis altas. Onte, por exemplo, o Pico Tres Bispos estaba case sen neve pola súa vertente meridional, agás a liña de cumes, pero na vertente norte a cousa cambiaba:
Cara Norte do Pico Tres Bispos
E xusto cando andaba eu mirando para aló e zás, un grupiño de Rebezos que querían saír en
Bichos (a foto non é boa, pero é que pensade que estaba na mesma liña de cumes!, bastante fixo a miña SX50)
Rebezos (Rupicapra rupicapra)
Comparade a escura librea invernal que teñen agora coa que amosan no verao, tal como afotaba a finais de Maio este mesmo ano (
pincha)
Rebezos a finais de Primavera
Un solitario Voitre común aparecía como unha sombra desde o monte Tres Bispos e foi baixando polo val.
Voitre común (Gyps fulvus)
A neve ofrece posibilidade de atopar rastros de mamíferos que habitualmente son máis difíciles de detectar. Coma estas pegadas, que encontrei a carón dunha cabana vella:
Fixen unha foto, pero había moitas. Inicialmente deinas por Gato bravo (
Felis silvestris), aínda que semellaban un pouco pequenas (pensei nunha femia). Pero mirando en casa guías e demáis, non coincide a medida tan pequena de 30 x 30 mm. Case máis propia de Algaria (
Genetta genetta) ou Gato doméstico. De Algaria non parecen, pola forma e escasa separación das almofadiñas e pola ausencia de marcas de uñas (non as ten retrácteis, coma os félidos). Así que o máis probable é que se trate dun gato cimarrón (cruzado de bravo e doméstico). Unha pena, porque neste hábitat vive o gato bravo, e estes gatos cimarróns, que son fértiles e se cruzan entre eles, son unha ameaza para a supervivencia da especie salvaxe, pola perda de xenética.
As pegas do
carnívoro sp cruzábanse coas de un roedor saltarín. A escea é doada de imaxinar, aínda que non sei moi ben cómo acabaría...
Pegada de roedor (os catro pes xuntos)
Neste caso, parece que se trate dun "múrido", tal coma un Rato de campo (
Apodemus sylvaticus) ou da fraga (
A. flavicollis). Máis que nada porque os "micrótidos" (outro tipo de roedores, vaia), tales coma
Microtus spp ou
Cletrionomys, se desprazan correndo, non a saltos coma os ratos verdadeiros. Ou polo menos é o que teño observado habitualmente.
En fin, de cando en vez cómpre repasar estas cousas de rastros e pegadas, que o teño un pouco oxidado. É a maneira máis fácil de "observar" mamíferos..
A maioría de paxaros concentrábanse nas inmediacións do Acibral. Alí atopan alimento e refuxio seguro.
Acibral en Outono
Ao longo da mañá puiden detectar Tordos rubios (
Turdus iliacus, moi numerosos) e comúns (
Turdus philomelos), Merlos (Turdus merula), Paporrubios (
Erithacus rubecula), Carrizos (
Troglodytes troglodytes), Cardeais (
Pyrrhula pyrrhula), Ferreiriños azuis (
Parus caeruleus) cristados (
Parus cristatus) e negros (
Parus ater), Gabeadores azuis (
Sitta europaea) e comúns (
Certhia brachydactyla), Estreliñas (
Regulus ignicapillus),.. Todos eles preparándose para o duro inverno que a ponto de chegar.
Mirando desde a Campa 1 cara o val
Despídome cunhas imaxes que tomei da neve do camiño. Nunca me fixara neste aspecto tan peculiar que colle debido á xeada.
Ata a próxima!