O domingo pasado realizaba unha visita á montaña zamorana, aínda que non contei co extrordinario boom turístico que o Parque Natural Sanabria sufría nestas datas. A pesares de todo a excursión foi proveitosa e coñecín algúns lugares moi interesantes, como o entorno da lagoa de Los Peces ou o encoro de Puente Porto.
Paisaxe de montaña
En xeral a zona lembra bastante a outras serras do NW ibérico coma Trevinca ou o Macizo Central, que pertencen ao mesmo dominio bioxeográfico. As típicas campas son un lugar estupendo para realizar a paradas ornitolóxicas.
Campa típica de montaña
Arriba, a 1700 m de altitude, a lagoa de orixe glaciar.
Lagoa de Los Peces
Chamada así por motivos obvios.
Vermellas (Achondrostoma arcasi )
As especies máis destacadas que observei na contorna de Los Peces foron Escribenta das hortas (
Emberiza hortulana), Pica campestre (
Anthus campestris), Tordos charlos (
Turdus viscivorus) e Chasca norteña (
Saxicola rubetra), con adultos levando bicada. De rapaces pouca cosa, sorprendentemente. Un miñato abelleiro (
Pernis apivorus) na ribeira norte do Lago de Sanabria como máis noticiable.
Escribenta das hortas (Emberiza hortulana)
Pica campestre (Anthus campestris)
Chasca norteña (Saxicola rubetra) con bicada
De anfibios pois moitas Rás verde (
Pelophylax perezi), omnipresente en todo tipo de hábitats, tanto de auga corrente como estancada. Atopei cucharóns de Rá patilonga (
Rana iberica) en hábitats típicos, e nada máis.
Rá verde (Pelophylax perezi)
Recentemente segregouse a
Iberolacerta das montañas ourensás e zamoranas coma especie aparte:
Iberolacerta galani. A taxonomía avanza de ano en ano.
É moi parecida á Lagartixa da serra común (
Iberolacerta monticola) que temos abondosamente na comarca de Ferrol-Ortegal, aínda que non amosa eses tons verdes que si ten a súa curmá costeira.
Lagartixa da serra (Iberolacerta galani)
Con tantas lagoas como hai por aló a comunidade de odonatos é numerosa e visíbel.
Támdem de Donceliña de copa (Enallagma cyathigerum)
Ao principio só vi especies comúns que tamén temos na costa galega.
Libélula de cu negro (Orthetrum cancellatum)
Parella de Donceliñas vermellas facendo a postura
Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula)
Da seguinte
Sympetrum engadín outra foto con vista dorsal:
Sympetrum flaveolum
Gaiteiriño (Lestes dryas/sponsa)
Os colegas do foro Naturzamora axudáronme a identificar estas bolboretas:
Plebejus argos
A Ícaro
Plebejus argos da imaxe anterios contábase por centos nos ucedais e carqueixais da zona. Camiñando por aquelas brañas levantabas centos de este delicada bolboreta azul.
Coenonympha glicerion
Colias crocea
Lamentablemente a miña visita coincidíu con varias actividades gandeiras e deportivas que aumentaron a xa de por si masiva presencia de turistas no lugar.
Lago de Sanabria
O luns visitei o encoro de "Puente Porto", un térmo que non semella moi natural (eu diría ou Ponte Porto ou Puente Puerto, dependendo de se conservamos o ditongo -ue- ou poñemos -o- como é norma común nas línguas do tronco galego-portugués).
A pista que leva até alí ofrece vistas realmente solitarias e que inducen á reflexión interior. Para un galego da costa resulta insólito ver un espazo de varios quilómetros cuadrados sen casas nen estradas.
Turbeiras próximas a Ponte Porto
A saída da presa conforma un lugar ben interesante:
Desaugue do encoro de Ponte Porto
Por aló apareceu o tímido Merlo rubio (
Saxicola saxatilis), dos que avistei un grupo familiar.
Merlo rubio (Saxicola saxatilis) macho
En Galiza é moi raro, e limítase ao cuadrante suroriental. Un xoven voantón, sempre máis confiados, facilitou o rexistro fotográfico.
Merlo rubio (Monticola saxatilis), polo voantón
Entre as numerosas brañas discorren pequenos regos que seguro posúen unha interesante comunidade de fauna invertebrada. Pero a visita era unha de toma de contacto co Parque Natural, e non había tempo para todo o que me gostaría.
Regato típico nunha braña
Turbeira con Xunca de algodón
É curioso como os anfibios ocupan hábitats diferentes en función das características climáticas da zona. Un caso chamativo é a Píntega común (
Salamandra salamandra), que na provincia de Ourense vive en microhábitats hiper-húmedos, un nicho ecolóxico que na nosa zona é ocupado pola Saramaganta (C
hioglossa lusitanica). Coas rás pardas pasa algo parecido. Na Sanabria, onde a Rá vermella (
Rana temporaria) está moi estrinxida aos hábitats máis fríos e elevados, a Rá patilonga (
Rana iberia) aparece en hábitats caracterísitcos da primeira, que son ocupados únicamente pola
temporaria nas comarcas do Norte galego. Como a turbeira da foto anterior, onde atopei un exemplar metamórfico e un adulto de
iberica que capturei para a súa identificación.
Rá patilonga (Rana iberica)
Tamén apareceu unha lagartixa que non me atrevo a nomear, dados os grandes cambios taxonómicos que houbo no grupo
Podarcis. En principio pareceume unha
Podarcis Bocagei pero con un
jizz completamente diferente: menos robusta, cores máis "limpas", sen tanto negro e máis raiado nos laterais, quizá. Ignoro se este morfotipo foi segregado ou segue a formar parte da especie nominal. Varios dos meus seguidores son herpetólogos expertos e seguro que nos sacan de dúbidas.
Lagartixa tipo galega (Podarcis bocagei ou similar)
No camiño de volta
bimbeei outra especie de libeliña. Levoume tempo pero logrei a identificación grazas ás fotos disponíbeis, onde se aprecian mellos os pteroestigmas e o segundo segmento abdominal, con pruinosidade incompleta.
Gaiteiriño dríade (Lestes dryas)
E con esta fermosura de Gaiteirño despídome ata a próxima.
Quedan vacacións e quén sabe se haberá ocasión de voltar..