domingo, 4 de setembro de 2011

Mariñas e limícolas en Valdoviño

Hoxe fun cedo ata o cabo da Punta Frouxeira, na parroquia de Meirás (Valdoviño). Un grupiño de Choias (P.pyrrhocorax), que empregan o faro coma durmidoiro, saíu a recibirme.

Semellaba un día favorábel para a observación de mariñas en paso. Pero o vento de compoñente SW que zoaba  non era precisamente o idóneo para tal menester neste lugar. Nestas circunstancias son moi poucas as mariñas que se achegan á costa o suficiente para poder identificalas.

Apenas parei media hora, na que censei:
- 150 Mascatos (Morus bassanus)
- 6 Pardelas cincentas (Calonectris diomedea)
- 18 Furabuchos atlánticos (Puffinus puffinus)
- 3 Pardelas baleares (P.mauritanecus)
- 1 Palleira pomarina (Stercorarius pomarinus) xov
- 1 Palleira grande (S skua)
- 27 Carráns cristados (Sterna sandvicensis)
- 2 Carráns comic (S.hirundo/paradisaea)
 Cifras todas elas moi pobres para a localidade. Non é Estaca, desde logo, pero se colles un día bon non dás contado todo o que por alí pasa e, nalgunhas spp saen frecuencias de paso realmente espectaculares (3000 Mascatos/hora, 500 Pentumeiros, 1400 P.puffinus, 300 P.griseus, ..)

 Xa que tiña tempo, baixei ata a pequena cala coñecida como "Praia dos Botes". Nótase que estamos xa en Setembro: vaias onde vais atopas aves migrantes en paso.
 Por exemplo, 3 Virapedras (Arenaria interpres) rebulindo os montóns de algas e pedras buscando alimento. Con eles, 20 Pilros tridáctilos (Calidris alba), limícola ben "fotoxénica", que ata a min me queda ben nas fotos.




No outro lado da praia, un grupiño de 18 Píllaras reais (Charadrius hiaticula), con varios adultos en plumaxe nupcial aínda,  e 1 Pilro gordo (Calidris canutus, no centro da imaxe), que semellan estar entrando estes días por todo o país.
 Finalmente fun dar unha volta a ver como estaba a veciña lagoa da Frouxeira. Non han faltar entradas da lagoa neste blogue; iso xa o daredes por suposto os que me coñecedes de Galiciaves. Arestora, co nivel tan alto apenas hai aves visíbeis nas augas abertas. Nadaban 3 Mergullóns (T.ruficollis), un grupiño de Patos frisados (A.strepera), anátida que nidifica aqui todos os anos, e pouco máis.
  Entón escoitei un carrán cristado (Sterna sandvicensis). Ou iso me pareceu. Mirei cos binóculos e identifiquei claramente un ex desta especie na parte norte da lagoa. Pero entón vin outro, máis ao Oeste, saqueille dúas fotos moi malas e apareceu isto:



 En principio semella un Carrán común (Sterna hirundo), menos numeroso có Cristado, pero habitual tamén durante os pasos na Frouxeira.
 Ata a próxima.

4 comentarios:

  1. Ola Xabi,
    onte no Cabo Prior en tres horas vimos pouco máis que ti en media. Moi mala luz. Iso sí, pasaron varios grupiños de Pentumeiros (M. nigra) duns trinta. As Palleiras que non eran grandes dímolas por SP porque ían máis perto de Bristol que do faro.

    Do Carrán non che podo aportar nadiña.
    Un saúdo
    Paco

    ResponderEliminar
  2. Non sei qué pasa. Este ano sáenme números moi cativos na Punta Frouxeira. Nonson tan metódico coma vós, co RAM, pero é un lugar que controlo relativamente ben. E este ano, non dou collido un día bon. O ano pasado pasoume algo parecido e veu un día potente de Setembro e zas!, 1390 P.puffinus nunha hora!!
    De todas formas en Prior (ía por aló a finais dos 80) penso que a situaión xeográfica dos Cabalos pode perxudicar un pouco a observación, por isto de que as aves pasan (se non recordo mal) por detrás dos illotes. Na Frouxeira o campo de visión é moito máis "limpo", máis estilo Estaca (perdón pola comparanza, glups!)
    E o Carrán penso que pode ser un hirundo. se te fixas xa mudei o encabezamento da entrada. O que pasa é que non estou aínda afeito a ver as aves "en foto". A parte baixa das ás, que se vé escura na foto, parecíame inicialmente a parte dorsal. E claro, flipaba. Pero logo de analizar as fotos, penso que podía ser perfectamente un común.
    Pero con estas cousa nunca se sabe, que hai máis de vinte anos tiven a sorte de ver 2 Carráns caspios xuntos en directo na Frouxeira (e que debe ser a primeira cita de Galiza, probalemente)
    Un abrazo!

    ResponderEliminar
  3. Non se ve ben na foto, pero semella que pode ser un Sterna hirundo adulto.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  4. Olá, Damián. Grande parte da dúbida viña debido a que inicialmente confundín a parte inferior das ás 8que se vé escura debido á sombra) coa parte superior.
    Logo, mirando a foto máis tranquilo, cheguei tamén á conclusión de que é un S.hirundo. Vou modificar o encabezamento e texto da entrada..
    Un abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos