luns, 13 de outubro de 2025

Gatos ferais... esa peste ecolóxica....

    Na linguaxe científica defínense como "ferais" aos gatos domésticos que permanecen no medio natural provocando gravísimos problemas na fauna local, especialmente en ecosistemas insulares, onde poden levar á extinción especies enteiras. Mil veces denunciado e con numerosos artigos publicados sobre os estragos que fan, semella ser ese problema silencioso ao que ninguén lle quer poñer o cascabel (nunca mellor dito). Seguramente porque ese ninguén sabe perfectamente o custe eleitoral que suporía ter que enfrontarse ao colectivo animalista, cada vez máis numeroso.

  Desde o movimento ecoloxista aceptábase que prácticas coma o silvestrismo, a pesca deportiva ou a caza tiveran o seu sentido no pasado. Un xirín cantando desde unha gaiola emitía a única música que había na casa antes da chegada da radio. A caza e a pesca aportaban proteínas nunha época en que a vida consistía en sacar adiante familias numerosas tentando que sobrevivise o maior número de fillos e fillas posíbel. Eran outros tempos. Da mesma maneira a mantenza de gatos ceibes nos arredores da casa era un controlador importante contra os roedores nunha época en que se cultivaba. O hórreo e mais o gato eran as únicas armas para controlar as poboacións de ratos e ratas, que mesmo podían causar epidemias. O gato era un animal de traballo, coma o can pastor. Os tempos cambian. Hoxe deixar que os gatos anden ceibos fóra da casa debería estar proibido, e ponto.

Gato feral con estorniño negro (Sturnus unicolor) recén capturado

 Esta fin de semana achegábame á ribeira de Neda por facer unhas probas coa G7, que definitivamente parece ter un problema de configuración coa temperatura de cor. Alí tiven ocasión de presenciar un episodio de predación dunha ave autóctona por parte da especie invasora mas protexida por parte da opinión pública e política. Si, o gato feral.


  Eliminei a cor destas fotos porque mostran un capítulo terríbel do noso medio natural. Non ten a repercusión mediática das marés negras, da caza, dos lumes, da eucaliptización e as celulosas coma Altri, mas é outro dos grandes problemas ecolóxicos na Galiza. E, o mesmo que nos problemas antes mencionados, tamén existe un poderoso lobby detrás para defendelo: o lobby animalista.


  En 2025 non existe xustificación para que haxa gatos ceibes e sen control no medio natural galego, sexa florestal, agrícola ou urbano. De igual modo que non permitiríamos a preseza de leopardos, para salvaguardar a seguridade das persoas. Porque un gato non deixa de ser un leopardo a pequena escala, co seu mesmo instinto e deseño anatómico perfeito para a caza. Sen embargo, a diferenza dun leopardo (ou dun gato bravo) os gatos domésticos non cazan para sobrevivir, porque xa lles dan de comer na casa. A súa caza é simple instinto natural. De feito moitas veces non saben nin que facer coa presa recén capturada (que pode ser un estorniño negro, un lagarto das silvas ou unha corta dos prados) e lla levan aos donos como "regalo". Todos os que cometen este delicto medioambiental que implica ter gatos ceibos fóra da casa saberán a qué me refiro. 

Gato feral ollando cara o estorniño, aínda agonizante

       O gato cazou o estorniño momentos despois de ter fotografado unha lavandeira branca pousada na mesma baranda de madeira onde pousou o estorniño despistado. E con ela nos despedimos. Ao outro non lle vexo solución a curto prazo mentras non desaparezan do panorama político español as formacións políticas animalistas (que mesmo contan con ampla presenza ecoloxista entre as súas filas, manda carallo!!!).

Lavandeira branca (Motacilla alba)
Panasonic Lumix G7 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:400   V:1/160   V:1    F:6,3

 Por unha Galiza viva, sen gatos ferais.

4 comentarios:

  1. Por donde vivo hay 2 colonias felinas y vienen a cazarlos , los esterilizan y los vuelven a soltar donde los capturaron. Eso con lleva unos gastos que van en nuestros impuestos.Josè Ramón Castro Gómez.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Eu non empregaría a palabra "cazarlos" (lástima) pero entendo o conceito. Desde logo resulta escandaloso que parte dos nosos impostos vaian adicados a manter esas putas "colonias" felinas,... a repoñer os sinais de tránsito, as papeleiras metálicas completamente corroídas polos mexos dos cans ou a farola que caeu hai pouco no cruce onde vivo. "Progresismo", disque.
      PD: Mañá vente por casa e che explico a liada esa que tes co dos comentarios en blogger.

      Eliminar
  2. Hai menos dun mes merquei o libro "Cat Wars. The Devastating Consequences of a Cuddly Killer", de Peter P. Marra e Chris Santella. Lin capítulos salteados e reafírmome na miña opinión: o dos gatos "ferais" (ou cimarróns/asilvestrados/vadíos) é un problemón a nivel ambiental que ten moi poucos visos de solucionarse sequera a medio prazo. O animalismo/mascotismo/peluchismo segue mandar. En fin... Apertas. Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Os animalistas están inflitrados en todos os estratos sociais, forzas políticas e mesmo grupos conservacionistas, como ben sabes. Aínda que nuns sitios máis ca noutros....
      Por outra banda, mesmo entre o noso colectivo (a nivel global) vexo moitas opinións críticas contra o mascotismo/animalismo "mal entendido", como teño lido nestes termos exactos por importantes representantes. Para min non hai "animalismo ben entendido".
      Apertas

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos