sábado, 17 de decembro de 2011

Fotos reflex

Aproveitando que teño secuestrada a Canon de Pepe Vidal, fun dar unha volta pola costa da Frouxeira, para "coñecernos" un pouco. Porque nunca manexara antes unha máquina destas. Así que, co manual do usuario encima, me puxen a disparar a todo o que se movía e tamén ao que non.

 Alí ao fondo, o cabo Prior, onde Paco, Xan e compañía realizan habitualmente o censo de mariñas (RAM)


 De novo, a escasa luz da mañá e os chaparróns fastidiáronme un pouco a clase práctica. Pero algo puiden sacar, aproveitando o tele de 250 mm. Como esta bonita Gaivota patimarela (Larus michahellis)


 A verdade é que as reflex son unha marabilla. Afeito como estou á miña compacta bridge, isto é realmente outro mundo. O que máis me impresionou é a velocidade coa que podes traballar, que fai que a fotografía sexa moito, moitísimo máis doada. Aínda que o ruido no momento do disparo resulta algo molesto, por "cantoso".

O feito de levar un tele pequeno e lixeiro, tamén axudou a que me sentise moi cómodo (levar un cacharro de 500 debe ser outra historia..)

 Unhas Choias (Pyrrhocorax phyrrhocorax) alimentábanse nos campeiros situados sobre os acantilados, onde son especie nidificante.


 Custoume bastante adaptarme ao enfoque manual da Canon. Así que provei tamén co automático.

 Por desgraza a prova non deu moito de sí, debido ao breve da mesma. De feito tiven que volver correndo para o coche campo através, baixo un chaparón do copón. Pero coma toma de contacto, a sensación foi fantástica (Pepe, como te despistes un pouco non respondo...)


Antes de voltar a Ferrol, peguei unha pequena inspección da lagoa,que segue subindo. Parece mentira que en só dous días se note, e moito, esta subida.


 Nesta foto podemos ver claramente como toda a xunqueira central permanece asolagada. Dentro duns poucos días, apenas quedarán fóra da auga os "penachos" das canas no centro da marisma. Nos cinturóns de carrizos do W e do SE manteráse en superficie algo máis de altura das plantas, debido ao seu maior desarrollo. Pero a maior parte da xunqueira deixará de ser tal cousa, se finalmente non se leva a cabo intervención ningunha, como parece ser a idea da Xunta.

 Como dixen o outro día, isto suporá un cambio drástico na fisonomía da lagoa, tal como a coñecemos actualmente. Gostaríame pensar que vai ser para ben.....


 Ata outra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos