sábado, 24 de setembro de 2011

Ría de Ortigueira, 24 de Setembro

 Nesta última fin de semana de Setembro, mes do paso migratorio por excelencia, volvín á ría de Ortigueira.
    E nótase ben a crise económica, que está a afectar ao noso e moderno Occidente capitalista (os outros dous terzos da poboación mundial levan xa toda a vida inmersos nunha "crise" bastante pior...). Contábame Pepe, mentras paseábamos polos prados de Taraza, que a crise probablemente había de empuxar a moita xente a volver a traballar o campo e retomar os cultivos en moitos terreo agora abandoados.
   Ben, pois resulta que as nosas rías supoñen tamén un importante recurso económico non só para os profisionais que viven dela, senón para moitas familias que atopan na pesca ou marisqueo un pequeno complemento á economía familiar. Conto isto porque non lembro ter visto nunca tantas embarcacións con xente pescando na ría coma estes últimos meses.  E penso que non se debe simplemente a que haxa máis afeizón pola pesca deportiva.





  Nalgunha embarcación o persoal estaba máis ben a velas vir, como esta Garza real (Ardea cinerea)




Hoxe estiven só nas enseadas máis interiores da ría: Feás, Mera e A Lagarea-Cuíña. En Feás había baixamar, o que fai que as aves maioritariamente se concentren nas canles de desaugue.




        A baixamar é un momento propicio para contar anátidas en Ortigueira. Así que puxen mans á obra. Contei algunhas cousiñas máis que se puxeron a tiro

- 3 Cullereiros (Platalea leucorodia) frente ao peirao de Ortigueira. Aquí vemos dous, acompañados por unha Garzota (Egretta garzetta).

 - Uns 700 Alavancos (Anas platyrhynchos). Levaba un censo moi meticuloso en Feás e Mera, pero con isto das fotos para o blogue despisteime, e se me pasou o momento de contar na Lagarea. Pero máis ou menos por ahí estaría a cousa. Os machos estrean a súa bonita plumaxe nupcial. O resto de anátidas aínda manteñen as cores discretas do "eclipse".

- 3 Patos culleretes (Anas clypeata). Primeira observación propia da especie este outono.
- 7 Patos rabilongos (Anas acuta). Tamén é a primeira chegada rexistrada aquí.
- 8 Patos asubiadores (Anas penelope).
- 23 Cercetas (Anas crecca)

 Mentras censaba en Feás, apareceu unha das nosas xoias orníticas: o Pica peixe (Alcedo atthis), nidificante na ría (e moi desconfiado, por certo).
  Os Corvos mariños (Phalacrocorx carbo) aínda non chegaron. Refírome ao "mogollón", por suposto. Na ría sempre hai uns cantos, pero o continxente invernante aínda vai tardar un par de semaniñas en chegar. Nesta foto tiven a sorte de pillar un exemplar anelado (ou iso me parece).

Tamén había limícolas, como este Bilurico claro (Tringa nebularia)
  Fixen algúns censos parciais. De pouco serven se non se completan, pero xa que os temos, vamos dar algúns números:
 - 5 Mazaricos rabinegros (Limosa limosa)
- 29 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 15 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
 - 82 Pilros comúns (Calidris alpina).
- 18 Pilros gordos (Calidris canutus)
- 5 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)

Estes Totanus (e outras especies) descansaban ao pé do muíño de Cuíña..

Tamén apareceron as primeiras Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola). Dous exemplares xuvenís, na enseada da Lagarea. Na foto, o primeiro comezando pola dereita. Na miña opinión as plumaxes xuvenís deberían estar proibidas. Cómo complican a identificación e qué sustos dan ás veces!!.


Na Lagarea xa temos Asubiadores (Anas penelope), como este da foto. É o que ten o ventre branco, na parte esquerda da foto.


Cando xa marchaba polo camiño, asustei varias Lagartixas da serra (Iberolacerta monticola), endemismo ibérico, propio da alta montaña. Sen embargo na nosa terra é frecuente tamén nas serras de baixa e media altitude, ou mesmo na costa das comarcas de Ortegal e A Mariña, onde é moi común. Ésta é unha femia.


E despídome cunhas fotos de botánica, realizadas nunha pequena xunqueira salgada dominada por Juncus maritimus, en Cuíña. Como estas bonitas Aster tripolium, que aínda están en flor nestes días de outono:    
   
 A Halimione portulacoides, de follas carnosas e sabor salgado. Esta planta, da familia das "quenopodiáceas" é moi frecuente nas zonas de marisma onde hai profundas canles escavadas pola escorrentía. Estas canles están ás veces moi pouco visíbeis e hai grave risco de enterrar a perna na lama ou mesmo de lastimarse bastante  (teño levado bós sustos, mentras buscaba Becacinas ou Rascóns nas xunqueiras de Ladrido). Así que a Halimione é un bon indicador de perigo, cando se prospectan marismas salinas. Ollo!

  Por último, unha Limonimun sp. Non levaba a guía encima, e non sei se é a L.vulgare ou a L.dodartii , ésta última  catalogada como en perigo de extinción, e que ten en Baldaio a poboación máis importante de España (grazas, José, por compartir aquela xornada)
Saúdos desde Ferrol.

2 comentarios:

  1. Xabi o das embarcacións pescando seica era porque entraron moitos calamares o fin de semana. Saludos

    ResponderEliminar
  2. Levo máis de vinte anos visitando a ría e Ortigueira, e nunca houbo a presenza de tantas chalanas e embarcacións coma se observa este último ano, de verdade. Non se trata de un día ou dous, nos que entre sargo ou lura. É todos os días. Na miña vida vin tanta xente pescando como agora.
    Non é un asunto casual, na miña opinión, Pepe.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos