domingo, 23 de outubro de 2011

Terra Chá. Segunda parte.

  Como dicía, o Outono é un período excelente para a observación do Sisón (Tetrax tetrax), que se agrupa en bandos nesta época do ano. É un ave eminentemente esteparia, emparentada coa espectacular Avetarda (Otis tarda). Na zona da Veiga de Pumar aínda se poden ver ata 50 ou 100 exemplares nun só grupo.

 Na zona da Espiñeira o seu número debeu descender moito.  Tempo atrás teño observado bandos relativamente numerosos alí (ata de 38+ exemplares en Setembro do 92). Sen embargo nos últimos tempos as observacións outonais soen corresponder a grupiños de 5-10 ex como moito. Hai colegas que coñecen moito mellor ca min a situación desta especie na zona (agradecería algún comentario ao respecto, Gustavo).

 Este grupiño de 6 Sisóns colleume totalmente desprevenido. Estaba eu pensando "nas quimbambas" cando saíron disparados desde un mainzal, a carón dunha parcela onde a especie se ven reproducindo tradicionalmente.


 Ao voar emiten coas ás un asubío moi semellante ao que fan algunhas anátidas. Algo que, xunto coa silueta que teñen, pode dar lugar a certa confusión para o observador profano en certas circunstancias.  Nesta vista, desde atrás recorda máis aínda ao Alavanco (Anas platyrhynchos).

 A media mañá dirixínme ás agras abertas do Arneiro e da Veiga de Pumar, nos límites dos concellos de Cospeito e Castro de Rei. Nada máis chegar saltou a sorpresa. Basta que pensara en Villafáfila....e apareceu un fermoso Millafre real (Milvus milvus) acosado por varios corvos. Había moitos anos que non observaba esta rapaz por terras galegas. A última vez fora no Courel, tamén en Outubro (mes de paso, con entrada de migrantes na Península, procedentes do Norte)

 A distancia era moita, e as fotos saíron como saíron...

 Antes de voltar a Ferrol, puiden fotografar este Lagarteiro femia ou xuvenil. Non puiden confirmalo ben, pero a xulgar polos tons clariños e limpos do ventre e parte inferior das ás, creo que podía ser un  Lagarteiro das torres (Falco naumanni). É unha especie cada vez máis frecuente a finais do verán nesta Terra Chá, cada vez máis "mesetaria".


    Como digo, non podo aseguralo e quedo coa dúbida. A ver se alguén pode aportar máis luz nesta identificación.

   Probablemente este cambio de tempo que se aveciña para os próximos días vai traer novidades no panorama ornitolóxico galego. Haberá que estar atentos.

 Ata outra.

2 comentarios:

  1. Hola Xabi.
    Voy a ver si aporto algo de luz pues. Según tengo entendido, en Tinnunculus P10 es de similar longitud que P7 y en Naumanni P10 es claramente más larga.
    A la vista de las fotos, yo diría que es común.
    Un saludo!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos